Reclaman a creación, con carácter permanente, de novas equipas de valoración de discapacidade

Denuncian que a sobrecarga de traballo está a provocar a superación dos prazos legalmente establecidos
Nacional - 05 Xul 2019

As Organizacións Sindicais con presenza na Mesa Xeral de Empregadas/os Públicas/os, CIG, CCOO, CSIF e UGT veñen de emitir un comunicado conxunto para denunciar a falta de persoal e a problemática que enfrontan os Equipos de Valoracións e Orientación da Consellería de Política Social e reclamar a posta en marcha dunha serie de medidas que permitan mellorar o seu traballo e axilizar a atención que prestan ás persoas que agardan pola súa valoración.

As organizacións sindicais lembran que os equipos de valoración e orientación teñen por obxectivo primordial facilitar a axuda necesaria a todas as persoas con discapacidades a fin e efecto de que se afronte, dun mellor xeito, os diferentes ámbitos da vida.

Sinalan que o grao de discapacidade recoñécese a través do traballo levado a cabo por estes equipos dependentes das Xefaturas Territoriais da Consellería de Política Social para beneficiar non só fiscal, laboral ou economicamente senón tamén socialmente a persoas de calquera idade que presenten deficiencias permanentes non recuperables.

As pautas de valoración están baseadas fundamentalmente na exploración e capacidade para realizar as actividades básicas da vida diaria e son levadas a cabo polo equipo multidisciplinar composto por servizo de medicina, psicoloxía e de traballo social,  coa fin de tomar as medidas precisas que favorezan ás persoas con discapacidade.

Persoal claramente insuficiente

Denuncian que, porén, a dotación de persoal coa que contan os equipos de valoracións, “resulta claramente insuficiente para sacar adiante o traballo co que se enfrontan a diario” e que o retraso nas valoracións “supón un claro prexuízo para unha parte desta sociedade que sendo vulnerables deberan ter unha prestación de servizo público caracterizado pola prestación de axuda de xeito eficaz e efectivo”.

Reclaman, por unha banda, que o modelo de solicitude de recoñecemento do grao de discapacidade, sexa modificado porque “non facilita o traballo do persoal técnico” ao tempo que “xera dúbidas a quen solicita pola terminoloxía utilizada”.

Tendo en conta que a valoración final resulta dunha suma de factores nos cales son moi importantes os factores sociais consideran que “resulta claramente contraditorio e confuso que o propio modelo de solicitude apareza marcado xa por defecto a negación expresa á valoración de ditos factores, entendéndose por tanto como unha falta de comunicación ao usuario que lle está a restar dereitos na súa valoración”.

Salienta a novidade de poder acceder mediante os medios informáticos e a través do IANUS a toda a documentación e información necesaria para avaliar cada caso concreto, pero consideran que nalgunhas situacións “sobrecarga ao persoal de psicoloxía que non ten a concesión de acceso a este sistema e debe de recorrer continuamente ao persoal médico que ademais do seu traballo debe de atender e facilitar o requirido por este servizo”.

Tempo de consultas

Coa finalidade de organizar mellor o tempo de consultas entenden que é necesario establecer e respectar debidamente os tempos de exploración, xa que na actualidade están estipulados en 45 minutos de xeito uniforme o que non se corresponde coa dinámica real de traballo dos equipos de valoración.

Xunto a isto consideran necesario tamén deixar un tempo a maiores, considerado como unha consulta dobre (90 minutos), para aqueles casos máis especiais que requiren máis tempo na súa avaliación, quedando por tanto estipulado ao final da mañá para que non interfira o traballo de todo o equipo que soporta tempos mortos por mor da citacións destes casos en horarios arbitrarios.

A isto engaden a necesidade de que se respecte un día da semana (luns ou venres) e aproveitar que se leva a cabo a Xunta de Valoración para tantear expedientes e poder realizar os diferentes trámites administrativos e legais que supoñen as contestacións a recursos, revisións, reclamacións, demandas, adaptacións para a realizacións de exames, etc.

Por todo isto exixen:

  • Que o día da xunta de valoración non se citen pacientes para ningún profesional, co fin de realizar todo o exposto.
  • Acceso ao IANUS para o persoal de psicoloxía
  • Que se respecten os tempos horarios nas valoracións
  • Que se presente unha solicitude más clara e adaptada ás necesidades dos usuarios.
  • A creación con carácter permanente de novas equipas de valoración naquelas localidades en que a carga de traballo provoca a superación dos prazos legalmente establecidos, así como a dotación de máis persoal de corpos xerais.