QuirónSalud da Coruña segue operando pacientes nun quirófano que sufre unha praga de moscas

A CIG presentou denuncia na Inspección do SERGAS para que actúe ante esta situación de alerta sanitaria
A Coruña - 09 Feb 2026

A CIG presentou denuncia ante a Inspección de servizos sanitarios do SERGAS advertindo dunha praga de moscas na zona de quirófanos e esterilización do Hospital QuirónSalud da Coruña, nos que a empresa continúa facendo intervencións cirúrxicas sen garantir condicións de esterilidade requiridas. Dada a gravidade destes feitos, a CIG solicítalle á Inspección sanitaria que abra unha investigación con urxencia e que se adopten as medidas correctoras necesarias para salvagardar a saúde das persoas pacientes e a legalidade dos procedementos asistenciais.

A praga detectouse a comezos de xaneiro e segundo a primeira investigación feita pola empresa de control de pragas contratada polo hospital, os moscóns poderían proceder da presenza de cadáveres animais, mais non conseguiron localizar o foco. Nunha reunión mantida coa representación do persoal días despois, QuirónSalud informou do problema e que acordara a suspensión parcial da actividade cirúrxica nas zonas afectadas durante a xornada do 7 de xaneiro.

Porén, a pesar de persistir o problema e de que varias empresas especializadas no tratamento de pragas visitaron nos días posteriores o centro sen atopar o foco do problema nin darlle solución efectiva, o hospital retomou a programación cirúrxica con total normalidade sen ter en contra os prexuízos que a falta de esterilización pode causar nas e nos pacientes.

“Parécenos moi grave que no bloque cirúrxico dun hospital haxa unha praga descontrolada de moscón, seica motivada pola aparición de cadáveres animais, se detecte ademais a presenza de roedores, e se manteña a actividade cirúrxica como se non pasara nada por unha cuestión puramente económica”, criticou Ernesto López, secretario de Acción Sindical da CIG da Coruña.

Advertiu que este problema sanitario vénse arrastrando dende hai máis dun mes, sen que até agora se lograse resolver. De feito, ante a persistencia das moscas e moscóns, a solución foi colocar trampas luminescentes nas zonas de quirófano e esterilización, sen garantir as condicións de control ambiental. “Como non dan controlado a praga, Quirón prefire pór en risco as persoas antes que perder cartos”, denunciou.

Non se cumpren as condicións de hixiene e esterilidade

Isabel Golpe, secretaria da CIG-Saúde da Coruña, subliñou que a área cirúrxica ten que cumprir unhas condicións de hixiene moi estritas de hixiene e esterilidade que non se están respectando neste hospital. “Cómpre que haxa unha actuación inmediata da Inspección ante esta alerta sanitaria, nunha zona estéril non pode haber unha praga de moscas”, aseverou. Neste senso puxo en cuestión a fumigación realizada na área afectada xa que non se garantiron os tempos de espera posteriores ao reabrirse os quirófanos de maneira inmediata “para non deixar de facturar”.

Así mesmo, denunciou que a empresa non trasladou en ningún momento á representación sindical toda a documentación requirida dende que se lles comunicou a existencia da praga o 7 de xaneiro: non está documentado o plan de acción das dúas empresas de pragas que interviñeron, por que se decidiu fumigar e o mínimo tempo de reapertura, non se achegou o plan previo de prevención cos rexistros de visita da empresa contratada, nin hai información sobre o estado. “Neste hospital parece que se toman á lixeira o control de infeccións e xa se rexistraron vario brotes de lexionela nos últimos anos, entre outras cousas”, apuntou López Rei.

Non hai que perder de vista tampouco que este hospital atende persoas derivadas do SERGAS, que non están recibindo a atención sanitaria nas mesmas condicións que na sanidade pública. Por iso, a CIG “agarda que o SERGAS reaccione e actúe de maneira decidida porque o que está en risco é a saúde das persoas”.