Proposta da CIG para a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas

A crise sanitaria evidenciou a necesidade de pór os coidados na prioridade das políticas

Nacional -

Desde a CIG levamos anos denunciando a situación, tanto laboral como asistencial, das residencias da terceira idade, dos centros de día, dos centros de atención á diversidade, dos servizos de axuda no fogar, etc., servizos que o goberno do PP na Xunta vén desmantelando e privatizando para facer deles un novo negocio a custo das persoas máis vulnerábeis.

» Descarga aquí o folleto coa proposta

A crise sanitaria derivada da pandemia do COVID-19 puxo máis de manifesto ca nunca a necesidade de poñer os coidados na prioridade das políticas públicas e, por tanto, a urxencia de investimento público en servizos de atención ás persoas.

Durante esta crise sanitaria evidenciouse a situación de debilidade dos servizos públicos de atención social e de coidados. Nos servizos de axuda no fogar ou nas residencias da terceira idade e de persoas con discapacidade son manifestas as carencias de persoal e material, falla de protocolos homoxéneos de funcionamento nestes centros, abusos patronais e importante niveis de explotación laboral existentes.

Os servizos públicos son a única garantía para unha atención digna ás persoas de idade e ás per-soas dependentes ou con diversidade funcional, debendo asumir directamente a Administración pública galega as súas competencias na atención ás persoas vulnerábeis, xa sexa por idade, pola súa discapacidade ou dependencia. Non é de recibo, e supón unha auténtica barbaridade, que os coidados e a saúde destas persoas vulnerábeis sigan gardando relación cos beneficios e flutuacións en bolsa dos fondos de investimento, multinacionais ou fondos voitre que están detrás das concesionarias destes servizos públicos.

Ademais, estas reivindicacións son a resposta urxente e xusta ante a necesidade de afrontar unha das manifestacións máis visíbeis da realidade galega: crise demográfica, aumento constante da poboación maior, elevada dispersión dos núcleos de poboación (maioritariamente de idade avanzada) e precaria capacidade adquisitiva das pensións públicas, nomeadamente no caso das mulleres.

Servizos que debe prestar esta rede única pública

Desde a CIG propoñemos a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, integrado por unha única rede pública que preste os seguintes servizos:

  • Centros asistenciais e residenciais da terceira idade
  • Centros de día
  • Centros de atención á diversidade
  • Servizos de axuda no fogar
  • Outros recursos: Casas niño, Casas do/a maior, Xantar na casa, Transporte adaptado...
Condicións que debe ter o sistema
  • Estes servizos estarán dotados suficientemente tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos.
  • Dignificación das condicións laborais e salariais de todo o persoal coa aplicación do mesmo convenio colectivo.
  • Na prestación de servizos ás persoas beneficiarias, priorizarase a atención a través desta rede de recursos públicos, antes que as axudas económicas.
  • Eliminaranse todo tipo de repagamentos na atención e coidados, mediante a aprobación dunha carteira de servizos e prezos públicos.
  • Incrementaranse e adecuaranse os orzamentos públicos destinados a este fin, así como aqueles dirixidos á promoción da autonomía persoal e o avellentamento activo.
  • Transferencia para Galiza de todas as competencias e recursos públicos para desenvolver, aplicar e ampliar a Lei de Dependencia.

Xestión pública galega e proceso de integración do persoal

A CIG defende a xestión directa polas administracións públicas de todos os servizos públicos. Sen entrarmos a avaliar neste momento a forma de xestión máis acaída entre as previstas na lexislación vixente, é ineludíbel e máis necesario que nunca que a xestión destes servizos sexa pública e única en Galiza.

No que ten a ver coa reversión de servizos públicos privatizados, está clara a defensa que a CIG mantén en todo o relativo á sucesión de empresa e a subrogación dos traballadores e traballadoras, tendo en conta a lexislación e abundante xurisprudencia existente nesta materia, tanto no respecto ás condicións laborais e contractuais como a ineludíbel e preceptiva creación pola administración pública dos postos e prazas necesarios e que deberá regularse mediante convocatorias públicas e os procedementos establecidos legalmente, buscando as fórmulas que dean solución de futuro ao persoal subrogado, garantindo a prestación destes servizos máis alá das taxas de reposición de efectivos que afogan a prestación directa con persoal empregado público.

Neste sentido mantense plenamente vixente a Guía Sindical sobre remunicipalización de servizos públicos aprobada polo Secretariado Confederal o 29 de xuño de 2015.

En todo caso, debemos deixar claro que os recursos e servizos sociais de atención ás persoas teñen que deixar de ser unha actividade residual, socialmente pouco valorizada e con condicións de traballo precarias, para pasar a ser considerado un servizo esencial para a cidadanía a prestar pola administración pública en condicións de calidade asistencial para as persoas e con condicións de traballo dignas e estábeis para o persoal encargado dos coidados.

Volver