Progresismo e pactismo sindical, os ceacús da loita obreira

Fermín Paz Lamigueiro - 23 Abr 2020

A chamada xusta distribución morreu. Nun mundo no que o rendemento do capital vai moi por enriba do nivel de crecemento, a acumulación de bens por parte dos que xa son ricos supón a negación práctica das ideas de equidade e xustiza tan fundamentais na construción das democracias occidentais

 A urbanización é a vida de feito na parte máis desenvolvida do mundo. Nos lugares urbanizados confunden a miúdo progreso con progresismo xa que as reformas moitas das veces non serviron para avanzar. Para os que vimos da aldea os dous conceptos non están enfiados axeitadamente nas dinámicas políticas de hoxe.

 Non gusto das disquisicións semánticas, falar por falar é doado, prefiro chegar ás conclusións sabendo o verdadeiro significado dos feitos. A miña posición de partida é sinxela: a racionalidade levoume a establecer vínculos moi fortes coa nosa Terra e a pertenza á clase traballadora, logo da análise, da lectura e a comprobación empírica dos aconteceres no mundo, obrigoume a ser zurdo.

 Como consecuencia desta simbiose xamais acreditei dos atallos nos procesos históricos. Fuxir do confronto sempre non pode ser unha alternativa e menos, cando o contrato social foi ao carallo. As políticas económicas levaron os partidos de esquerda e dereita a converxeren e, en moitos casos, foi a socialdemocracia quen adiantou a dereita poñendo o intermitente do "cambio".

 Cando os partidos comunistas da Europa occidental pecharon a porta de forma tardía ao modelo soviético e quixeron pelexar no espázo de representación institucional aínda chegaron máis tarde; outros actores (PSOE) xa tiñan homologada as súas siglas nos países do novo marco político e, por iso, acadaron máis apoio social e mediático nesa franxa electoral da esquerda no Estado español.

 Cando se pelexa polo mesmo espazo pasan estas cousas entre rivais. A nova oferta política dos de Podemos a moitos inxenuos pareceulles que descubriran as claves dunha nova esquerda asentada en certos movementos e nas redes sociais. Pasado un tempo, logo dos cainismos de sempre, van camiño de diluírse nunha acción de goberno errática, demostrativa dun certo infantilismo, dunha teoría contraditoria coas moitas das prácticas que fan e, como resultado de todo isto, a gasosa está a quedar sen gas. Unha vez máis queda acreditado que as ideoloxías ademais de seducir teñen que ter practicidade e coherencia.

 O sindicalismo practicado por UGT e CCOO desde os Pactos da Moncloa , dixeron facelo por pragmatismo, pola defensa dos dereitos democráticos dos traballadores, a participación no ámbito socio-político e na actividade económica e por tratar de dar seguridades ás conquistas da época da ditadura franquista e poder trasladalas ao novo estado do benestar. A realidade foi outra ben diferente: garantiron a paz social nas empresas e nas rúas, a moderación nas reivindicacións salariais - sociais e con todo ese conxunto o único que aseguraron foron unhas políticas concretas de Estado, tanto no fiscal como na economía, chegando hoxe aos límites da explotación da forza obreira polas asimetrías producidas na relación traballo-capital. Namentres a nosa clase acadou taxas de desemprego moi elevadas, precariedade e axustes salariais, o aparello produtivo foi adaptándose ás sucesivas esixencias e acordos europeos onde os capitalistas gañaron en riqueza medible e consolidaron o seu éxito mas prezado: a integración dunha maioría sindical na estratexia de cooperación entre a patronal, os sindicatos e o Estado.

 Érache boa, outros pactos da Moncloa!(*)

 Conforme a esta explicación dos acontecementos formulo a seguinte tese: a modernidade, o progresismo e o pactismo sindical poden cualificarse como un ceacú para a clase obreira.

 Vou desenvolver un pouco a tese. A ideoloxía que terma destes tres conceptos asentou o sistema capitalista (no intento que noutros tempos tivo de equilibrar, capital e traballo) sobre unha estrutura de crise permanente para poder manter o sistema na tremoia da eternidade. O sistema hexemónico cos seus ciclos económicos de sobe-baixa presenta unha diagnose de doenza crónica e, como tal, precisa de tratamento paliativo na súa sintomatoloxía. Isto explica como as diferentes gobernanzas de dereita ou esquerda non foron quen de sandar o capitalismo. O sindicalismo de CCOO e UGT foi parte do tratamento paliativo.

 A chamada xusta distribución morreu. Nun mundo no que o rendemento do capital vai moi por enriba do nivel de crecemento, a acumulación de bens por parte dos que xa son ricos supón a negación práctica das ideas de equidade e xustiza tan fundamentais na construción das democracias occidentais.

 De súpeto, alguén que non se deixa mirar (covid 19) chegou ás agachadas e co seu maxisterio peneirou e segue a peneirar axenda, prioridades e as rodas do muíño do sistema. Manda chover na Habana! Foron as súas propias contradicións e non unha revolución quen demostrou a vulnerabilidade sistémica e de todo o seu aparello institucional, político e de seguridade.

 Cómpre atopar as causalidades desta quenta ao capitalismo. Tentarei facelo noutro artigo.

_______________________________________________________________________________________* Nota.- Os pactos da Moncloa estiveron regulados no Real Decreto lei 43/1977 e tiñan moitas sutilezas de protección para as patronais, tendo en conta que a dialéctica negociadora puidese superalas, polo que estableceron un control nas mans do Ministro Abril Martorell e da súa equipa. Un exemplo: o 7 de decembro do 1978 aparece no BOE unha Resolución do Ministerio de Traballo na que a Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos acorda impoñer unhas limitacións para axustar o crecemento da masa salarial da empresa Endesa no 7º convenio colectivo que fora asinado o 31 de agosto do mesmo ano para que non se superasen os topes do 20% ou 22% (computando ascensos e antigüidade). Como o devandito convenio tivera un incremento do 30%, decidiron:

- suprimir a dieta de xornada partida por un importe de global de 63.000 millóns de ptas.

- suprimir 110.000 ptas do incremento lineal en todas as categorías profesionais.

_______________________________________________________________________________________

 

[Galiza, 23 de abril de 2020]