Problemas informáticos no SEPE afectan á tramitación e ao recoñecemento das prestacións por desemprego

A CIG reclámalle á Dirección Xeral do organismo estatal que explique o que sucede e que solucione o problema
Nacional - 25 Xun 2018

A sección sindical da CIG no Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) denuncia a dificultade que ten o persoal deste organismo para poder recoñecer as prestacións por desemprego da cidadanía. Dende a central reclámanlle á Dirección Xeral que explique o que está a suceder e que tome medidas para solucionar o problema.

A representación da CIG no SEPE explica que dende hai tempo as aplicacións informáticas que usa este organismo estatal para tramitar e recoñecer as prestacións por desemprego “fallan día sí e día tamén sen que os seus responsábeis dean ningunha explicación nin solucionen estas eivas”. Ademais, sinalan que as consecuencias desta situación "as están a sufrir tanto o persoal das oficinas de emprego como a cidadanía”. 

As persoas que acoden con cita previa atópanse con que non se lle pode tramitar a súa prestación

Segundo indican, no caso das persoas que queren solicitar a prestación, logo de asistir con cita previa á súa oficina non se lle pode tramitar a prestación porque o sistema está “temporalmente” fora de servizo, o que implica que teñen que volver outro día ou deixan a súa solicitude presentada pero sen saber se van cobrar unha prestación ou non e cando se vai poder resolver esa solicitude.

Diante disto, na CIG non entenden que outros organismos como o INSS, a Tesourería ou a Axencia Tributaria teñan sistemas informáticos que funcionan correctamente e que os do SEPE “estean avariados continuamente” e que a Dirección Xeral “non explique con claridade o que está a suceder nin tome medidas para rematar con esta problemática”.