Protesta no Pleno da Deputación de Lugo pola decisión do PSOE de "censurar" o cuarto xulgado do Social

- 26 Feb 2019

Baixo o lema "4º Xulgado censurado- PSOE culpábel", a CIG levou este martes até o Pleno da Deputación de Lugo a reivindicación do cuarto xulgado do Social para a provincia, que o Goberno español, nunha decisión inaudita, vén de denegar. Portando cadanseu cartel alusivo aos prexuízos que supón para a clase obreira o colapso da vía social, o secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, e o secretario comarcal de Organización, Lois Neto, quixeron manifestar así o seu rexeitamento á decisión do Ministerio de Xustiza, que non atende a proposta elevada pola comisión mixta formada pola Xunta de Galiza e o TSXG.

O acto de protesta realizouse con motivo debate da moción de urxencia presentada polo BNG no Pleno da Deputación, demandando que a institución provincial inste o Goberno español á creación deste novo xulgado. Ademais, o debate producíase coincidindo coas declaracións do Delegado do Goberno na Galiza, que avanzou que finalmente o Ministerio de Xustiza si dará luz verde á creación dunha nova unidade do Social en Santiago, pero non á de Lugo.