Primeiro de Maio en tempo electoral

Manuel Mera - 22 Abr 2019

Sendo esencial frear a dereita nas institucións, sen un cambio na correlación de forzas nas empresas e na rúa, no debate das ideas e na iniciativa, que democratice a sociedade, non se conquistará unha Galiza ceibe sen explotación

No ano 1889 o movemento obreiro reclamaba nos Estados Unidos que se cumprise a xornada de oito horas promulgada polo goberno de Andrew Johnson, despois dunha gran presión sindical. Dado que os empresarios eran contrarios á medida, a Federación de Organizacións de Sindicatos de Traballo e Comercio convocou unha folga o día 1 de maio, para que esta medida se fixese efectiva. Ese día pararon 190.000 operarios, mentres uns 150.000 conseguían a rebaixa da xornada só coa ameaza da folga.

 A contestación das autoridades e da policía contra as persoas que foron á folga foi brutal. En Milwaukee e Chicago houbo feridos e mortos. Nesta última cidade ateigaron as rúas oitenta mil manifestantes. O día tráxico foi o 4 de maio, cando a policía cargaba contra unha concentración autorizada, despois de que alguén guindase unha bomba que deixaba un policía morto e varios feridos (as investigacións posteriores, aínda que nunca puideron comprobar quen foi o autor, apuntarían a provocadores da policía). A resposta non se fixo agardar: disparos indiscriminados e a detención de ducias de dirixentes sindicais, entre eles os oito “mártires de Chicago”, que serían condenados sen probas a altas penas de prisión, e cinco deles á forca. O 11 de novembro de 1887 foron aforcados Parsons, Spies, Engel e Fischer. Medio millón de persoas acompañáronos no seu funeral. Lingg aparecería morto na cela, e os outros tres pasarían a vida en cadea perpetua.

 A represión faría perder en meses as conquistas duramente conseguidas. Porén, significou un antes e un despois, tanto polo que representou conseguir a xornada de 8 horas, como polo grao de solidariedade internacional acadado contra a represión e as sentenzas. Polo tanto en xullo de 1889, en París, o Primeiro Congreso da 2ª Internacional acordou celebrar o 1º de Maio como xornada de loita do proletariado, e realizaba a seguinte declaración histórica:“Débese organizar unha gran manifestación internacional nunha mesma data, de tal xeito que os traballadores de cada un dos países e de cada unha das cidades esixan a un tempo das autoridades públicas limitar a xornada laboral a oito horas e cumprir as demais resolucións deste Congreso Internacional”.

 Esta iniciativa estendeuse axiña a moitos países do mundo, entre eles Galiza, así o reflicte a Gran Enciclopedia Galega na súa entrada referida ao obreirismo. Esta sinala que, ao abeiro desta decisión da Internacional, ao ano seguinte, os operarios da Coruña quixeron converter a data nun día de loita. Sobre o feito recóllese o estudo que fixo o francés G. Brey: “A folga do 1º de Maio de 1890 comezou en realidade o día 4 de maio de 1890 ao celebrarse unha asemblea na Federación Local coruñesa na cal o seu secretario, o carpinteiro Antonio Vidal, chamou á folga xeral como recurso para lograr a xornada de 8 horas. A esta reivindicación sumouse a abolición do traballo nocturno e a supresión das horas extras coa finalidade de reducir o desemprego. A folga durou até o día 12; formouse unha comisión na que había representantes dos 18 gremios en paro. Tras a intervención das autoridades as partes acordaron unha xornada en verán de 10 horas”. Os conflitos laborais terían unha gran forza nos vindeiros anos.

 Cento trinta anos despois do acordo da 2º Internacional, este Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, as mobilizacións conmemorativas na Galiza estarán marcadas polo aumento da precariedade, os baixos salarios, as altas taxas de paro, as ameazas de peche de empresas electrointensivas (Alcoa ou Ferroatlántica de Cee e Sabón), os EREs de Citroën e da industria auxiliar do automóbil, Maderas Iglesias, ao que se debe engadir o anuncio do peche de Poligal e da Central Térmica de Meirama, así como as rescisións de contratos na banca e o sector de telemarketing, en Levantina no Porriño. A estas dificultades engádase as ameazas sobre as pensións actuais e futuras, sobre os servizos e prestacións básicas, así como a pretensión da dereita de rebaixar impostos aos grandes ingresos e aos beneficios das sociedades.

 Polo tanto, ficamos diante dun novo axuste económico e social, consecuencia da economía de escala do capitalismo, da competencia e a cobiza, que alentan o proceso de concentración empresarial e centralización territorial. Unha dinámica dominante con enormes custos laborais e sociais na para Galiza, e que se potencian acotío para elevar as taxas de lucro empresarial. Para evitar estes retrocesos importan moito as campañas de mobilización e o debate das ideas, que buscan eliminar retrocesos, como as reformas laborais do PSOE e PP e a chamada Lei mordaza, e propoñen cambios sistémicos que implican xustiza social, igualdade e soberanía. Tamén son esenciais as loitas laborais de sector e empresa, máxime cando resultan exitosas, como por exemplo en Servicarne, no convenio de Elaborados do Mar, nas auxiliares de Navantia, no sector de ambulancias, etc., porque alentan a unidade e a loita de clases. E, por suposto que a CIG, ou sexa o sindicalismo combativo e coherente, se consolide como primeira forza nas eleccións sindicais que se están a realizar.

 A reversión desta tendencia regresiva depende tanto da organización e mobilización social como da capacidade para trasladar as reivindicacións das clases populares ás institucións. Daquela, que as inmediatas convocatorias electorais sexan importantes, así como que os partidos nacionalistas de esquerda obteñan uns bos resultados. Agora ben, sendo esencial frear a dereita nas institucións, sen un cambio na correlación de forzas nas empresas e na rúa, no debate das ideas e na iniciativa, que democratice a sociedade, non se conquistará unha Galiza ceibe sen explotación. Polo tanto, é esencial acadar a máxima participación e protagonismo da clase traballadora.

 

 

[Vigo, 22 de abril de 2019]