COVID19: Que dereitos teño se son empregada ou empregado do fogar?

- 01 Abr 2020

Mediante o RDL 11/2020, do 31 de marzo, introducíronse algunhas medidas específicas para o teu colectivo, tradicionalmente máis vulnerábel por non ter dereito á protección por desemprego. O máis salientábel é a creación dun subsidio extraordinario para esta situación (artigos 31 e 32). Resumímoscho a continuación

a) Quen ten dereito ao subsidio?

As persoas que, estando de alta no sistema especial de empregadas e empregados do fogar do réxime xeral da Seguridade Social antes da entrada en vigor do RD 463/2020 estean nalgunha das seguintes situacións, que xuridicamente configuran o “feito causante”:

a) Deixaron de prestar servizos, total ou parcialmente, con carácter temporal, a fin de reducir o risco de contaxio, por causas alleas á súa vontade, nun ou varios domicilios e con motivo da crise sanitaria da Covid-19.

b) Extinguiuse o seu contrato de traballo pola causa de despedimento (artigo 49.1.k) ET).

c Extinguiuse o contrato pola desistencia unilateral do empregador ou empregadora (artigo 11.3 RD 1620/2011) con motivo da crise sanitaria da Covid-19.

b) Como se proba o feito causante?

Pode facerse de dúas maneiras:

a) mediante unha declaración responsábel, asinada pola persoa empregadora ou persoas empregadoras, respecto das cales se produciu a diminución total ou parcial de servizos.

b) en caso de extinción do contrato, mediante carta de despedimento, comunicación da desistencia da empregadora ou empregador, ou documentación que acredita a baixa no sistema especial de empregados e empregadas do fogar.

c) Canto se cobra por este subsidio?

Temos que ter en conta varios factores:

A base reguladora. É a base de cotización da empregada ou empregado de fogar correspondente ao mes anterior ao feito causante, dividida entre 30. Se foron varios os traballos desempeñados neste sistema especial, calcúlase sobre cada un dos distintos traballos que deixasen de realizarse.

O importe. É o 70% da base reguladora. Non pode ser superior ao SMI (950 euros), excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

A posibilidade de perda parcial. A contía do subsidio que acabamos de explicar percíbese en proporción directa á porcentaxe de redución de xornada experimentada.

A posibilidade de seren varios os traballos desempeñados. A suma do 70% da base reguladora de cada un dos traballos perdidos ou a proporción da xornada reducida en cada un deles. Non pode superarse o SMI.

Se a contía total do subsidio, antes da aplicación das devanditas porcentaxes, atinxe o importe do SMI, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias, hai que ratear tal importe entre todos os traballos desempeñados atendendo á contía das bases de cotización durante o mes anterior ao feito causante de cada un deles, aplicándose ás cantidades así obtidas a porcentaxe de redución de xornada que sufrise a persoa traballadora na actividade correspondente.

d) Con que periodicidade se cobra?

É unha percepción mensual desde a data do nacemento do dereito (isto é, a data que figure na declaración responsábel cando o feito causante consista na redución da actividade), ou ben a data de baixa na Seguridade Social, no caso do fin da relación laboral.

e) O subsidio é compatíbel con outras percepcións?

É compatíbel coas percepcións derivadas das actividades por conta propia ou por conta allea que se estivesen desenvolvendo no momento do seu pagamento, incluíndo as que determinan a alta no Sistema Especial dos Empregados de Hogar, sempre que a suma dos ingresos derivados do subsidio e o resto de actividades non sexa superior ao SMI.

f) O subsidio ten algunha incompatibilidade?

Ten. É incompatíbel co subsidio por incapacidade temporal e co permiso retribuído recuperábel do RDL10/2020.

g) Desde cando se aplica o subsidio?

A disposición transitoria terceira dispón que o dereito ao subsidio se estende aos feitos causantes que se produciron antes da súa entrada en vigor (o 1 de abril de 2020), sempre que se produciran despois da entrada en vigor do RD 463/2020 (o 14 de marzo de 2020).

h) Como se solicita o subsidio?

A mesma disposición transitoria terceira dispón que o SEPE ten un prazo dun mes desde o 1 de abril de 2020 para fixar o procedemento de trabmitación de solicitudes, que incluirá os formularios, o seu carácter presencial ou telemática e os prazos. As solicitudes será presentadas no prazo de vinte días desde que o SEPE aprobe o procedemento.