CIG, ELA, LAB e I-CSC subscriben un manifesto para que se protexa a clase traballadora e non o capital na actual situación

Reclaman o dereito a decidir ante a crise sanitaria e os retos económicos, sociais e políticos que haberá que enfrontar
Internacional - 07 Abr 2020

Os sindicatos CIG, ELA, LAB e I-CSC veñen de subscribir un manifesto en demanda de que se protexa á clase traballadora e non o capital na actual situación de emerxencia sanitaria. Reclaman ademais o dereito a decidir ante a crise sanitaria e os retos económicos, sociais e políticos que haberá que enfrontar agora e despois.

MANIFESTO:

Os sindicatos CIG, ELA, LAB e Intersindical-CSC, de Galiza, Euskal Herria e Països Catalans subscribimos en febreiro unha "Declaración por unha axenda social e o dereito a decidir".

No devandito manifesto constatamos o auxe da extrema dereita e a deriva cara ao autoritarismo de boa parte do arco político do Estado español, así como a negativa a unha solución política baseada no recoñecemento do dereito á autodeterminación. Así mesmo, reclamamos ao novo Goberno a derrogación das leis antisociais impostas na última década e o dereito a decidir no noso ámbito o modelo de relacións laborais, pensións e o sistema de protección social.

Dous meses máis tarde, ante esta situación de excepcionalidade, queremos trasladar as seguintes reflexións:

  1. Os sindicatos asinantes situamos a crise de saúde pública dentro dunha crise capitalista. Como vimos denunciando desde hai anos, esa crise sistémica leva consigo unha crise de coidados, de recortes nos servizos públicos, de precarización e individualización laboral e social e, consecuentemente, de ruptura dos vínculos sociais.
  2. Unha nova mostra da falta de soberanía das nosas respectivas nacións. Denunciamos a utilización da pandemia do COVID-19 para impoñer un artigo 155 encuberto, invalidando a xa de seu insuficiente autonomía dos nosos territorios. Asistimos a unha campaña de propaganda unionista con desfiles militares incluídos, que non busca axuntar esforzos para facer fronte á crise sanitaria, senón utilizar a crise sanitaria para anular a capacidade de decidir sobre cuestións fundamentais para a vida dos traballadores e traballadoras das nosas nacións.

Reclamamos o dereito a decidir para facer fronte eficazmente á crise sanitaria así como aos retos económicos, sociais e políticos que deberemos enfrontar durante e despois da devandita crise.

Nesta situación excepcional que estamos vivindo, para os nosos sindicatos é prioritario limitar a expansión do COVID-19 e adoptar medidas para coidar da saúde das e os traballadores e da cidadanía. Ao mesmo tempo necesítanse medidas sociais para que as consecuencias desta crise non recaian exclusivamente na clase traballadora.

As medidas que están adoptando o Goberno español e os gobernos autonómicos confinan os dereitos, veñen tarde, son inxustas, son insuficientes para a clase traballadora e para os colectivos máis vulnerábeis.

  • En primeiro lugar, débese proporcionar a todos os traballadores e traballadoras que realizan actividades esenciais todas as medidas de protección que necesitan. Tamén se debe garantir o número necesario de traballadores e traballadoras para poder realizar o seu traballo de forma acaída, para poder coidar a súa saúde, e para que estes traballadores e traballadoras que traballan en actividades esenciais non propaguen a enfermidade.
  • Desde os nosos sindicatos esiximos a paralización de todas as actividades non esenciais. Para poñer límites á pandemia precísanse medidas de confinamento máis estritas; isto é algo que tamén reclamou a comunidade científica.

O Goberno español decretou esta fin de semana o peche das chamadas actividades non esenciais. Esta medida chegou tarde e cunha xestión desastrosa á que se suma a posterior publicación dunha nota aclaratoria para intentar modificar o decreto. En menos de 48 horas, terminou cedendo ante as presións do poder económico mediante unha decisión fraudulenta na nosa opinión desde unha perspectiva democrática e xurídica.

Hoxe máis que nunca, son necesarias políticas públicas e concentrar todos os recursos en favor das maiorías sociais para adoptar todas as medidas para unha protección social sen exclusións, se garanta o emprego, os salarios e ingresos dignos para toda a clase traballadora.

Necesítanse medidas máis audaces para asegurar un financiamento público, vía impositiva ás grandes fortunas e ás grandes empresas, a intervención pública de sectores estratéxicos da economía, hoxe en mans privadas (banca, eléctricas, etc.) son algunha das medidas xustas e necesarias, deixando atrás as políticas neoliberais.

Os sindicatos queremos subliñar o compromiso cívico de que están facendo gala a cidadanía no seu conxunto e nomeadamente traballadoras e traballadores de sectores como a sanidade, limpeza, o coidado de maiores, a alimentación, o transporte e en xeral todos aqueles traballos que supoñen atender e coidar da xente. Ao tempo, denunciamos que están desenvolvendo seu traballo sen os medios de protección suficientes nin axeitados, nin con persoal suficiente para levar adiante todas as tarefas. A crise está poñendo en evidencia a importancia do sector público e o que os recortes dos últimos tempos supuxeron. Así mesmo, tamén se evidenciou que a vida das persoas debe estar no centro das políticas. E se algo demostra esta crise é que as profesións feminizadas son as máis precarizadas e desvalorizadas, e é crucial pór fin a esta situación.

Tamén as organizacións sindicais estamos traballando en condicións excepcionais. Por iso facemos un chamamento á nosa afiliación a fortalecer os vínculos colectivos e a comprometerse activamente na defensa dos máis vulnerábeis, tanto dentro como fóra das empresas.

Para finalizar, querémonos reafirmar nos compromisos que xa adoptamos na declaración de febreiro. Non imos permitir que as consecuencias desta nova crise recaian nas e nos traballadores, incrementando a pobreza laboral. Imos seguir loitando por un modelo baseado na xustiza social e ecolóxica, o feminismo e unha repartición máis equitativa do traballo e da riqueza. Reclamando plena soberanía para construírmos un espazo socioeconómico e un marco propio da relacións laborais e protección social.

Paulo Carril, Mitxel Lakuntza, Garbiñe Aranburu e Carles Sastre