Principais propostas para unha saída galega e xusta da crise

A CIG elaborou un documento que recolle unha ampla batería de medidas

Nacional -

No primeiro apartado do documento da CIG recóllense propostas transversais para afianzar a intervención pública nos sectores produtivos estratéxicos e no financeiro, para que o noso desenvolvemento non estea ao capricho das decisións empresarias. A central aposta pola creación dunha Banca Pública Galega e dun Instituto da Empresa Pública Galega, polo retorno ao sector público das empresas privatizadas, pola nacionalización de industrias como Alcoa San Cibrao e Alu Ibérica, pola formalización dun concerto económico entre o Goberno galego e o español ou pola xestión directa da Xunta dos fondos europeos destinados ao noso país.

» Consulta aquí o documento completo coas propostas da CIG

Así mesmo, recóllense propostas para lograr unha fiscalidade progresiva e máis xusta, dar estabilidade e aumentar a inversión en I+D+I e para a defensa e a mellora dos servizos públicos, con especial atención ao ensino, á sanidade e aos coidados.

De cara a afrontar un proceso de transición enerxética pensado dende Galiza e xusto para o noso territorio, a CIG defende a creación dunha tarifa eléctrica propia, a racionalización da xestión do monte, a creación dunha empresa pública galega de electricidade que xestione as centrais hidroeléctricas, a inclusión de Galiza no Plan de Acción Urxente para Países do Carbón e Centrais Pechadas 2019-2021 en igualdade de condicións que outras comunidades ou a aprobación dos convenios de transición xusta para As Pontes e Meirama.

Como tamén que se vincule obrigatoriamente a implantación dos parques eólicos con criterios ambientais e sociais e se asocien ao desenvolvemento de plans industriais, así como que se potencie a participación pública nestas instalacións.

Para garantir o futuro dun sector tan importante para Galiza como o de carburantes e a automoción, a CIG insta a aprobación dun Plan de Transición para facer fronte ao proceso de descarbonización e a creación dunha Mesa Galega da Automoción (MGA) integrada polo clúster empresarial, os sindicatos e as tres universidades.

Dereitos laborais e sociais

Para outra actividade fundamental como a construción naval, a CIG propón a creación do Complexo Integral da Ría de Ferrol que abranga todas as áreas relacionadas coa construción naval tanto militar como civil; e no caso de Vigo, conformar un holding entre os estaleiros, empresas auxiliares e compañías transformadoras do metal, con participación pública e privada, e dando solucións duradeiras a Barreras e Vulcano.

De igual maneira, recóllense unha serie de propostas para o fomento e apoio aos sectores da construción, agrogandeiro, pesqueiro, conserva, forestal, comercio e turismo, para a dotación e mellora das infraestruturas e para conseguir unha mobilidade de persoas e mercadorías sen emisións.

O documento contén tamén numerosas medidas en materia de recuperación de dereitos laborais e sociais. Unha lexislación que recoñeza novos dereitos, a comezar pola derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva, das pensións e do desemprego, de 2010 e 2012; así como accións para dotar o teletraballo de condicións dignas e unha conciliación con dereitos diante das necesidades de coidados xeradas pola pandemia.

En relación a isto, a central propón a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, integrado por unha única rede que aglutine as actuais residencias, centros de día e servizos de axuda no fogar que sexa 100% de xestión pública e que estea dotado suficientemente tanto de infraestruturas e material como de persoal.

Volver