Presentada unha única candidatura ao VIII Congreso da CIG

No seu marco homenaxéase ao “Gallego Soto” e celébrase un Encontro Sindical Internacional
Nacional - 07 Out 2021

Unha única candidatura, encabezada por Paulo Carril, concorrerá á Executiva Confederal e Secretaría Xeral no VIII Congreso da CIG, que terá lugar este sábado, día 9 de outubro no Pazo de Congresos de Compostela (San Lázaro). Unha xornada de debate na que máis de 600 delegados e delegadas elixidos/as polas federacións nas distintas comarcas, xunto cos membros do Consello Confederal e da Comisión de Garantías analizarán o traballo desenvolvido nos últimos catro anos e definirán os obxectivos que se fixa a central sindical para o vindeiro período.

Rematado o prazo de presentación de candidaturas, confírmase que só unha, encabezada polo actual secretario xeral, Paulo Carril, concorrerá á Executiva Confederal e á Secretaría Xeral nun Congreso que será histórico porque é o primeiro que a CIG afronta como primeira forza sindical en Galiza en representatividade, afiliación e mobilización.

Delegacións internacionais

Entre as delegacións convidadas estarán a CTC de Cuba; a CGTP de Portugal; os sindicatos ELA, LAB ou a Intersindical catalana; delegacións de varios estados de Latinoamérica como Brasil, Chile e Uruguai ou de países africanos da lusofonía como Cabo Verde xunto con representantes do Sahara Occidental e de Palestina, entre outros.

Homenaxe ás loitas obreiras da Patagonia Rebelde no Teatro Jofre, en Ferrol

Ademais, arredor do Congreso está previsto un acto en conmemoración do centenario das loitas obreiras da Patagonia Rebelde e a lembranza do que foi o seu líder, Antonio Soto, coñecido na Arxentina como “Gallego Soto”, que terá lugar esta mesma tarde, ás 18:00 horas, no Teatro Jofre de Ferrol, tras unha ofrenda floral na súa casa natal, ás 17:00 horas. Actos nos que participarán membros da CUT de Chile e da CTA de Arxentina, neste caso non presencialmente por mor das restricións da covid.

Seminario Internacional

Xunto a isto está prevista a celebración dun Seminario Internacional, a partir das 10:00 horas de mañá venres día 8, baixo o lema “Na defensa do traballo na era Covid-19”, no que participarán todas as delegacións internacionais presentes no Congreso e que será clausurado por Paulo Carril.