Quen son os responsábeis do golpe en Bolivia?

Alfredo Serrano Mancilla - 18 Nov 2019

O eixe explicativo central deste golpe definitivamente reside no racismo que posúe unha clase boliviana que non acepta o indíxena, esencia dun Estado Plurinacional. Os grandes grupos económicos do país tampouco son alleos a esta cota de desprezo por todo o que teña que ver co indíxena

 Un golpe de Estado endexamais está constituído por un feito illado. Non existe un momento puntual que poida ser definido como o xerador definitivo dunha ruptura democrática. Calquera golpe é un proceso acumulativo no que o “marco” é fundamental para crear as condicións necesarias e suficientes que garantan a súa efectividade. A erosión de lexitimidade do obxectivo a derrocar faise por múltiples vías que regan un eido no que despois as accións destituíntes procuran ser presentadas como democráticas.

 Polo carácter multidimensional do proceso golpista, nunca poderiamos afirmar que existe un único responsábel. Sempre hai moitos actores que participan nesta tarefa, desde quen acaba asumindo a Presidencia tras o golpe até aquel que inicia unha campaña de desgastar cunha fake news.

 En Bolivia, o golpe de Estado contra a democracia, co obxectivo de depoñer a Evo Morales como presidente, tamén contou con moitos partícipes, cada cal na súa xusta condición; uns como colaboradores e outros como cómplices; hóuboos máis pasivos ou máis activos; algúns planificaron desde o inicio e outros fóronse sumando a medida que se foron desenvolvendo os acontecementos.

 Velaquí un reconto breve, pero preciso, de quen foron todos os corresponsábeis do golpe de Estado en Bolivia, con nomes e apelidos:

  1. O fascismo dos comités cívicos, especialmente o de Santa Cruz. Este movemento político, tan violento como racista, non é novo, senón que vén desde o principio da xestión de Evo Morales, porque nunca aceptaron que un representante indíxena e campesiño fose quen tivese o mandato popular para gobernar o país. Intentárono moitas veces, con moitos representantes diferentes e, esta vez, a quenda foi de Luis Fernando Camacho, quen non se presentou a eleccións, quen non ten ningún voto, pero decidiu que a violencia e o terror eran as armas para alcanzar o obxectivo: derrocar a Evo e acabar co Estado de Dereito e orde constitucional do país.
  2. A oposición partidaria que si se presentou ás eleccións. Fundamentalmente, Carlos Mesa, principal contrincante de Evo Morales, derrotado nas últimas eleccións, foi chave en todo este proceso golpista, descoñecendo resultados por anticipado e declarando fraude moito antes que se producisen as eleccións. O mesmo día dos comicios saíu a anunciar que había segunda volta sen que se culminase o reconto de votos. Despois das eleccións, mantivo constantemente unha postura silenciosa, cómplice, ante a violencia desatada polos comités cívicos, reacomodándose ao novo eixe político golpista sen esixir que se frease.
  3. A actual Secretaría Xeral da Organización de Estados Americanos (OEA). Sempre presente cada vez que existe un proceso de desestabilización antidemocrático. Esta vez fíxoo de forma directa, participando no proceso electoral. Primeiro, foi co informe preliminar da misión electoral, que sen base ningunha, anunciou que era “recomendábel unha segunda volta”. Segundo, cun informe preliminar da auditoría cheo de debilidades, nesgado e parcial, sen rigor, e centrado na súa maioría en criticar ao sistema provisorio de transmisión de datos (non vinculante). E é que á hora de analizar as actas oficiais, as reais, unicamente logrou demostrar irregularidades en 78 actas dun total de 34.555, o que supón o 0,22%. De feito, a mostra seleccionada, nas súas propias palabras escritas no informe, non obedece a criterios estatísticos senón que elixiron os casos alí onde o partido oficialista obtivera moitos votos. O informe está inzado de adxectivos e adverbios con ton valorativo e discrecional (“comportamento inusual”, “presumibelmente”) demostrando a súa incompetencia en canto a rigor e imparcialidade.
  4. O Goberno dos Estados Unidos. Outro que non falta: como sempre, tras cada golpe, reaparece precipitadamente recoñecendo o novo presidente autoproclamado. Aínda que esta vez, desde inicios deste ano, diferentes autoridades do Departamento de Estado -por exemplo, Kimberly Breier- xa declararan que o proceso electoral boliviano estaba cheo de irregularidades, usando incluso o termo de “potencial fraude”; ademais, dixeron máis dunha vez que se debía de estudar o descoñecemento dos resultados que da cita electoral se desprendesen.
  5. A policía. É a segunda vez que o fai. No ano 2008 amotinouse e descoñeceu o presidente Evo, provocando inseguridade cidadá e desestabilización política e social. Non prosperou nese intre, pero agora repetiuno nun momento de gran caos e estado de terror provocado polo movemento fascista nas rúas. Foi un actor chave na última fase do golpe de Estado.
  6. As Forzas Armadas. Seguramente este é o actor máis difícil de descifrar neste golpe. Actuou de xeito moi particular: até o último momento non se pronunciou ante a grave situación. En primeiro lugar, cando todo comezaba a estar ao límite, emitiron un comunicado breve pero cun parágrafo último moi ambiguo. Despois, nun dos momentos de maior tensión, mantivéronse en silencio até que, ao final, saíron a pedir a renuncia do presidente Evo. É moi probábel que no interior houbese división, e aínda a haxa. As Forzas Armadas tiveron varias horas de desconcerto, sen querer aproveitarse do baleiro institucional de poder existente, e en ningún momento asumiron o control das rendas do país. Con todo, isto non os exime de responsabilidade porque se foron axustando ao tsunami golpista. A partir de agora veremos que ocorre porque a partida aínda non está concluída en canto ao seu papel nos próximos días e semanas. Até o momento, a autoproclamada presidenta cambiou o comandante das Forzas Armadas, o cal quere dicir que non se fía do anterior nin da ascendencia deste sobre outros mandos intermedios.
  7. Certos medios de comunicación. Nunca poden faltar en cada golpe. Son claves para construír o marco de referencia antes, durante e despois. Un dos principais responsábeis nesta tarefa en Bolivia é Página Siete. Un exemplo é dabondo para demostrar cal foi a súa forma de xerar o máximo nivel de desacougo: desde a noite das eleccións até 48 horas despois, sostivo no seu portal como entrada principal o resultado dunha empresa de enquisas privada, Viaciencia, que daba só 4 puntos a favor de Evo para instalar a idea da fraude a pesar que xa fora publicado oficialmente o cómputo preliminar e definitivo. Este medio sempre foi o máximo expoñente do marco da fraude, antes e despois, defendendo o descoñecemento dos resultados desde o inicio e saíndo rapidamente a avalar a transición non democrática. Ademais, hai outros actores involucrados. Non podemos obviar o rol do “xornalista” Carlos Valverde, quen na previa do referendo do 2016 foi responsábel da campaña sucia con base no “caso Zapata”, orientada a erosionar a imaxe de Evo Morales.
  8. Os actores económicos. Os grandes empresarios do país enriquecéronse moito no ciclo longo de bonanza económica. É por iso polo que esta vez non está tan claro que este golpe de Estado teña a súa raíz na súa posición en contra do modelo económico boliviano. O eixe explicativo central deste golpe definitivamente reside no racismo que posúe unha clase boliviana que non acepta o indíxena, esencia dun Estado Plurinacional. Porén, os grandes grupos económicos do país tampouco son alleos a esta cota de desprezo por todo o que teña que ver co indíxena. É por iso polo que, seguramente, boa parte dos grandes empresarios do país estean dubitativos entre aceptar a dirección indíxena que lle garante un proxecto económico estábel e altamente rendíbel para eles, ou participar neste golpe a favor de dirixentes que só saben ser violentos nas rúas.
  9. Os oportunistas de sempre. Non falta o fantoche do momento que sempre quere a foto como presidente, aínda que sexa en condición de autoproclamado. Esta vez este papel, ao Guaidó, desempéñao a opositora beniana Añez, que obtivo algo menos de 50.000 votos para obter a súa gacta de senadora. De todos os xeitos, o que é seguro é que ela, a pesar que se autopromulgue e algúns outros o repitan, endexamais será a Presidenta do país.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 16 de novembro de 2019]