• Nova

Que pasou con Chile? As leccións dun proceso constituínte frustrado

Albert Noguera - 12 Set 2022

Ante o rexeitamento á nova constitución chilena, sometida a referendo hai uns poucos días, entender e reflexionar sobre os erros cometidos na dirección e xestión do proceso constituínte chileno é unha tarefa de fundamental importancia para non repetilos en futuras experiencias

As reformas económicas de Pinochet, durante os anos 70 e 80, converteron Chile, até hoxe, nun dos modelos neoliberais máis salvaxes da rexión. Fronte a esta realidade, o estourido social, iniciado o 18 de outubro 2019, volveu pór sobre a mesa a histórica demanda da Asemblea Constituínte para aprobar unha Constitución que substituíse a pinochetista de 1980 e forzou a coalición oficialista de dereitas Chile Vamos e a parte da oposición a asinaren o Acuerdo por la Paz Social y la Nueva Constitución, que incluía a convocatoria dun referendo para activar o proceso.

 Co obxectivo de poder convocar o plebiscito e posibilitar o proceso de elaboración da Constitución, procedeuse a unha reforma constitucional (Lei 21.200, do 23 de decembro de 2019), na que se incluía o plebiscito e a regulación do proceso a seguir. En outubro de 2020, a cidadanía chilena pronunciouse en referendo, cunha clara maioría, a favor da elaboración dun novo texto (78,28%) por parte dunha Asemblea Constituínte (79%), de xeito que, en maio de 2021, o presidente Piñera convocou eleccións á Convención Constitucional, obtendo a maioría absoluta as esquerdas.

 Non hai dúbida de que se abría unha oportunidade para reverter o neoliberalismo. Oportunidade que se consolidou coa vitoria do candidato do Frente Amplio, Gabriel Boric, nas eleccións presidenciais do 21 de novembro de 2021, celebradas en pleno funcionamento da Convención. Non obstante, tras un ano de traballo, o proxecto de Constitución presentado, o 4 de setembro de 2022, foi maioritariamente rexeitado en referendo (61,86%). O Non gañou nas 16 rexións do país.

 Mais, por que a xente votou en contra do proxecto de Constitución? Que pasou para que unha Convención Constitucional que comezou cun forte apoio cidadáns se fose deslexitimando a medida que pasaban os meses?

 Resultaría superficial e de gran falta de autocrítica dicir que se debe a que, en Chile, a xente é de dereitas ou foi manipulada polas mentiras dos medios de comunicación. Sería absurdo pensar que a mesma maioría que en 2020 votou masivamente a favor de activar un proceso constituínte, en maio de 2021 elixise unha Convención con maioría absoluta das esquerdas e en novembro do mesmo ano, un Presidente de esquerdas, se convertese á dereita, en só sete meses. Dificilmente podemos entender as causas da desfeita se non somos capaces de facer autocríticas e pór enriba da mesa a mala dirección e a xestión que determinada esquerda institucional fixo do Proceso Constituínte. Podemos sinalar catro grandes límites do proceso que actuaron como neutralizadores dun potencial contido transformador e ilusionante do proxecto constitucional: 1) As ataduras do proceso constituínte; 2) A cultura política da esquerda constituínte e a inexistencia de Constitución económica; 3) A composición e metodoloxía de funcionamento da Convención Constitucional; e 4) A ausencia de conflito social e a participación domesticada. Estes catro límites actuaron como neutralizadores dun contido constitucional transformador con capacidade de ilusionar a xente. Tomar nota resulta indispensábel para evitar que se repitan en procesos futuros. Deteñámonos aí.

 As ataduras do proceso constituínte

 O primeiro erro da esquerda institucional chilena produciuse cando en 2019, en pleno auxe do estourido social e cunha correlación de forzas máis favorábel que nunca, aceptou as condicións impostas pola dereita, mediante reforma constitucional, para desenvolver o proceso constituínte. A Lei 21.2000 de reforma constitucional non só se conformou como unha norma habilitadora do proceso, senón tamén de disciplina deste. Nela inclúense diversos artigos pensados para neutralizar o posíbel potencial rupturista da Convención, entre os que salientan os seguintes: A) A definición da Convención como poder non soberano sometido a límites do contido; B) O estabelecemento dunha maioría de dous terzos dos votos para a aprobación da Constitución e a posibilidade de reversibilidade do proceso; e C) A fixación de límites ás disposicións transitorias da nova Constitución destinadas a manter a antiga superestrutura estatal. Esta lei aprobouse cos votos da esquerda hoxe no Goberno. Imos por partes.

  1. A) A primeira atadura imposta pola Lei 21.200 foi baleirar a Constitución de soberanía e estabelecer limitacións de reforma de determinados aspectos da Constitución anterior, así como de actos do poder executivo e xudicial constitutivos do modelo económico do país. Entre eles, as sentenzas xudiciais firmes e executadas e os tratados internacionais en vigor ratificados por Chile. No momento da posta en marcha da Convención, estaban ratificadas e en vixencia en Chile distintos acordos multilaterais (Tratado da Organización Mundial do Comercios), acordos de libre comercio, así como acordos bilaterais de investimento con máis de 50 países. A obrigatoriedade de respectar estes imposibilitou que a Convención Constitucional reorientase o modelo económico de libre comercio no proxecto da Constitución, ou que redefinise a xeopolítica e os nosos socios estratéxicos en termos comerciais.
  2. B) Ademais do anterior, a reforma constitucional estableceu que a Convención debía aprobar o novo texto cun quórum de dous terzos dos seus membros. Así mesmo, fixouse que se o resultado do referendo ratificario do proxecto fose negativo, a actual Constitución pinochetista seguirá vixente. Estes mecanismos tiñan orixinariamente a intención de conceder a posibilidade de veto á dereita sobre a esquerda. E, en segundo lugar, a non ter, a dereita, ningún interese nin incentivo para negociar nin chegar a ningún acordo en nada, xa que o non acordo era o xeito que tiña para se facer valer, por defecto, a súa posición, situarían a esta é unha de vantaxe respecto á esquerda. Negar os seus votos era a maneira de impoñer a súa vontade, isto é, a vella Constitución.
  3. C) Unha das atadura que impuxo a Lei 21.200 foi relativa á cuestión das disposicións transitorias

que se incorporarán á nova Constitución. Coincidindo aínda en pleno período de traballo da Convención, celebráronse eleccións presidenciais e lexislativas. Nas primeiras, Gabriel Boric do Frente Amplio obtivo a vitoria. Mais, nas lexislativas, a coalición con máis votos, en ambas as cámaras, foi o dereitista Chile Podemos Más, obtendo a dereita forte presenza e capacidade de veto en ambas as cámaras. Con este contexto, e de acordo coa atadura citada, as disposicións transitorias do novo proxecto constitucional, manteñen a vixencia do Poder Executivo e Lexislativo, elixido con anterioridade á aprobación da Constitución, e atrasa a entrada en vigor do novo texto nesta parte, até o 2026. Os gobernadores rexionais e os conselleiros rexionais tamén se manteñen até 2025. Ademais, mantén a vixencia do vello procedemento lexislativo regulado na vella Constitución até o 11 de marzo de 2026. Trátase dun procedemento caracterizado pola exixencia de maiorías cualificadas que outorgan poder de veto á dereita. Tamén se manteñen en todos os seus cargos todas as autoridades dos órganos autónomos e xuíces de altos tribunais designados polo anterior goberno de dereitas, así como toda a lexislación. Mentres que, en calquera proceso, a nova Constitución ten unha cláusula derrogatoria que estabelece que toda a lexislación que contradiga o novo texto queda automaticamente derrogada, no caso chileno estabelécese que toda a normativa vixente seguirá en vigor mentres non sexa derrogada, modificada ou substituída, o cal resulta imposíbel cun lexislativo onde a dereita ten poder de veto. O atraso da entrada en vigor parcial da nova Constitución, o mantemento da vella superestrutura estatal até 2025 ou 2026 e a permanencia de toda a lexislación até que non exista nova lexislación que a substitúa, eliminaba toda posibilidade que o novo texto servise para transformar nada.

 A pesar de que todas estas ataduras estaban estabelecidas na Lei 21.200 de reforma constitucional que estabelecía o procedemento a seguir pola Convención, o momento de instalación desta e de aprobación do seu regulamento de funcionamento sería unha oportunidade para que, de acordo coa teoría clásica do Poder Constituínte, a Convención Constitucional con maioría absoluta das esquerdas procedese: 1. A aprobar unha declaración reivindicando o seu carácter de Poder Constituínte soberano e plenipotenciario, expresión directa da vontade popular manifestada en referendo ; e 2. A aprobar, en exercicio dos seus poderes plenipotenciarios, un regulamento de funcionamento que revertese todas as ataduras. Non facelo por medo á confrontación co poder constituído, foi o primeiro erro dunha Convención que xa naceu como poder limitado.

A cultura política de boa parte da esquerda institucional chilena e a inexistencia dunha Constitución económica

 O segundo límite neutralizador do carácter transformador do proxecto de Constitución é a cultura política do bloque de esquerdas maioritario na Convención. Entenderemos aquí por cultura política o conxunto de crenzas sobre a Constitución e as súas funcións, a maneira de entender a política e as pautas de comportamento que este bloque manifestou na súa actuación no seo desta durante o proceso de redacción do novo texto. Esa cultura política estivo caracterizada por dous trazos principais: A) A cultura dos grandes acordos e o non conflito; e B) A concepción procedementalista da democracia plasmada nunha preocupación prioritaria pola parte orgánica e despreocupación polo económico.

 A grandes trazos, os diferentes enfoques da teoría política presentaron o progreso das sociedades desde dúas grandes teorías opostas: as teorías da harmonía social e as teorías do conflito. Gran parte do bloque político de esquerdas percibiu a redacción da nova Constitución como un cambio no país pola vía da harmonía social, non do conflito. Esta aposta polo acordo social non foi unha decisión estratéxica conxuntural senón unha característica definitoria da maneira de entender a política por parte desta esquerda chilena durante as últimas décadas, que tería a súa orixe na práctica política normalizada pola Constitución de 1980.

 Co obxectivo de impedir que o modelo político e económico imposto pola ditadura puidese ser transformado por un eventual Poder lexislativo con maioría da oposición democrática, a Constitución de 1980 estabeleceu a esixencia de quórums cualificados para a aprobación de leis. Estes quórums lexislativos acabaron impondo no país unha cultura política baseada na idea que calquera decisión imposta pola maioría nunha votación dividida, é unha cousa contraria á democracia que crispa a situación política. Así, negociar até que a decisión de que se trate sexa aceptábel para todos e non afecte seriamente os intereses de ninguén, é entendido como a marca da acción política virtuosa. Mesmo naqueles momentos históricos nos cales o centroesquerda ou a esquerda puido tomar decisións sen ter que contar co apoio da dereita, durante a presidencia de Bachelet (2006-2010 e 2014-2018), non se atreveu a facelo.

 En consecuencia, a Constituínte chilena non transcorreu nunha lóxica de campo de loita entre diferentes grupos conformados ao redor da afirmación e defensa do seu proxecto político de clase en conflito para impoñelo sobre o do seu inimigo. Senón de acordo cunha lóxica cidadanista onde cada convencional percibía a súa función alí, non como a imposición dos seus intereses políticos, senón como a obriga de cooperar co resto de convencionais, independentemente da súa cor política, co obxectivo de redactar unha Constitución que respondese ao “interese común”. O Proceso Constituínte non foi percibido por estes como un proceso de loita de clases, senón como unha reactualización da noción hegeliana de civismo ou civilidade como conxunto de prácticas individuais apropiadas en prol do ben colectivo. Máis que como campo de loita, a Convención era percibida polos seus actores, de acordo coa miraxe da tradición filosófica do republicanismo democrático burgués, como arena pública na cal as clases e os enclasamentos desapareceron como por encanto e os membros do cal actuaban como concertadores á marxe da súa identidade política a través do intercambio de argumentos racionais e a busca do interese xeral, para o cal o conflito é un atranco a vencer mediante o diálogo. Máis que como acto de imposición de Poder por parte da maioría sobre a minoría, gran parte dos convencionais do bloque de esquerdas percibían a Convención como un reino imaxinario no cal individuos representantes e portadores no seu interior do interese xeral discuten e aproban artigos facendo abstracción do lugar que cadaquén ocupa na estrutura social real.

 Esta concepción, plasmada na defensa dos dous terzos e a cultura dos grandes acordos, foi outro dos elementos que contribuíu a desactivar calquera posíbel carácter transformador do texto constitucional.

 Pero, ademais, a isto sumábase a existencia, en gran parte do bloque da esquerda e centroesquerda, dunha concepción procedementalista da democracia, que fixo que o seu principal interese se centrase moito máis na vontade de reforma da parte orgánica da Constitución de 1980 que non na cuestión das garantías de dereitos e a Constitución económica, consideradas estas últimas, mesmo, como unha cuestión secundaria.

 Isto tamén ten unha explicación histórica. Desde que se reinstaurou o réxime posditatorial en 1990, a principal preocupación e reivindicación das forzas políticas democráticas fora desmilitarizar a institucionalidade estatal, con forte presenza e capacidade de influencia dos militares, e eliminar os chamados enclaves autoritarios establecidos pola ditadura na Constitución de 1980 para impedir ao poder lexislativo democrático nacente capacidade de modificar nada, nin desenvolver as súas propias decisións políticas. Despois de 33 anos e a pesar das reformas constitucionais producidas entre 2006 e 2019, isto non se puido conseguir do todo.

 Con esa historia, a Convención foi vista por parte da esquerda institucional como a oportunidade definitiva para acabar esta tarefa, por  iso centrou a súa atención principal, especialmente, na reforma da parte orgánica da Constitución e menos na cuestión das garantías dos dereitos e a Constitución económica. Existen evidencias claras que proban esta tese. Entre elas, a distribución temática das comisións do Regulamento Xeral, onde se organiza o funcionamento da Convención en sete comisións temáticas. Tres de sete dedicadas á parte orgánica da Constitución, pero o que, seguramente, resulta máis rechamante é ver que se dedica unha comisión a “Sistemas de Coñecementos, Culturas, Ciencia, Tecnoloxía, Artes e Patrimonios”, mais, con todo, non existe unha comisión sobre réxime económico destinada a estabelecer os principios básicos que regulan o sistema económico dun país e, especialmente, aqueles que estabelecen os parámetros da intervención do Estado no mercado. A cuestión económica foi considerada, en todo momento, como unha cuestión secundaria.

 A cuestión do modelo económico aparece como un engadido ao final do nome da Comisión 5 chamada «Comisión sobre Medio Ambiente, Dereitos da Natureza, Bens Naturais Comúns e Modelo Económico», que abordou, case integramente, temas ambientais e na cal o perfil profesional e vital dos seus membros é tamén, integramente, o de persoas con traxectorias e cargos nas loitas ou área ambiental e dos dereitos indíxenas que por deformación profesional, inevitabelmente, parten dunha subordinación do económico ao ambiental. Ademais, o pouco interese en tocar cuestións estruturais da economía fíxose evidente, tamén, no feito de que o principal colectivo da esquerda no seo da Convención, o do Frente Amplio, decidise non enviar ningún das súas 16 convencionais a integrar esta comisión. O mesmo sucedeu co principal colectivo do centroesquerda, o colectivo Socialista. Dos seus 17 membros só propuxo na Comisión 5 a María Castillo Boylet, bióloga non militante do Partido Socialista, quen se presentara como candidata á Convención en calidade de independente, na «Lista de Independentes de Coquimbo», e que, posteriormente unha vez xa empezada a Convención, se integrou no Colectivo socialista. Fóra dela, o Partido Socialista non enviou ningún dos seus convencionais militantes orgánicos a defender un proxecto económico nacional alternativo ao neoliberalismo nesta comisión. A súa prioridade foi tamén as comisións da parte orgánica.

 O resultado de todo isto é que o proxecto constitucional chileno de 2022 non contén, practicamente, Constitución económica, sen a cal resulta imposíbel transformar a base estrutural do modelo neoliberal herdado do réxime anterior.

A composición e metodoloxía de funcionamento da Convención constitucional

 Outros elementos que dificultaron poder redactar unha Constitución rompedora co modelo neoliberal e contribuíron a deslexitimar a Convención foron: A) A composición da Convención Constitucional, caracterizada pola fragmentación de grupos sen proxectos políticos alternativos integrais; e B) A organización do cronograma do traballo e lóxica de funcionamento interno.

 Aínda que o día da posta en marcha da Convención a maior parte dos convencionais estaban agrupados no cinco grandes coalicións electorais (Vamos Chile, Apruebo Dignidad, La lista del Pueblo, Lista del Apruebo e Independientes por una Nueva Constitución), máis algúns outros independentes e os escanos reservados indíxenas; a poucos meses da súa inauguración, os seus integrantes xa se dividiran, puxeran a mal, fragmentaran e reagruparan nunha enorme cantidade de grupos pequenos denominados “Colectivos”. A finais de novembro de 2021, no quinto mes de funcionamento, xa existían 16 colectivos diferentes, dos cales o máis numeroso non sumaba máis do 11% dos votos da Convención.

 Esta fragmentación sobrevida explícase, en parte, polo propio sistema electoral. O réxime electoral binominal maioritario definido en Chile pola ditadura incentivara, tradicionalmente, os partidos a conformaren grandes coalicións para competir nas eleccións presidenciais e do Congreso. Aínda que este sistema foi modificado pola Lei n.º 20.840 de 2015, o novo sistema mantivo uns certos elementos de binominalidade. Esa lóxica mantívose nas eleccións á Convención constitucional, onde se aplicou o mesmo sistema electoral que para o Congreso de deputados.

 Este sistema electoral, sumado á cultura política das grandes coalicións, explica por que os partidos políticos se presentaron ás eleccións constituíntes a través de grandes frontes electorais que incluían no seu seo partidos moi diferentes. Isto provoca que, unha vez elixidos e coa Convención constitucional en marcha, as súas diferenzas os levasen a fragmentarse en múltiplos colectivos. A fragmentación dificultou enormemente poder chegar a acordos en moitas ocasións.

 A esta fragmentación e vetos cruzados sumábase, ademais, que a ampla maioría dos colectivos non tiñan un proxecto político-ideolóxico alternativo integral de Constitución, senón simplemente algunhas reivindicacións parciais sectoriais que defender. En procesos constituíntes anteriores como o de Bolivia (2006-2009), a conformación da Asemblea Constituínte foi precedida dun traballo previo de discusión e aprobación dun proxecto político-ideolóxico integral de Constitución por parte da esquerda. No caso chileno, pola contra, existen varios elementos que fixeron que isto non fose así:

 Por unha banda, parte das coalicións presentadas ás eleccións constituíntes, como a do Independientes por una Nueva Constitución, etc., eran candidaturas simplemente instrumentais non programáticas ou a suma de individualidades independentes e, por tanto, sen proxecto político definido. Dos 155 membros electos, 48 convencionais proviñan de listas independentes dos partidos políticos (31%) e 40 máis foron elixidos en papeletas de partidos nos cales non militaban, ascendendo a porcentaxe de independentes ao 57%.

 Doutra banda, nin sequera aquelas forzas máis orgánicas e articuladas como o Frente Amplio, que en decembro de 2021 gañaría as eleccións presidenciais, non dispuñan de programa político nin dunha proposta de Constitución previa por escrito.

 E, finalmente, doutra banda, os Colectivos dos movementos sociais (Movimientos Sociales Constituyentes, Coordinadora Constituyente Plurinacional y Popular, La lista del Pueblo, etc.) estaban integrados por unha multiplicidade de convencionais provenientes de movementos sociais varios con demandas micro propias do seu eido de actuación mais sen un proxecto político unitario de impugnación global e integral do sistema articulado.

 A esta fragmentación, sumouse a aprobación, por parte da Convención, dun cronograma de traballo e dun Regulamento cunha lóxica de funcionamento interna que resultaron nefastos.

 O cronograma de traballo estabeleceu que, dos 12 meses dos que se dispuña para redactar o texto, os primeiros sete meses se dedicarían a tarefas de aprobación dos regulamentos internos, escoita da cidadanía e difusión territorial do proceso, sen entrar en discusión e aprobación de contido constitucional. Isto non só xeraba a sensación pública, amplificada pola dereita, de que os convencionais non avanzaban en nada, senón que obrigou a discutir e aprobar os 499 artigos do primeiro borrador de Constitución en apenas catro meses, facendo que unha gran parte de artigos se acordasen e aprobasen, ás présas, por mor de negociacións e acordos improvisados entre poucas persoas nos corredores durante os recesos do pleno, sen maior deliberación nin debate. E o resto de partes se mantivesen igual ou sen demasiadas modificacións que as xa previstas na vella Constitución, posto que non houbo tempo para discutilas.

 E respecto da lóxica de funcionamento interno, a maneira de conformar as comisións temáticas en Chile foi diferente da que se adoita usar nas cámaras lexislativas de todas as partes. Non se garantía, nas comisións, o mesmo xogo proporcional de maiorías e minorías que había no pleno. De acordo coa artigo 70 do Regulamento xeral, a maneira de conformar as comisións consistía en que cada convencional manifestaba a que comisión quería ir e conseguía o apoio doutros para ser nomeado nesta. Isto facía que en cada comisión existisen maiorías e minorías políticas diferentes e estas tamén eran diferentes ás do Pleno, e máis aínda nunha convención tan fragmentada con grupos con moi poucos convencionais. Deste xeito, o feito de que despois de longos procesos de negociación se conseguise aprobar, por dous terzos, unha proposta de articulado na comisión, ao chegar ao pleno, dado que o xogo de maiorías era diferente, esta non obtiña dous terzos, sendo rexeitada e devolta, facendo absolutamente dificultoso aprobar calquera cousa.

 En resumo, a división da esquerda en múltiples Colectivos e convencionais con demandas-fragmento illadas non integradas nun proxecto unitario e integral de Constitución, unido á mala organización do cronograma de traballo e a lóxica de funcionamento da Convención, contribuíu á deslexitimación social da Convención.

 A ausencia de conflito social e a participación domesticada

 Outro dos factores que permite explicar a ausencia dunha Constitución antineoliberal é, no caso chileno, a forma da intervención cidadá no proceso constituínte. A Convención constitucional chilena afirma ser unha das máis participativas da historia. Así e todo, a tese que defendo é que a Convención transcorreu nun clima de coparticipación mais non de loita social, que son cousas diferentes. Isto fixo que non existise o que, seguramente, é un dos principais elementos radicalitadores de  calquera proceso: o conflito social.

 A loita e a coparticipación social son dúas formas diferentes de intervención da sociedade no espazo político. Estas diferéncianse pola súa motivación, a súa materialización e a súa función.

 Por unha banda, a loita social caracterízase para ter unha motivación ideolóxica estreitamente vinculada: en  primeiro lugar, a unha crítica á orde estatal e económica neoliberal; e, en segundo lugar, a unha estratexia de transición, a un desbordamento das estruturas estatais, as institucións políticas e as súas relacións de distribución, para reorganizar formas alternativas de apropiación, xestión, organización e dirección de recursos e procesos sociais e políticos. A loita social é, en resumo, a politización dos diferentes tipos de escaseza ou precarización social, da cal emana unha acción colectiva conflitiva que supera os espazos institucionais estatais para crear novas realidades. Esta materialízase en escenarios de desorde, posto que o seu obxectivo é desorganizar a vella orde para organizar unha nova. A función que exerce é a de xerar movemento transformador e/ou democratizador.

 Doutra banda, e pola contra, a coparticipación social caracterízase para ter unha motivación técnica. A participación carece aquí de proxecto histórico e limítase a dinámicas particulares de participación individual integradas en ordes institucionais «abertas». A coparticipación dos cidadáns constrúese como concesión dun dereito formal a «ser consultado en» ou «formar parte de» os procesos decisorios da institucionalidade estatal, mais sen que esta participación se constrúa a partir do conflito estrutural cos propios principios de organización política da sociedade e formas de distribución da riqueza social. O seu exercicio materialízase de  maneira ordenada e procedementalizada dentro das canles da racionalidade institucional. Trátase dunha práctica participativa ligada a disposicións normativas e regulamentarias preestablecidas, prazos, formularios de inscrición ou queixa, solicitudes, etc., que a converten nun simple procedemento técnico desideoloxizado que, ademais, en Chile se facían a través dunha plataforma dixital por internet. En consecuencia, a participación acaba sendo non a irrupción popular da masa no escenario político para transformar de maneira estrutural a realidade, senón a simple implementación do contido dun conxunto de normas e procedementos institucionais preestablecidos. A función que exerce non é de transformación senón de lexitimación formal conservadora da institucionalidade que o opera.

 Como dicía, a tese que sosteño é que aínda que , durante os anos previos ao plebiscito constituínte, se dan certos estouridos sociais que conforman episodios de loita social e que, sen dúbida, permiten abrir o proceso constituínte, a non existencia no país, máis aló do movemento mapuche, de estruturas orgánicas fortes capaces de soster unha acción política prolongada fai que a intervención da cidadanía durante a etapa de redacción da Constitución adoptase a forma de coparticipación pero non de loita social. Isto, como dicía antes, fixo que non existise un dos principais elementos radicalizadores de todo proceso político: o conflito social.

 Non deixa de ser abraiante que nun momento constituínte, onde se está redefinindo a totalidade articulada de relacións económicas, políticas, sociais e culturais, non exista ningún tipo de mobilizacións nin conflito nas rúas do país. O Proceso Constituínte boliviano (2006-2009) desenvolveuse entre enfrontamentos sociais con mortos e feridos. O mesmo se temía que puidese pasar no proceso de Ecuador (2008-2009) onde, para evitalo, se instalou a sede da Asemblea Constituínte non en Quito senón enriba dun gran outeiro de difícil acceso no municipio de Montecristi, na rexión litoral de Ecuador, ao que, a pesar de estar a 400 km da capital, continuaban chegando mobilizacións de sectores diversos. Nada disto ocorreu en Chile. Dificilmente se pode redactar e conseguir aprobar unha Constitución antineoliberal se o traballo dos convencionais dentro da Asemblea non vai acompañado de mobilización e conflito social na rúa.

 En resumo, o día 4 de setembro de 2022, enterrouse en Chile unha oportunidade histórica para pór fin á Constitución de Pinochet. Despois da contundencia dos resultados do Non ao referendo, resulta difícil acreditar que a dereita estará disposta a un novo proceso Constituínte máis aló de simples reformas cosméticas na vella Constitución. Entender e pensar os erros na dirección e xestión do proceso chileno que levou a esta situación é de fundamental importancia para evitar volver repetilos en experiencias próximas.

 

[Artigo tirado do sitio web da revista catalán Catarsi, do 7 de setembro de 2022]