• Nova

Protesta solidaria coincidindo co xuízo contra tres afiliados da CIG denunciados polo delegado de CCOO en IKF

Tras a demanda abriuse un proceso penal por ameazas e inxurias
Tui - 01 Feb 2022

A CIG desenvolveu hoxe unha concentración diante dos xulgados de Tui en apoio dos tres afiliados da central denunciados polo delegado de CCOO en IKF, empresa da Guarda que viviu un longo conflito no marco das negociacións do pacto laboral. A raíz da demanda abriuse un proceso penal por supostas ameazas por parte dun representante da CIG no comité de IKF e por supostas inxurias doutro traballador da empresa e dun membro da Unión local do Baixo Miño.

Dende a CIG explican que o delegado da CIG foi denunciado polo representante de CCOO no comité de IKF por presuntamente telo ameazado durante unha asemblea celebrada no marco da folga indefinida convocada na empresa para reclamar un pacto laboral que rematase coa discriminación existente na compañía dedicada á fabricación de materiais refractarios. “O que fixo foi chamarlle a atención á xente de CCOO pola súa actitude irrespectuosa durante a asemblea, pero atopouse cunha denuncia penal”, sinalan dende a Unión Local do Baixo Miño.

O delegado de CCOO optou tamén por denunciar diante da empresa, en cuxos terreos se celebrara a asemblea, que procedeu a abrir un expediente que rematou cunha sanción dun mes sen emprego e soldo para o representante da CIG, que esta mañá tivo que enfrontarse a un proceso penal nos xulgados de Tui xunto a outras dúas persoas (outro traballador e a un membro da Unión Local da CIG do Baixo Miño) que tamén foron denunciadas posteriormente polo delegado de CCOO por supostos insultos.

Para a central sindical a sanción imposta por IKF, que o afectado xa cumpriu é “desproporcionada e non ten razón de ser”, tendo en conta que o afectado acceder a desculparse diante do representante de CCOO tal e como lle solicitou a empresa. En consecuencia, a decisión de IKF xa foi recorrida diante do Xulgado do Social.

Ao mesmo tempo, denuncian a actitude de CCOO tanto durante todo o conflito laboral como con todo o relacionado con estes incidentes. “Actuaron como palanganeiros da empresa, exercendo a esquirolaxe e acusando de exercer a violencia aos que defendemos unhas condicións de traballo dignas, cando a verdadeira violencia é a que exerce este sindicato cando asina acordos e reformas laborais que condenan a clase traballadora á precariedade e á miseria”.

Neste senso, lembran que a cabeza visíbel de CCOO en IKF pasou de exercer como delegado no comité “a ser o segundo de abordo na estrutura xerárquica da empresa, non sabemos a conta de que”. De feito, o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, que tomou a palabra durante a protesta, acusou os representantes de CCOO de complicidade coa empresa, "que os usa para atacar o sindicato máis combativo".

Discriminación laboral

Os feitos que motivaron a denuncia penal e a sanción da empresa producíronse no marco do conflito para reclamar un pacto laboral que rematase coa discriminación existente na compañía en virtude dun acordo do anterior comité (3 representantes de CCOO e 1 da UGT) polo que todas as persoas que ingresasen en IKF despois de 2018 cobrarían 5200 euros menos ao ano que o resto de compañeiros/as. Este pacto foi descuberto pola CIG nada máis gañar as eleccións sindicais e facerse coa presidencia do comité (4 delegados/as da CIG e 1 de CCOO).

A negativa da empresa a rematar con esta dobre escala salarial levou o cadro de persoal a iniciar unha folga o pasado 14 de xullo, que primeiro foi por días e despois pasou a ser indefinida, dando unha auténtica lección de unidade, determinación e solidariedade obreira.
Recentemente as partes chegaron a un acordo coa mediación do AGA, que a CIG considera insuficiente pero que foi aprobado en asemblea pola maioría dos traballadores/as, que optaron tamén por desconvocar a folga.

A central sindical lamenta que en virtude do pactado (os salarios de nova entrada incrementaranse un 20% cada ano se os beneficios brutos da empresa superan o millón de euros, senón a suba será do 10%) unha persoa que se incorpore á empresa vai estar cinco anos cobrando menos que o resto.