Profundo malestar entre os tripulantes do barco galego confinado no Brasil por covid ante a falta de información

A CIG-Mar denuncia que a empresa semella máis preocupada por volver a faenar que polo seu persoal

Vigo -

A CIG trasladou hoxe o “profundo malestar” existente entre as familias e os tripulantes do arrastreiro Venturer, con base no Porto de Vigo, que permanecen confinados no Brasil tras detectarse un gromo de covid a bordo ante a falta de información. Dende a central denuncian que a compañía propietaria da embarcación, o grupo galego Puescapuerta, semella máis preocupada por volver a traballar canto antes que polos seus empregados, ao tempo que critican que as Administracións públicas “continúan desaparecidas”.

O responsábel da CIG-Mar, Xavier Aboi, sinala que tanto os tripulantes como as súas familias están moi molestos pola falta de información sobre o que está acontecer. “Os que permanecen dentro do barco non reciben información, até o punto de mañá supostamente teñen que facer novas probas PCR, pero non saben nada”.

Aboi explica que dos cinco afectados que estaban ingresados en centros hospitalarios quedan aínda dous, un cidadán peruano e outro galego. Este último atópase nunha situación moi delicada, xa que permanece entubado e sedado na unidade de coidados intensivos.

O responsábel sindical critica que neste contexto a compañía propietaria da embarcación, o grupo galego Pescapuerta, semella máis preocupada por volver a traballar canto antes que polo estado dos seus empregados e por mantelos informados do que está a acontecer, tanto a eles como ás súas familias.

“Sabemos que o consulado está a falar co capitán pero sospeitamos que por orde da empresa non está a facilitar información”. De igual xeito, censura que as Administracións, tanto a española como a galega, “continúan desaparecidas”.

O Venturer partiu do Porto de Vigo o pasado 14 de xaneiro con 64 persoas a bordo para faenar no caladoiro das Malvinas tras facer as pertinentes probas de detección do novo coronavirus e pasar unha semana de corentena dun hotel da cidade. De feito, algúns dos tripulantes tiveron que quedar en terra tras dar positivo.

Arredor de 10 días despois varios dos embarcados comezaron a sentirse mal e a presentar síntomas compatíbeis coa covid, polo que o capitán do buque púxose en contacto co Centro Radio Médico de Madrid. Como a situación empeoraba trasladáronse a Salvador de Bahía, a onde chegaron a madrugada do 28 de xaneiro, e alí permanecen fondeados sen poder desembarcar, agás cinco dos tripulantes, que foron internados en hospitais con distinta gravidade.

Volver