Protesta no Parlamento por unha atención digna ás persoas dependentes e uns orzamentos sociais

Coincidindo co pleno para o debate da totalidade das contas de Galiza de 2026
Nacional - 17 Nov 2025

Ducias de persoas concentráronse este luns ás portas do Pazo do Hórreo para reclamar políticas públicas xustas e unha atención digna ás persoas dependentes. A protesta, convocada pola Plataforma Emerxencia Dependencia (da que a CIG fai parte), coincidiu co debate da totalidade dos orzamentos xerais de Galiza para 2026 no parlamento galego.

Precisamente a Plataforma demandou uns orzamentos sociais e a creación de máis prazas en centros públicos, residencias e servizos de atención no fogar, así como o incremento urxente de persoal para as valoracións e tramitacións de dependencia e discapacidade.

Con este obxectivo, representantes do colectivo mantiveron nos últimos días reunións cos grupos parlamentares do BNG e do PSOE para trasladarlles directamente as súas demandas e propostas para mellorar o sistema galego de atención á dependencia e pedirlle que presenten todas cantas iniciativas estean da súa man neste sentido.

Na protesta lembrouse que, a día de hoxe, as persoas dependentes deben agardar de media ao redor dun ano para recibir unha prestación que, segundo a lei, debería resolverse en 180 días, e moitas persoas falecen mentres esperan pola dependencia. Galiza é a comunidade autónoma con menor número de solicitudes de dependencia por persoa potencialmente dependente, segundo os datos que publica o IMSERSO sobre o Sistema para la Autonomía y Atención a la Dependencia (SAAD).

A Plataforma criticou a reforma da Lei 13/2008 de Servizos Sociais aprobada pola Xunta “pola porta de atrás”, sen diálogo coas organizacións e entidades sociais, e alertou que esta modificación “reduce dereitos e abre a porta á privatización encuberta do sistema”. Por iso demandaron a revogación inmediata das modificacións da Lei 13/2008 e a creación dun sistema público galego de atención á dependencia. “A dependencia e os coidados non poden agardar. Queremos servizos públicos, non bonos”, salientaron dende a organización.

Xunto a isto, explicaron que desde o 3 de xaneiro de 2025, unificáronse as solicitudes de dependencia e discapacidade, eliminando o informe social, “o que trata as valoracións profesionais como un simple trámite ou acto administrativo”. Isto constitúe “un ataque aos dereitos da cidadanía de ter uns servizos sociais dignos e de calidade”, porque as solicitudes poderanas facer as persoas usuarias ou entidades de carácter lucrativo “provocando a desigualdade no acceso aos recursos”.

Dende a Plataforma reivindicouse, unha vez máis, a convocatoria urxente do Consello Galego de Benestar Social, coa comparecencia da Conselleira de Política Social e Igualdade, e que se repoña o papel consultivo deste organismo.