Queremos galego impulsará unha Iniciativa Lexislativa Popular para blindar o galego e reverter a emerxencia lingüística

O texto da ILP, que emana do Protocolo Lingua Vital, darase coñecer en setembro así como a composición da comisión promotora
Nacional - 02 Xul 2026

Queremos Galego anunciou a primeira acción colectiva nacida do Protocolo Lingua Vital: a presentación en setembro dunha Iniciativa Lexislativa Popular. A plataforma de defensa da lingua, da que a CIG fai parte, dará a coñecer o texto da ILP en setembro, xunto coas persoas e colectivos sociais que forman parte da comisión promotora.

Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego, avanzou que os principais obxectivos desta ILP serán reverter as normas contra o galego e a emerxencia lingüística, blindar os acordos a favor do galego e garantir os dereitos lingüísticos. "Existe unha distorsión entre o que din os plans e a realidade legal da nosa lingua", lamentou Maceira, "e precisamos que a lei ampare e asegure o cumprimento dos acordos estabelecidos a favor do galego". "Incumprir o Plan non ten custes", recoñeceu, "incumprir a lei, si".

Maceira foi moi duro na crítica ao Goberno galego. "Desde 2004 e desde 2024 vese a falta de palabra e de interese do goberno do PP en actuar a favor do galego", asegurou. "A acción da Xunta foi contraria a calquera obxectivo normalizador fixado nos acordos nacionais e internacionais", criticou. "Incumpriron ata os seus propios documentos e prazos", recordou, "incluíndo a revisión do PXNLG que ía estar lista a finais do pasado ano".

Segundo o portavoz de Queremos Galego, "se algo está a demostrar Rueda é que non é de fiar e a súa capacidade de pór a súa fobia ao galego -mostrada naquela infame manifestación de febreiro de 2009- por diante dos intereses de Galiza”. Porque a lingua galega, aseverou, “é a mellor expresión da propia existencia de Galiza”.

Urxe derrogar o decreto do plurilingüísmo

Unha das medidas máis urxentes para dar cumprimento ás resolucións do Consello de Europa e da ONU, que incluirá a proposición de Lei Lingua Vital, salienta Maceira, é a derrogación do decreto 79/2010, recoñecendo o galego como lingua vehicular e de acollida en todos os niveis, asegurando a docencia en todos os cursos e materiais didácticos, ofrecendo formación do profesorado e información a familias e aproveitando a lusofonía.

No relativo aos servizos públicos, é preciso blindar a oferta positiva na administración, xustiza e sanidade; asegurar a presenza do galego nos programas informáticos e introducir cláusulas lingüísticas nos contratos públicos. As entidades sociais do Protocolo Lingua Vital exixen, así mesmo, o fortalecemento dos servizos de normalización lingüística e a sistematización de programas específicos para as persoas inmigrantes que chegan ao noso país.

A ILP tamén exixirá a reversión da lei de medios públicos, recoñecendo o papel do galego como lingua exclusiva da CSAG e emendando a lei de IA. Tamén pedirá investimento público en oferta cultural en galego, cotas de dobraxe, lexendaxe e financiamento anticipado, exhibición de filmes en galego nas salas e protección da nosa lingua nas actividades deportivas.

"Perante a emerxencia lingüística", rematou Marcos Maceira, "só hai unha alternativa: o protocolo lingua vital, elaborado por 70 entidades co apoio de 396, parte dos acordos e engade 300 medidas novas que comprometen entidades sociais e institucións favorábeis ao galego en todos os ámbitos da vida social". "O galego está vivo e no debate social porque hai un pobo que a defende e que actúa", concluíu.