Primeira demanda xudicial para que o profesorado substituto teña contrato até a incorporación do titular

A consellaría césao con data 30 de xuño aínda que a/o titular non se incorpore ao posto

Nacional -

Aínda que nestes momentos os distintos tribunais (a nivel galego, estatal e europeo) están a ditar resolucións contraditorias ao respecto dos dereitos do persoal interino e substituto, a CIG-Ensino ten claro que se debe ir até as últimas instancias para garantir a extensión do contrato do profesorado substituto até a incorporación da persoa titular.

A CIG-Ensino vén de presentar a primeira demanda xudicial para conseguir que o profesorado substituto non sexa cesado a 30 de xuño se a persoa substituída non se incorporou. O sindicato entende que o contrato debe manterse até a incorporación do titular, con data tope na finalización do contrato por curso completo.

A Consellaría impón desde hai tempo o criterio, e así aparece nos nomeamentos, que unha vez rematadas as actividades lectivas xa non se precisa o docente substituto. A polémica está servida cos diferentes puntos de vista de distintas administracións de xustiza a nivel galego, estatal e europeo, mais desde a CIG-Ensino considérase que se debe ir até as últimas instancias para garantir ese dereito.

De aí que promova esta demanda, que pretende abrir o camiño, caso de se producir unha sentenza favorábel, a que se estenda a todo o persoal substituto, habida conta da imposibilidade de negociar cunha Consellaría pechada no bunker do inmobilismo e que actúa permanentemente de costas aos dereitos sociais e laborais do profesorado.

Dereito ao “cobro de verán” para este colectivo

A CIG-Ensino segue insistindo na necesidade de recuperar un dereito eliminado por Feijóo no curso 2011/2012 e que, malia que o goberno galego se enche a boca a falar de recuperación económica, segue sen contemplar esta partida no proxecto de Orzamentos da Xunta para 2019. “Na CIG-Ensino seguimos a demandar a realización do contrato nos meses de verán a aquel profesorado que traballe cando menos cinco meses e medio durante o curso académico, ao tratarse do colectivo máis vulnerábel e precario de todo o persoal docente do ensino público galego” afirma o seu secretario nacional, Suso Bermello.

Volver