• Nova

Piden incluír clásulas sociais no novo prego de condicións do servizo de limpeza do Concello de Ourense

O comité de empresa reclama tamén que se introduzan medidas de protección das traballadoras/es
Ourense - 03 Xan 2017

A representación do cadro de persoal do servizo de limpeza das dependencias municipais do Concello de Ourense denunciou hoxe en rolda de prensa que o novo prego de condicións que vén de aprobar o Goberno local non contempla cláusulas sociais nin medidas de protección das traballadoras/es ante os posíbeis incumprimentos da empresa. Dende o comité -con maioría da CIG- instan a modificar o documento para que se garantan as condicións laborais e se eviten as reducións de xornada e os despedimentos.

Os representantes das limpadoras/es das dependencias municipais do Concello de Ourense compareceron esta mañá diante dos medios de comunicación acompañados de Anxo Pérez Carballo, da CIG, para denunciar publicamente que o novo prego de condicións para adxudicar o servizo carece de cláusulas sociais e de medidas de protección das traballadoras/es ante os posíbeis incumprimentos da empresa. De feito, os incumprimentos en materia laboral e de Seguridade Social serán considerados unha falta moi grave, “pero só serán sancionados economicamente”.

 

Ademais, o documento que regulará a próxima adxudicación recorta o servizo en 300 horas semanais, o que ao entender do comité -con maioría da CIG- suporá ou unha redución de xornada para o cadro de persoal ou despedimentos. Outro dos aspectos negativos ten que ver con que o 100% da valoración será a oferta económica, “sen que se teña en conta ningunha outra cuestión”.

 

Diante disto, dende a representación do persoal auguran un incremento da conflitividade laboral e instan ao Concello -gobernado polo PP en minoría- a buscar canto antes unha solución que pasaría por manter o número de horas do servizo para garantir o emprego e por introducir cláusulas sociais e medidas de protección do persoal. Precisamente con este obxectivo solicitaron xuntanzas co alcalde e cos distintos grupos municipais.

 

A concesionario reclama máis cartos

 

O novo prego de condicións para a adxudicación da limpeza das dependencias municipais chega despois de que a empresa Onet-Seralia, actual concesionaria, anunciase que abandona o servizo o vindeiro 31 de xaneiro no caso de que o Concello non lle abone as débedas pendentes e non incremente o prezo do canon.

 

A compañía solicitou a rescisión do contrato administrativo de dous anos subscrito co Concello despois de que o Xulgado, primeiro, e o TSXG, despois, declarasen nulo o acordo. Con todo, ofreceuse a continuar co servizo até a nova adxudicación, pero poñendo como condicións o pago das débedas e o aumento dos cartos que recibe polos traballos de limpeza.