Queixas dos centros de saúde pola campaña de vacinación da gripe e da COVID-19

Tiveron que anular citas xa confirmadas ao citar de novo a Xerencia por sms

Nacional -

A CIG-Saúde denuncia o descontrol no sistema de citación para a campaña de vacinación da gripe e a terceira dose da covid. Un descontrol que ten provocado queixas de diferentes centros de saúde ao verse obrigados a anular citas xa confirmadas.

O pasado luns, día 18 de outubro, habilitouse a citación para a vacina da gripe nos centros de saúde así que, desde esa data, comezaron a dar citas para administrala. Porén, o mércores día 20, e con citas xa confirmadas, os centros recibiron unha instrución na que se indicaba que as persoas maiores de 79 anos ían ser citadas por SMS desde a propia xerencia.

Isto obrigou ao persoal non sanitaria a contactar coas persoas que tiñan cita confirmada para comunicarlles que recibirían un sms coa nova data. Deste xeito, a desorganización e falta de previsión, en tempo e forma, da administración sanitaria redobrou o traballo e sobrecargou, aínda máis, as áreas administrativas.

Os centros de saúde afectados consideran que primeiro tería que terse feito unha instrución clara e despois habilitar as citas. Xunto a isto cuestionan o propio sistema. “Son totalmente descoñecedores das características do noso país, xente maior que vive soa á que lle envían un sms ou que nin sequera teñen teléfono móbil, ou dúas persoas maiores que viven xuntas e as citan en distintos días tendo que facer dous viaxes”.

Volver