Profesorado farto de propaganda toma Compostela na sexta xornada de folga no ensino público
"Estamos fartas de fotos e de propaganda por parte da Consellaría de Educación e mais do sindicatos que asinan ese acordos de vergoña. Queremos melloras reais e concretas e que comecen a aplicarse xa o curso que vén". A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, realizaba estas declaracións ao inicio da manifestación que, baixo o lema “recuperar e avanzar en dereitos”, este martes reuniu a máis de 5.000 persoas na capital galega, maioritariamente docentes, pero tamén alumnado e familias.
A mobilización desenvolveuse no marco da nova xornada de folga convocada en todo o ensino non universitario e rematou diante do complexo administrativo da Xunta en San Caetano coa lectura dun manifesto a cargo de sete docentes que representan os distintos colectivos e ensinanzas. Coa de hoxe, son xa seis as xornadas de folga que secunda o profesorado dende que comezou o curso actual, despois de 16 anos de recortes aplicados polo Goberno do PP.
Arroxo denunciou as formas da Consellería de Educación que o pasado venres, ás portas do paro xeral no ensino, fixo unha posta en escena con catro sindicatos para anunciar unha baixada das ratios, nun claro intento de desmobilizar o profesorado. "Estamos ante unha nova foto, non se presentou ningún documento con medidas concretas nin se convocou a Mesa Sectorial, que é o órgano lexitimado para negociar as condicións laborais do profesorado", salientou.
Para Arroxo este tipo de actos baleiros de contido, nos que ademais a Consellaría ignora á mantenta aos sindicatos convocantes da folga e das mobilizacións, “o que fan é cabrear aínda máis o profesorado como se reflicte no amplo seguimento da folga”.
“Queremos coñecer a letra pequena”
Indicou que recuperar as 18 horas lectivas en secundaria é unha reivindicación que a CIG-Ensino está realizando dende que se aplicou este recorte no ano 2012 baixo a escusa da crise e lembrou que Galiza "segue a ser a única comunidade que non recuperou o anterior horario". Pero ademais, "queremos coñecer a letra pequena dese acordo, porque non nos valen excepcionalidades e, sobre todo, porque ten que vir acompañado de máis persoal; non chega con reducir o horario se o persoal dos centros segue a ser o mesmo".
Sobre a baixada das ratios en secundaria anunciada polo conselleiro Román Rodríguez, Arroxo apuntou que no acordo asinado no ano 2023 adiábase esta medida a 2033 e aínda que agora se "autoemendaron", a redución do número de alumnado por aula continúa atrasándose até 2028, "polo tanto para nós segue a ser insuficiente”. “As ratios hai que reducilas en todas as etapas e comezar xa o curso próximo. E hai etapas como a Formación Profesional ou as ensinanzas de réxime especial que non teñen ningunha mellora", advertiu.
Atención á diversidade, rebaixar ratios e recuperar horarios
Entre as cuestións máis urxentes para o ensino público, Arroxo reivindicou medidas para a atención á diversidade "porque os centros están totalmente desbordados de casuísticas e necesitan máis recursos humanos, principalmente persoal de PT, AL e Orientador, para atender este alumnado diverso e poder facer desdobres, apoios etc.".
Reclamou tamén a redución horaria en secundaria e primaria e rebaixar as ratios, eliminar moita burocracia innecesaria, incrementar as redución horaria para os cargos unipersoais ou directivos, e reforzar o persoal administrativo. A estas demandas, engadiu que se apliquen melloras retributivas no complemento autonómico para todo o profesorado, a equiparación salarial do PESSFP, a recuperación do pagamento do verán ao persoal substituto que traballe cinco meses e medio, redución da xornada lectiva a partir dos 55 anos e recuperación das licenzas por formación retribuídas”.
Chamada á mobilización o 6 de maio
A secretaria nacional da CIG-Ensino aproveitou para lanzar un chamado a toda a comunidade educativa a participar nas mobilizacións convocadas na tarde do 6 de maio, ás 19h, en máis dunha vintena de localidades para exixir un sistema de calidade, porque este “non é só un problema laboral, senón de todo o ensino público galego”.