Preséntase unha proposta de modificación transitoria do Decreto de acceso á función pública docente

A CIG-Ensino considera que a proposta non colma as demandas do profesorado interino
Nacional - 27 Out 2017

Na Mesa Sectorial do 24 de outubro en Madrid, a representación do Ministerio de Educación fixo entrega dun borrador de Real Decreto para modificar transitoriamente a actual norma que rexe as oposicións para os corpos docentes. Unha proposta que para a CIG-Ensino non colma as demandas do colectivo de profesorado interino. Tamén achegarán en menos de dúas semanas os borradores dos novos temarios, aínda que estes non entrarían en vigor até o ano 2019.

O MECD fixo entrega dun borrador de Real Decreto que contén unicamente unha proposta de modificación transitoria da ponderación das fases de oposición e concurso e, dentro desta última, da experiencia docente. O documento vai ser presentando aos representantes das CC.AA. o 30 de outubro e volverá á Mesa Sectorial do Estado o día 7 de novembro. A intención do Ministerio é que entre en vigor xa para as oposicións do 2018.

A CIG-Ensino adianta que non concorda co concepto de período transitorio. “Para nós a valoración do traballo realizado como persoal interino non pode andar dando tombos cada poucos anos e, se non se acepta a vía do acceso diferenciado, o traballo no ensino público debe ter a máxima consideración na fase de concurso”. Por iso insiste na súa proposta de facer os cambios normativos necesarios para permitir o acceso diferenciado con todas as garantías xurídicas. “Sabemos que é un tema bloqueado xudicialmente neste momento mais tamén somos conscientes do nulo interese dos diferentes gobernos por explorar cambios con rango de Lei que permitiran esa vía”.

Simple redución da temporalidade

A CIG-Ensino xa dixo, e mantén, que o acordo para a mellora de emprego público é unha simple redución da temporalidade, non supón a estabilidade de quen está a traballar. “É, por tanto, un mal acordo xa que parte da consolidación dos recortes e de permitir a superación do 100% da taxa de reposición só durante tres ofertas de emprego, volvendo despois ás limitacións de persoal”.

Entende que impide ademais a única posibilidade realmente extraordinaria recollida na lexislación actual (acollerse ao artigo 61.6 do EBEP). Por iso afirma que “non podemos aceptar que a oferta das prazas actualmente existentes sexa algo extraordinario”.

Outra cousa sería, ao entender da CIG-Ensino, que se ofertasen todas as prazas que os gobernos do PP recortou, xa que iso si implicaría a creación neta de postos de traballo. Por tanto, “o que agora se introduce como negociación para un período transitorio debería ser, en todo caso, o sistema ordinario de ingreso na función pública docente, levando ao máximo legal a puntuación da fase de concurso e, dentro deste, primar até o tope legal a experiencia docente no ensino público”.

A proposta ministerial parte de fixar un cambio temporal, limitado ás ofertas públicas até o ano 2019, consistente en que a ponderación da fase de oposición sexa do 60% e a da fase de concurso do 40% (no RD 276/2007 a ponderación é 2/3 para a oposición e 1/3 para o concurso). Dentro da fase de concurso o MECD inclúe no borrador un incremento da puntuación por experiencia docente até os 7 puntos sobre os 10 posíbeis (sobre os 5 actuais). O MECD mostrouse reacio a considerar a posibilidade de que as diferentes probas da fase de oposición non fosen eliminatorias ou a introducir outros cambios no modelo da fase de oposición.

Desenvolvemento da mesa

A CIG-ENSINO volveu amosar a súa posición crítica co acordo subscrito a finais de marzo de 2017 entre diversas organizacións sindicais e o goberno do PP xa que, como se recoñeceu na propia Mesa, ese acordo implica aceptar que os aproximadamente 40.000 postos de traballo recortados no conxunto do Estado, dos que un 10% serían no ensino público galego, non se van recuperar.

Desde o sindicato maioritario en Galiza amósase tamén a crítica á excesiva demora nos prazos, xa que esta Mesa estaba prevista para mediados de setembro. Diante deste atraso, a demanda da CIG-Ensino ao respecto dos temarios foi que non se apliquen na convocatoria do 2018 se o MECD non pode asegurar unha inmediata publicación.

O MECD comprometeuse a que se fará entrega ás OO.SS. dos borradores dos novos temarios o día 7 de novembro, mais que precisan de tempo para a súa tramitación e, polo tanto, non entrarían en vigor até as oposicións de 2019.

De novo volveu chamar a atención a posición das demais organizacións sindicais presentes na Mesa ao respecto das competencias e do marco de negociación das diferentes Mesas Sectoriais, insistindo en que o MECD "liderara" as negociacións coas comunidades autónomas e conseguise que as oposicións dos diferentes corpos docentes foran alternándose (mestres un ano, secundaria outro) en todo o Estado. Algunha intervención sindical, laiándose de se sentiren como convidados de pedra fronte a capacidade das CC.AA. de xestionar os procesos selectivos, foi especialmente reveladora da concepción centralista que teñen do Estado.

Diante disto, a CIG-ENSINO insiste, máis unha vez, que o único marco de negociación da convocatoria de oposicións é, no caso de Galiza, a Mesa Sectorial galega, como froito inequívoco da vontade expresada nas urnas nas eleccións sindicais. “Lembramos, a estes efectos, que a Consellaría xa nos comunicou na Mesa Sectorial a intención de convocar todos os corpos, independentemente do que fagan as demais CC.AA”.

A CIG-ENSINO segue alertando do problema que supón chegar a acordos, sexa no ámbito estatal ou no galego, de redución de temporalidade sen ter en conta as persoas. Negarse a negociar un acordo de estabilidade do persoal interino implica que moito deste persoal poida perder o seu posto de traballo. Mais tamén amosou a súa preocupación porque a experiencia indica que en moitas ocasións a fase de concurso só serve para reordenar as persoas que aproban o proceso selectivo, desvirtuando o carácter de concurso-oposición que ten o ingreso na función pública docente.