Reclaman ao Consello Xeral do Poder Xudicial que inste ao TSXG a anular os traslados do Contencioso por vulnerar os dereitos colectivos

A Alianza Rural Galega advirte que o traslado de maxistrados e maxistradas da Sección Terceira atenta contra o dereito das entidades recorrentes e a doutrina do Tribunal Europeo en caso de que fose “forzoso”
Nacional - 07 Abr 2026

A Alianza por un Rural Galego Vivo, conformada pola Confederación Intersindical Galega (CIG), Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM), e a Federación Rural Galega (FRUGA), vén de requirir á presidencia do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) que adopte as medidas que en dereito procedan para instar ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a anular o traslado de maxistrados e maxistradas da Sección Terceira da Sala do Contencioso por vulnerar os dereitos das entidades recorrentes que defenden dereitos colectivos e que teñen litixios en curso en dita Sección.

Ademais, solicitan do órgano de goberno do Poder Xudicial que vixíe o proceder do TSXG no relativo ao recente cambio de competencias da Sección Segunda, na que agora están recaendo os procedementos xudiciais relativos ás liñas de evacuación eléctrica, que antes se asignaban á Sección Terceira.

Alianza Rural alega indefensión dos dereitos colectivos 

As entidades membro da Alianza Rural manifestan diante do CXPX a súa profunda preocupación polos posíbeis efectos de indefensión que esta sorpresiva e radical modificación da composición da maxistratura da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo pode exercer sobre os intereses colectivos que as entidades sociais representan, tendo en conta que a maioría das causas recorridas por estas, nomeadamente impugnacións contra autorizacións de polígonos eólicos, recaeron nesa Sección Terceira.

A Alianza Rural invoca diante do Consello Xeral do Poder Xudicial o seu dereito ao xuíz ou xuíza predeterminado/a pola Lei, enmarcado no dereito fundamental da tutela xudicial efectiva. Este dereito esixe que a competencia e a composición do órgano xudicial estean preestablecidas claramente antes do inicio dos procedementos, co gallo de garantir a imparcialidade e independencia dos maxistrados e maxistradas e de evitar a creación de tribunais “ad hoc” ou o traslado arbitrario e irregular de xuíces e xuízas a outros tribunais.

Así mesmo, a Alianza advirte ao órgano de goberno do Poder Xudicial que a resolución do pasado 12 de marzo da presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG executouse sen que esta ofrecese a máis mínima explicación das motivacións ás partes ou entidades con litixios en curso nas Seccións afectadas, e que a única información que obtiveron se restrinxe ao publicado nos medios de comunicación, algúns dos cales atribúen dita decisión a unha suposta necesidade de “salvagardar a aparencia e a realidade da imparcialidade coa que funciona esta Sala”. A falta de transparencia da Sala do Contencioso do TSXG chega ao extremo de ocultar dita resolución do pasado 12 de marzo nas recentes comunicacións nas que se informa ás partes recorrentes do cambio da composición da Sección e de poñente en cada un dos procedementos xudiciais afectados.

As entidades da Alianza tamén recalcan que algunhas reaccións que transcenderon á opinión pública sobre a decisión da presidenta da Sala, como o comunicado de Xuíces e Xuízas pola Democracia, contribuíron a xerar maior inquietude e preocupación social sobre a posíbel indefensión dos dereitos colectivos, por canto culificaban os traslados dos maxistrados e maxistradas da Sección Terceira como “forzosos”, o cal, de confirmarse,  estaría vulnerando a doutrina do Tribunal Europeo en Dereitos Humanos.

Ao tempo, CIG, ADEGA, ORGACMM e FRUGA  chaman a atención do CXPX sobre a improcedencia da modificación da composición da Sección Terceira no contexto actual no que se produce, marcado polo debate público sobre o actual modelo eólico, no que se confrontan os intereses das promotoras e da administración pública, por un lado, cos dos colectivos en defensa do medio ambiente e do interese público, por outro, e que en moitos casos ten derivado no inicio de procedementos xudiciais pendentes de fallo, precisamente, na Sección Terceira obxecto de cambio.

O TSXG vulnera as súas propias normas de reparto de competencias

Para maior estupefacción das entidades recorrentes, a prensa publicaba o pasado 2 de abril que a Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG ditaba un Auto desestimando unha solicitude de paralización cautelar da autorización dunha liña de alta tensión (Campelo-Mesón) promovida pola mercantil Greenalia. Porén, segundo as normas de reparto de competencias do TSXG aínda vixentes, a competencia sobre os procedementos xudiciais relativos á industria e, polo tanto, liñas eléctricas, corresponde á Sección Terceira da Sala do Contencioso, e non á Sección Segunda. De feito, até o momento todos os procedementos xudiciais relativos á impugnación de autorizacións de liñas eléctricas de evacuación foron asignados á Sección Terceira da Sala do Contencioso do TSXG.

Este novo cambio, xa efectuado aparentemente polo TSXG, dota a actual situación dunha especial gravidade, xa que para poder aplicalo debería ter mudado previamente as normas de reparto de competencias conforme á legalidade vixente. Estoutra alteración das regras de xogo do Poder Xudicial redunda na indefensión das partes litigantes e dos intereses colectivos, así como no deterioro da imaxe pública, da imparcialidade e da independencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Alén de dirixirse ao Consello Xeral do Poder Xudicial, as entidades que forman parte da Alianza Rural instarán a presidencia do TSXG a revogar a resolución do 12 de marzo e a cumprir escrupulosamente coas súas propias normas de reparto de competencias.