“Que non nos rouben as nosas pensións!”

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG-Vigo mobilizouse hoxe en defensa do sistema público e para reclamar unhas prestacións dignas
Vigo - 26 Abr 2019

Ao berro de “Que non nos rouben as nosas pensións”, “Con este goberno imos de cu” ou “Pensións dignas e garantidas” o colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG de Vigo botouse hoxe á rúa en defensa do sistema público de pensións e para demandar unhas prestacións dignas.

Máis dun cento de persoas déronse cita na concentración que tivo lugar a carón do farol de Urzaiz a partir das 11:30 horas e na que participou o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves. Ao remate da protesta denunciaron que as últimas subas na contía das pensións imposibilitaron a recuperación do poder adquisitivo perdido polos/as pensionistas e chamaron a cidadanía a participar “nunha loita que é de todos e todas”.

Tamén denunciaron que en Galiza, onde os salarios son máis baixos, as pensións tamén o son, ao tempo que advertiron que os debates na Comisión do Pacto de Toledo, as recomendacións do FMI e da OCDE, os anuncios sobre a prolongación da idade da xubilación ou o decreto de contratos relevo e xubilación parcial “confirman a pretensión de introducir novos recortes”.

Finalmente, reiteraron a súa determinación en defender o dereito a unha pensión digna tras décadas de traballo e anunciaron que se farán escoitar na rúa “un día si e outro tamén” até que se garanta o sistema público de pensións e até os xubilados/as e pensionistas reciban unha prestación que lles permita vivir con dignidade.