Queremos Galego anima a cidadanía a percorrer as rúas de Compostela o 23F baixo o lema 'Lingua vital xa!'

Nacional - 29 Xan 2025

Queremos Galego presentou esta mañá en rolda de prensa a manifestación que sairá da Alameda de Santiago de Compostela, o 23 de febreiro ás 12h, e rematará na Praza do Obradoiro, onde está previsto celebrar unha actuación musical. O día de Rosalía, a plataforma de defensa da nosa lingua anima a cidadanía a transformar a emerxencia lingüística en forza reparadora, reclamando Lingua vital xa!

Imaxes da nova: Eva Fernandez Prieto.

Na presentación participaron representantes de máis de 20 entidades culturais, sociais, políticas e sindicais do país (entre elas a CIG), en representación dos centos de persoas e entidades que están participando ao longo das últimas semanas nos plenarios comarcais que organiza Queremos Galego pola xeografía galega para artellar un intenso traballo de recuperación do noso idioma en todos os espazos. "A lingua é vital para Galiza e centos de persoas e colectivos xa están a actuar", afirmou na rolda Celia Armas, coordinadora de Queremos Galego.

Neste sentido, o voceiro da plataforma e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, denunciou un "pacto do enterro do galego", fronte ao que a cidadanía está a reaxir,"co impulso á vida do noso idioma, vital para o noso pobo". "A lingua é vital para a existencia de Galiza", recordou, "e os poderes públicos teñen que garantila, en todos os espazos e para todos os usos".

De aí o lema da manifestación do 23F, explicou Celia Armas. "Lingua vital xa! é a enerxía que todo un pobo vai mostrar o Día de Rosalía para transformar a emerxencia lingüística en forza reparadora". "Do mesmo xeito que Rosalía inaugurou o rexurdir da lingua galega na literatura, o día do seu nacemento comezará o rexurdir do noso idioma co compromiso e implicación do pobo galego", engadiu Armas.

Emerxencia lingüística

Con respecto ao proceso sobre o PXNLG aberto pola Xunta, Maceira lembrou que despois da multitudinaria asemblea de Queremos Galego en Santiago o 17 de novembro, o conselleiro de Cultura e Lingua accedeu por fin a recibir a Mesa pola Normalización Lingüística. Nese encontro, a entidade de defensa da lingua amosou a súa disposición a colaborar na reactivación do PXNLG, como grande acordo nacional pola lingua, sempre que fose no marco dun proceso amplo, plural, participado e transparente.

A Mesa pediu, tamén, que a Xunta amosase o seu compromiso coa aplicación deste Plan, asumindo un puntos mínimos e urxentes para comezar a actuar fronte a emerxencia lingüística extrema, na liña do que sinalaba o PXNLG e o Consello de Europa. En concreto, os referidos ás restricións ao galego no ensino, a asegurar a oferta positiva en todos os servizos públicos e privatizados e a potenciar o papel normalizador da CRTVG. "A principal entidade de defensa da nosa lingua non pode lexitimar un proceso que non teña como obxectivo reverter a emerxencia lingüística", recordou o voceiro de Queremos Galego, "se o PXNLG era necesario hai 20 anos, hoxe é urxente que entidades sociais de todo tipo e institucións se poñan a traballar conxuntamente para activalo".

"Pacto perverso de morte do idioma"

"Que desde hai un mes non teñamos máis noticia que o nomeamento unilateral dunha comisión da que non coñecemos funcionamento, obxectivos ou quen e como se van asumir os seus acordos e das intencións da Xunta de convertela nun espazo de revisión e non de reactivación e cumprimento do PXNLG”, lamentou Maceira, "fala pouco sobre participación e transparencia". Porén, para o voceiro de Queremos Galego o grave é observar como "lonxe de pretender a aplicación do PXNLG, avaliar o seu cumprimento e actualizalo onde for preciso", o que busca a Xunta con este proceso é "deseñar un novo Plan á medida de Rueda, para derrogar a oficialidade formal do galego". "Só lle vale rebaixar os obxectivos indefinidamente até que deixe de existir o galego", denunciou Maceira.

"Neste momento non só non están a traballar para eliminar as liñas vermellas, senón que están impoñendo outras novas", lamentou, á vista da aprobación dunha lei que abre a porta a que a TVG deixe de usar a nosa lingua, do rexistro dun proxecto de lei de Intelixencia artificial que non contempla ningunha medida para asegurar o dereito de uso e oferta de galego no uso desta tecnoloxía na administración ou da votación contra á aplicación do PXNLG ou da oficialidade do galego na UE, necesaria para que o galego estea contemplado nos requisitos lingüísticos da lexislación europea.

"Este é o pacto perverso de rendición e morte do idioma que está a ofrecer Rueda", lamentou Maceira. E engadiu: "para reducir máis a oferta de galego na administración, non conten connosco; para excluír máis o galego na oferta televisiva, non conten connosco; para manter un decreto que asegura que 70% dos nenos e nenas que entran na escola falando galego abandonen o seu uso, non conten connosco; para manter os impedimentos ao uso do galego nas actividades comerciais, non conten connosco".