Que hai detrás da «nova guerra fría»?

William I. Robinson -

O capitalismo global emerxe da pandemia nunha nova e perigosa fase. A batalla polo mundo pospandémico xa se está a librar. As contradicións dun sistema en perpetua crise chegaron ao momento de creba, conducindo o mundo cara a unha situación perigosa

 A decisión do presidente norteamericano Joe Biden o pasado 15 de abril de expulsar a 10 diplomáticos do Kremlin e de impor novas sancións contra Rusia pola súa suposta inxerencia nas eleccións presidenciais estadounidenses de 2020 -á que xa respondeu Rusia- produciuse poucos días despois de que o Pentágono realizase exercicios navais fronte á costa de China. As dúas accións representan unha escalada das agresións co afán de Washington de intensificar a «nova guerra fría» en contra de Rusia e China, levando o mundo cada vez máis cara á conflagración político-militar internacional. A maioría dos observadores atribúen esta guerra instigada por Estados Unidos á rivalidade e a competencia sobre a hexemonía e o control económico internacional. No entanto, estes factores só explican en parte esta guerra. Hai un escenario máis amplo -que se pasou por alto- que impulsa este proceso: a crise do capitalismo global.

 Esta crise é económica, ou estrutural, de estancamento crónico na economía global. Pero tamén é política, unha crise da lexitimidade do Estado e da hexemonía capitalista. Mentres o sistema se afunde nunha crise xeral do dominio de capital, miles de millóns de persoas por todo o mundo enfrontan loitas por unha supervivencia incerta e cuestionan un sistema que xa non consideran lexítimo. Nos Estados Unidos, os grupos dominantes esfórzanse por desviar a inseguridade xeneralizada producida da crise cara a chibos expiatorios, tales como os inmigrantes ou os asiáticos culpados pola pandemia, e cara a inimigos externos como China e Rusia. Á vez, as crecentes tensións internacionais lexitiman o aumento dos orzamentos miliares e de seguridade e abren novas oportunidades lucrativas mediante as guerras, os conflitos, e a extensión dos sistemas transnacionais de control social e represión de cara ao estancamento na economía civil.

 Economicamente o capitalismo global enfronta o que se chama en termos técnicos a sobreacumulación. O capitalismo, pola súa mesma natureza, produce unha abundancia de riqueza, mais polariza esa riqueza e xera niveis cada vez maiores de desigualdade social en ausencia de políticas redistributivas. A sobreacumulación refírese a unha situación na cal a economía produciu -ou que ten a capacidade de producir -grandes cantidades de riqueza, pero o mercado non pode absorber a produción como resultado das desigualdades. Os niveis de polarización social global e a desigualdade rexistrados na actualidade están sen precedente. En 2018, o un por cento máis rico da humanidade controlou máis que a metade da riqueza do mundo mentres o 80 por cento máis pobre tivo que se conformar con apenas o cinco por cento, de acordo coas cifras da axencia de desenvolvemento internacional Oxfam.

 Estas desigualdades terminan socavando a estabilidade do sistema mentres medra a fenda entre o que o sistema produce ou podería producir, e o que o mercado pode absorber. A extrema concentración da riqueza en mans de moi poucos xunto co empobrecemento acelerado da maioría significa que a clase capitalista transnacional, ou CCT, afronta cada vez maiores dificultades para atopar saídas produtivas para descargar as enormes cantidades do excedente que acumulou. Canto máis se alargan as desigualdades globais, máis constrinxido se volve, e polo tanto saturado, o mercado mundial, e cada vez máis o sistema afronta unha crise estrutural da sobreacumulación. Na ausencia de medidas compensatorias -é dicir, unha redistribución cara a abaixo da riqueza- a crecente polarización social aboca á crise, ao estancamento, a recesións, a depresións, a levantamentos sociais e guerras.

 Contrariamente ao discurso existente, a pandemia de coronavirus non causou a crise do capitalismo global, xa que esta xa estaba ás portas. En vésperas da pandemia, a taxa de crecemento nos países da Unión Europea xa chegara a cero, mentres que na meirande parte de América Latina e de África subsahariana xa estivo en recesión, as taxas de crecemento en Asia experimentaban un devalar notábel, e Norteamérica enfrontaba unha ralentización económica constante. A situación estaba clara: o mundo precipitábase cara a crise. A pandemia foi apenas a faísca que prendeu o combustíbel dunha economía global que nunca logrou unha plena recuperación do colapso financeiro de 2008.

 Nos anos previos á pandemia rexistrouse un constante aumento na capacidade infrautilizada e unha desaceleración da actividade industrial en todo o mundo. O excedente de capital sen saída aumentou rapidamente. As corporacións transnacionais rexistraron niveis extraordinarios de beneficios durante os anos 2010-2019 ao mesmo tempo que os investimentos corporativos diminuíron. O monto total de diñeiro en reservas das 2 000 corporacións non financeiras máis grandes no mundo pasou de 6,6 billóns de dólares a 14,2 billóns entre 2010 e 2020 -cantidade por riba do valor total de todas as reservas en divisas dos gobernos centrais do mundo-, ao mesmo tempo que a economía global quedaba estancada. A frenética especulación financeira e o constante aumento da débeda gobernamental, corporativa, e dos consumidores, impulsaron o crecemento nas primeiras dúas décadas do século XXI. Pero estes dous mecanismos -a especulación e a débeda- constitúen solucións temporais e non sostíbeis fronte ao estancamento de longo prazo.

A economía global de guerra

 Como sinalei no meu libro O Estado Policial Global, publicado en 2020, a economía global chegou a depender cada vez máis do desenvolvemento e despregamento dos sistemas de guerra, de control social transnacional e de represión, simplemente como medio para tirar beneficios a e seguir acumulando o capital de cara ao crónico estancamento e á saturación dos mercados globais. A acumulación militarizada refírese a esta situación na cal unha economía global de guerra depende das constantes guerras, conflitos e campañas de control social e represión, organizadas polos Estados, e agora impulsadas adiante polas novas tecnoloxías dixitais, para soster o cada vez máis leve proceso de acumulación global de capitais.

 Os acontecementos do 11 de setembro de 2001 marcaron o inicio dunha era de guerra global permanente no cal a loxística, a guerra, a intelixencia, a represión, o seguimento e rastrexo, e mesmo o persoal militar son cada vez máis o dominio privado do capital transnacional. O orzamento do Pentágono incrementouse nun 91 por cento en terminos reais entre 1998 e 2011, mentres a nivel mundial, o conxunto dos orzamentos militares estatais creceu nun 50 por cento entre 2006 e 2015, de 1.4 billóns de dólares, a 2.03 billóns, aínda que esta cifra non inclúe os centenares de miles de millóns de dólares gastados na intelixencia, as operacións de continxencia, as operacións policiais, as “guerras” contra as drogas e o terrorismo e a seguridade interna. Durante este período, os beneficios do complexo militar-industrial cuadruplicáronse.

 Pero un enfoque que se limita a analizar os orzamentos militares estatais dános unha visión demasiado parcial do cadro da economía global de guerra. As numerosas guerras, os múltiples conflitos e campañas do control social e de represión por todo o mundo entrañan a fusión da acumulación privada coa militarización estatal. Nesta relación, o Estado facilita a expansión das oportunidades para que o capital privado acumule mediante a militarización, tales como a facilitación da venda global de armamentos por parte das compañías do complexo militar-industrial-seguridade. Estas vendas alcanzaron niveis que non teñen precedente. As vendas globais de armamentos por parte dos 100 fabricantes máis grandes incrementáronse nun 38 % entre 2002 e 2016.

 Xa para 2018, as compañías militares con fins de lucro empregaron uns 15 millóns de persoas por todo o mundo, mentres outros 20 millóns de persoas traballaban para as compañías privadas de seguridade. O negocio da seguridade privada (policía privada) é un dos sectores económicos de crecemento máis rápido en moitos países e chegou a empequenecer as forzas de seguridade en todo o mundo. O total gastado na seguridade privada en 2003 -o ano da invasión norteamericana a Iraq- foi maior nun 73 % que o gastado en seguridade pública, e tres veces máis de persoas traballaban para compañías privadas militares e de seguridade que para as instancias estatais. Estes soldados e policías corporativos foron despregados para vixiar a propiedade corporativa, proporcionar persoal de seguridade para os executivos da clase capitalista transnacional e as súas familias, recompilar datos, levar a cabo a contrainsurxencia, as operacións paramilitares e de seguimento e rastrexo, realizar accións de control de multitudes e represión dos manifestantes, administrar os cárceres e centros de interrogación, xestionar centros privados de detención dos inmigrantes, e mesmo participar directamente nas guerras ao carón das forzas estatais.

 En 2018, o daquela presidente estadounidense Donald Trump anunciou con moito aquel a creación dun sexto servizo das forzas armadas norteamericanas, a chamada “Forza Espacial”. Os medios de comunicación corporativos repetiron como papagaios a versión oficial para a creación destas forzas, no sentido de que era necesario para que Estados Unidos afrontase crecentes ameazas internacionais. Ignoraron case por completo que un pequeno grupo de exfuncionarios gobernamentais con fortes lazos coa industria aeroespacial fixeron constante presión entre bastidores para a creación desta Forza co obxectivo de ampliar o gasto militar en concepto de satélites e outros sistemas espaciais.

 En febreiro do ano en curso a Federación de Científicos Americanos denunciou que detrás da decisión do goberno norteamericano de investir non menos de 100 mil millóns de dólares nunha renovación do arsenal nuclear se deu unha constante presión por parte das compañías do complexo militar-industrial que producen e manteñen o devandito arsenal. A administración Biden anunciou aos catro ventos a primeiros de abril deste ano que ía retirar todas as tropas norteamericanas en Afganistán. Porén, os 2 500 soldados estadounidenses nese país palidecen en comparanza cos mais de 18 000 contratistas de apoio privados despregados por Estados Unidos, entre eles polo menos 5 000 soldados nos continxentes das corporacións militares privadas.

 As mal chamadas guerras contra as drogas e o terrorismo, as guerras non declaradas contra os inmigrantes e refuxiados, a construción dos muros nas fronteiras, os centros de detención de inmigrantes, os complexos industriais carcerarios, os sistemas de seguimento e rastrexo de xente, a extensión das compañías privadas de seguridade e mercenarias... todos se converteron en importantes fontes de beneficios e se volverán máis importantes aínda na medida en que a economía global siga enfrontando o estancamento crónico. En resumidas contas, o Estado policial global devén un gran negocio en momentos en que outras oportunidades de lucro para as grandes corporacións transnacionais se ven limitadas.

 Pero aínda que os beneficios do capital transnacional e non a ameaza externa é a explicación para a expansión da maquinaria norteamericana de guerra estatal e corporativa, esta expansión aínda necesita ser xustificada pola propaganda oficial do Estado. A nova guerra fría cumpre con esta finalidade.

Conxurando inimigos externos

 Hai outra dinámica en xogo que explica a nova guerra fría: a crise da lexitimidade do Estado e da hexemonía capitalista. As tensións internacionais derivan dunha contradición aguda no capitalismo global: a globalización económica ten lugar nun sistema de autoridade política baseada no Estado nación. É dicir, en termos mais técnicos, hai unha contradición entre a función de acumulación e a función de lexitimidade dos Estados. Os Estados enfrontan unha contradición entre a necesidade de promover a acumulación transnacional de capital nos seus respectivos territorios nacionais -en competencia con outros Estados - e a necesidade de lograr a lexitimidade política e estabilizar a orde social interna.+

 A tarefa de atraer os investimentos corporativa e financeira ao territorio nacional require que o Estado proporcione ao capital todos os incentivos asociados co neoliberalismo, como son a presión para abaixo sobre os salarios, a represión sindical, a desregulación, as políticas impositivas regresivas, as privatizacións, os subsidios ao capital, a austeridade fiscal e recortes do gasto social, etcétera. O resultado destas medidas é o incremento da desigualdade, o empobrecemento, e a inseguridade para as clases traballadoras e populares, precisamente as condicións que arroxan aos Estados cara á crise da lexitimidade, que desestabilizan os sistemas políticos nacionais, e que poñen en perigo o control elitista.

 As friccións internacionais aumentan na medida que os Estados, nos seus esforzos por reter a lexitimidade, buscan sublimar as tensións sociais e políticas e evitar que se fracture a orde social. En Estados Unidos, esta sublimación entrañou o esforzo por canalizar o descontento social cara ás comunidades convertidas en chibos expiatorios, tales como os inmigrantes. Trátase dunha das funcións máis importantes do racismo e foi parte integral da estratexia política do goberno de Trump. Mais tamén entraña a canalización de devandito descontento cara a inimigos externos tales como China e Rusia, o cal parece ser unha das pedras angulares da estratexia do goberno de Biden.

 As clases dominantes chinesas e rusas tamén deben enfrontar as consecuencias económicas e políticas da crise global, pero as súas economías nacionais están menos dependentes da acumulación militarizada e os seus mecanismos de lexitimidade son outras, é dicir, non dependen do conflito con Estados Unidos. É Washington que conxura a nova guerra fría, pero esta guerra non responde a unha ameaza de China ou de Rusia, moito menos á competencia económica entre os capitalistas nos tres países, pois as corporacións transnacionais interpenetráronse inextricabelmente mediante os investimentos mutuos transfronteiras. Máis ben, esta guerra impulsada por Washington responde ao imperativo de xestionar e sublimar a crise.

 O afán do Estado capitalista de externalizar as consecuencias políticas da crise aumenta o perigo de que as tensións internacionais conduzan á guerra. Historicamente as guerras sacaron o sistema capitalista das crises estruturais, mentres serven para desviar a atención desde as tensións políticas e os problemas da lexitimidade. O chamado “dividendo de paz” -que supostamente ía conducir á desmilitarización co fin da Guerra Fría orixinal co colapso da Unión Soviética en 1991- esvaeuse da noite para a mañá cos acontecementos do 11 de setembro de 2001, que lexitimaron a farsa da “guerra contra o terror” como novo pretexto para a militarización e o nacionalismo reaccionario. Os presidentes estadounidenses historicamente rexistran o índice de aprobación máis alto cando comezan guerras. O índice de aprobación de George W. Bush alcanzou o máximo histórico do 90 por cento en 2001, no momento en que a súa administración se preparou para invadir a Afganistán, mentres que o da administración do seu pai, George H. W. Bush, alcanzou un índice do 89 por cento en 1991, a raíz da súa declaración de que concluíu exitosamente a (primeira) invasión a Iraq e a “liberación de Kuwait”.

A ditadura dixitalizada da clase capitalista transnacional

 O capitalismo global experimenta nestes momentos un proceso de reestruturación e transformación radical, impulsado por unha dixitalización moito máis avanzada de toda a economía e a sociedade global. Este proceso está baseado nas tecnoloxías da chamada “cuarta revolución industrial”, incluíndo a intelixencia artificial e a aprendizaxe automática, os macrodatos, os vehículos terrestres, aéreos e marítimos de condución automática, a computación cuántica e en nube, o internet/rede das cousas (coñecido como IoT polas súas siglas en inglés), a bio e nanotecnoloxía e 5G largo de banda, entre outras.

 Se a crise é económica e política, tamén é existencial pola ameaza do colapso ecolóxico, así como pola dunha guerra nuclear, á cal temos que engadir tamén o perigo de futuras pandemias que poderían involucrar a microbios moito máis letais que os coronavirus. Os peches impostos polos gobernos pola pandemia serviron como probas para a forma en que a dixitalización podería permitir aos grupos dominantes efectuar unha aceleración no tempo e no espazo da reestruturación capitalista e exercer un maior control sobre a clase traballadora global. O sistema agora buscar unha maior expansión pola vía da militarización, as guerras e os conflitos, unha nova fase de espolios violento ao redor do mundo e unha extensión da pillaxe do Estado.

 As clases dominantes están a aproveitar da emerxencia sanitaria para lexitimar un maior control sobre as poboacións descontentas. Este proceso vese acelerado pola mudanza das condicións producidas pola pandemia e as súas consecuencias. As devanditas condicións axudaron a un novo bloque de capital transnacional -liderado polas compañías xigantescas de alta tecnoloxía, entrelazados como son coa banca, a industria farmacéutica e o complexo militar-industrial- a acumular cada vez máis poder e consolidar o seu control sobre os eixes dominantes da economía global. A reestruturación en marcha leva consigo unha maior concentración de capital a nivel mundial, un agravamento da desigualdade social, e tamén unha agudización das tensións internacionais e os perigos da conflagración militar.

 En 2018, só 17 conglomerados financeiros globais no seu conxunto xestionaron 41.1 billóns de dólares, o que representa máis da metade do produto global bruto do planeta enteiro. Ese mesmo ano, para reiterar, o 1 por cento da humanidade, encabezado por 36 millóns de millonarios e 2 400 multimillonarios, controlou máis da metade da riqueza do planeta, mentres o 80 por cento -case seis mil millóns de persoas- tivo que se conformar con apenas o cinco por cento desa riqueza. O resultado é devastación para a maioría pobre da humanidade. O 50 por cento da poboación mundial tenta sobrevivir con menos de 2.5 dólares diarios e o 80 por cento sobrevive con menos de 10 dólares diarios. Unha de cada tres persoas sofre desnutrición, case mil millóns de persoas se  deitan cada noite con fame, e outros dous mil millóns sofren inseguridade alimentaria. O número de persoas convertidas en refuxiados pola guerra, o cambio climático, a represión política e o colapso económico xa alcanza varios centenares de millóns. A nova guerra fría resultará nunha agudización da miseria desta masa da humanidade.

 As crises capitalistas son momentos de intensas loitas de clase e sociais. Houbo unha rápida polarización na sociedade global desde 2008 entre unha ultradereita insurxente e unha esquerda insurxente. A crise en curso desata revoltas populares. Os traballadores, campesiños e pobres levaron a cabo unha vaga de folgas e protestas ao redor do mundo. Desde Sudán até Chile, desde Francia até Tailandia, Sudáfrica, e os Estados Unidos, unha “primavera popular” xorde por todas as partes. Mais a crise tamén anima as forzas ultradereitistas e neofascistas que xurdiron en moitos países ao redor do mundo e que buscan aproveitar politicamente a urxencia sanitaria e as súas consecuencias. Os movementos neofascistas e os réximes autoritarios e ditatoriais proliferaron por todo o mundo en tanto se desintegra a democracia.

 As desigualdades salvaxes explosivas desatan protestas masivas por parte dos oprimidos e levan os grupos dominantes a despregar un Estado policial global cada vez máis omnipresente para conter a rebelión das clases traballadoras e populares. O capitalismo global emerxe da pandemia nunha nova e perigosa fase. A batalla polo mundo pospandémico xa se está a librar. As contradicións dun sistema en perpetua crise chegaron ao momento de creba, conducindo o mundo cara a unha situación perigosa, cara á beira da guerra civil global. Os riscos non poderían ser maiores. Parte integral da batalla polo mundo pospandémico é a revelación e a denuncia da nova guerra fría como artimaña dos grupos dominantes para desviar a nosa atención da crise en escalada do capitalismo global.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 26 de abril de 2021]

Volver