Presentada demanda contra a Xunta por non convocar o concurso de traslados do persoal laboral

Leva sen se convocar 10 anos, incumpríndose así o V convenio

Nacional -

A CIG-Administración Autonómica e o CSIF veñen de acordar a presentación dunha demanda xudicial contra a Xunta de Galiza polo reiterado incumprimento do disposto no artigo 7.2.a) do V Convenio Colectivo no que atinxe a convocatoria do concurso de traslados do persoal laboral.

O acordo acadado vén precedido por reiteradas solicitudes feitas por ambos sindicatos nos últimos anos para que a Dirección Xeral da Función Pública dera cumprimento á normativa vixente que establece o concurso de traslados como o “sistema normal de provisión definitiva de postos de traballo”.

Asemade, e fronte ao recollido no Convenio Colectivo, que establece que os concursos serán convocados anualmente, a Xunta de Galiza leva dez anos sen convocar un concurso para o persoal laboral, provocando gravísimos prexuízos aos traballadores e traballadoras.

De feito, o persoal laboral do grupo V leva sen convocatoria do concurso de traslados desde o ano 2011 e, no caso dos grupos I ao IV, desde o ano 2012.

Para a CIG_Administración Autonómica e CSIF é incomprensible que a Xunta de Galiza, co beneplácito de CCOO e UGT, pretendan convocar e resolver procesos de funcionarización ou procesos selectivos de acceso libre, estabilización ou de promoción interna sen ter convocado previamente un concurso de traslados que garanta os dereitos do persoal a mobilidade e ao cambio de categoría para todos os grupos conforme o disposto no artigo 7.2.a) do V Convenio Colectivo.

Neste senso, a inacción da Xunta de Galiza na convocatoria dos concurso de traslados está a levar a Administración a novos e graves incumprimentos da normativa vixente.

Hai abondosos exemplos como a adxudicación en destino provisional de postos de traballo as persoas aspirantes que superaron procesos de acceso libre ou promoción interna, cando o Convenio Colectivo establece taxativamente que ten que ser destino definitivo. Alén diso o persoal vese na obriga de solicitar, unha e outra vez, as adscricións temporais como medida paliativa a falta dun concurso de traslados.

Por último CIG-Administración Autonómica e CSIF lembran que, coa non convocatoria dos concursos de traslados, a Xunta tamén está a incumprir o acordo sobre incremento de prazas da OPE 2016 (DOG do 24 de maio de 2016) que no seu apartado quinto establece que “A Administración comprométese a convocar e resolver definitivamente un concurso de traslados para o persoal laboral fixo dos grupos IV e V, segundo o establecido no V Convenio colectivo único, antes da toma de posesión do novo persoal das categorías convocadas na OPE de 2016”.

Volver