Que pode esperar a clase traballadora de Sánchez? Portugal como exemplo

Manuel Mera -

Unha e outra vez durante o último ano Pedro Sánchez puxo como modelo a seguir polo PSOE o do presidente António Costa en Portugal, facendo referencia ao éxito da súa xestión económica e na creación de emprego. Todo indica que ademais serviulle como exemplo para argallar a súa folla de ruta respecto dun acordo con outros partidos que lle garantisen a investidura dende fóra do executivo, de xeito que podería empregar despois, como Costa, a chamada xeometría variábel, ou sexa: acordar a esquerda e dereita segundo fose o tema. Iso é o que acaba de suceder en Portugal, onde, con total naturalidade, o Partido Socialista buscou o apoio na dereita para levar adiante unha reforma laboral que precariza aínda máis as relacións laborais en beneficio da patronal.

En concreto, o Parlamento portugués aprobou o pasado 19 de xullo unha proposta de lei do governo “socialista”, que presentou hai un ano co aval de catro patronais e da UGT, e que modifica a lexislación laboral actual. Ese día centos de traballadores/as manifestáronse diante da Asemblea da República convocados pola CGTP-IN, a maior central sindical do país. Era unha protesta simbólica que representaba as masivas manifestacións que se fixeron en todo Portugal o 10 de xullo reivindicando “revogar as normas anti-laborais, aumentar os salarios, e valorizar aos traballadores”.

A reforma laboral aprobada pola Asemblea da República contou co apoio indirecto dos partidos da dereita, PSD e CDS, que se abstiveron, e coa oposición do Partido Comunista e do Bloco de Esquerda. Estes últimos son forzas aliadas do PS, que chegaron a un acordo programático para a investidura de Costa, que entre outras medidas recuperou a xornada de 35 horas no sector público e outras melloras para os sectores populares. Respecto do compromiso de derogar a reforma laboral, o Governo portugués optou por ceder á chantaxe da patronal, e aceptou unha proposta que esta acordou coa UGT, e que rexeita a CGTP-IN.

Sendo verdade que a reforma aprobada rebaixa a duración dos contratos temporais, e tamén o fai cos “experimentais” a 18 meses, porén non se pode obviar que mantén a carencia de indemnización por despedimento e que non se contabilice este tempo de traballo en caso de conversión en contrato fixo. O que na práctica lexitima polo PS e unha parte do sindicalismo condicións de precariedade laboral absoluta. O xornal Avante recolle as declaracións do coordinador da Unión de Sindicatos de Setúbal sobre o tema: “Observou que a legislação actual já admite contratos para situações de substituição de trabalhadores/as ausentes, trabalho a tempo incerto, trabalho para obras concretas. «Se há contratos para isso tudo, porque é que ainda existe mais uma forma de precariedade, como o trabalho temporário», questionou o dirigente, realçando que as empresas de trabalho temporário «só fazem falta para as grandes multinacionais se aproveitarem dos trabalhadores/as»”.

A derrogación da reforma, como pide a CGTP-IN, inclúe outros aspectos centrais como é a ultra-actividade dos convenios e que se prime o máis beneficioso para o traballador/a, que se retribúa cun maior salario o traballo nocturno, etc. Lembrar que este retroceso nas condicións laborais, xunto a outras medidas de privatizacións, foi imposto pola Troika (Comisión Europea, Banco Central Europeo e o FMI) no ano 2011 para lle dar un préstamo de 78 mil millóns de euros.

Portugal, como o Estado español, viuse favorecido polo auxe do turismo, como consecuencia da inestabilidade política e da violencia no norte de África, Próximo Oriente e a crise económica de Grecia, feitos nos que Estados Unidos e as potencias europeas teñen bastante responsabilidade. Daquela que sexa lóxico que se crease emprego no sector de servizos, e que a recuperación da actividade industrial fose máis débil. En Portugal o desemprego baixou ao 6,6% en maio deste ano. Agora ben, non se pode esquecer que se reduciu a participación dos ingresos do traballo no reparto da renda (como no Estado español), por mor da caída dos salarios. Segundo Eurostat, as persoas que están na pobreza ou en situación de exclusión atinxen o 23,3% da povoación.

En conclusión. Vendo o comportamento político do PS en Portugal respecto da clase traballadora, hai que dicilo, sen grandes custes políticos, todo o contrario, xa que entre un 40-42% votaría por el nas seguintes eleccións segundo as enquisas, que se pode esperar de Pedro Sánchez, para alén de pequenas melloras dirixidas a segmentos moi determinados ou simbólicas cando afectan ao conxunto? Ou sexa, cambios que non mudan a tendencia dominante, que precarizan as condicións laborais, que centran a contribución fiscal sobre a clase traballadora, que non garanten plenamente os servizos e prestacións públicas, e mesmo manteñen latente a presión privatizadora. O cambio de postura do PSOE, respecto da promesa de derogar a reforma laboral, a lei mordaza e o artigo 315.3 do Código Penal, que agora substitúe por unha reforma parcial dos aspectos máis negativos así o reflicten. Nesta problemática non fai máis que seguir a folla de ruta de António Costa, que tan bo resultados lle dá, malia o auxe das protestas da clase traballadora, con máis de 260 folgas o ano pasado.

En fin, a deus rogando e co mazo dando. Se non hai un cambio sistémico, e polo tanto na correlación de forzas, tanto na rúa como nas institucións, neste contexto cun capitalismo na súa etapa senil, que lle outorga un carácter cada vez máis depredador, especulativo e mesmo delituoso, esperar cesións gratis das clases dominantes máis que unha utopía é un espellismo; estar situados noutro tempo histórico. Hoxe todo depende, non só de que as clases populares desexen un cambio (algo que non ten dúbidas), senón de fixar correctamente a folla de ruta, os obxectivos intermedios. Cómpre manter no tempo a mobilización, e aumentar a organización, e contar cunha política de alianzas axeitada que gañe complicidades e debilite as forzas que sobre-explotan a clase traballadora galega e oprimen á nosa nación.

Porén, para facer esta andaina, fai falla un relato coherente, que se vexa como viábel polas clases populares (e que necesariamente, para ser transformador, é imposíbel de aplicar plenamente neste marco, e con esta correlación de forzas). Unha contradición que só se pode resolver unindo a teoría revolucionaria á práctica atrevida e ligada aos sectores da vangarda social, para aumentar a conciencia política e transformar o estado de ánimo na sociedade (véxase que digo vangarda social, organizada ou non politicamente).

Sen dúbida a CIG ten unha práctica de compromiso e loita a prol da clase traballadora e a nación, malia as dificultades do momento. Mais é necesario un salto cualitativo e cuantitativo para seguir avanzando. E, neste aspecto, o nacionalismo galego de esquerda ten moito que aprender do seu pasado; de como unha pequena forza é hoxe a primeira central sindical; como ademais foi hexemónico durante décadas, por iniciativa e propostas, no eido cultural, agrario, ecolóxico, na mocidade... Debe, e pode, volver a selo tamén nestes ámbitos. Para iso é esencial ligar a loita polas reivindicacións básicas, o sentir da rúa, coa transformación política, tanto institucional como estrutural, dándolle o protagonismo que lle corresponde ás organizacións de base, segundo a súa incidencia social. En todo isto ten un papel central o partido de clase, cando se trata da clase traballadora, que é a maioría social, mais disto falarei noutro artigo.

Resumindo. A clase traballadora galega non pode esperar de Sánchez máis do que ela mesma lle impoña, lle obrigue a facer. Cada quen representa uns intereses. O capitalismo con rostro humano do PSOE hai décadas que non ten capacidade nin espazo para obter melloras que impliquen un salto cualitativo na xustiza social e na democracia popular, para alén dalgúns acenos. Dalgunhas cesións, que o capital logo recobra cunha maior explotación, defraudando ao fisco, obtendo subvencións públicas de todo tipo. Non se trata só de evitar o mal maior da dereita retrógrada, caendo na trampa do capital, senón de cambiar as regras de xogo, de conquistar: xustiza social, soberanía, igualdade e democracia.

https://obloguedemera.wordpress.com/

Volver