Reclaman do Parlamento unha declaración a favor dos dereitos do pobo palestino e contra as prácticas carcerarias de Israel

Palestina.gal rexistrou peticións na Cámara galega en demanda dun pronunciamento solidario dos grupos
Nacional - 21 Abr 2021

A Plataforma Palestina.gal pediu dos grupos políticos con representación no Parlamento galego (PP, BNG e PSdeG-PSOE) “un pronunciamento solidario” contra a tortura e pola liberación das presas e presos políticos nos cárceres de Israel, e ao tempo reclama da Cámara unha declaración institucional a favor do respecto aos dereitos do pobo palestino. Esta acción faise a petición da organización na defensa dos presos e presas palestinos, Samidoun.

Representantes da plataforma (da que a CIG fai parte) rexistraron esta mañá sendas peticións no marco das actividades da 'Semana das prisioneiras e prisioneiros palestinos', nas que se denuncian os abusos, torturas e malos tratos que comete Israel.

No escrito dirixido aos grupos políticos, a plataforma solicita un pronunciamento a favor do “respecto ás garantías democráticas nas institucións penitenciarias, a prohibición das torturas e os réximes de illamento, a fin das detencións e procesos xudiciais arbitrarios e a liberación das presas e presos políticos, nomeadamente da/os menores e das persoas de idade e doentes que Israel mantén nos seus cárceres”.

 Declaración institucional con motivo da conmemoración da Nakba

Ademais, con motivo da celebración o 15 de maio do día da Nakba, que conmemora a catástrofe de 1948 co inicio da expulsión da terra propia, o espolio, o exilio e a diáspora, Palestina.gal convida o Parlamento da Galiza a promover unha declaración institucional que manifeste “o seu firme compromiso cos dereitos inalienábeis da persoa, a liberdade e o pleno respecto á dignidade humana".

De igual xeito, convida a que, como representantes do pobo galego, insten a comunidade internacional a esixir a Israel o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas; a fin da réxime de apartheid e o recoñecemento do dereito a voto da comunidade palestina de Xerusalén nas eleccións de xullo; a fin do bloqueo da Faixa de Gaza; o recoñecemento do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás terras e casas das que foron expulsadas; o respecto dos dereitos humanos de palestinas e palestinos; dos dereitos colectivos como pobo e a fin das detencións arbitrarias, das torturas e das prácticas de secuestro, malos tratos e tortura de crianzas.

Cinco millons de palestinos e palestinas viven en campos de refuxiados

Palestina.gal lembra que, 73 anos despois da Nakba, máis de cinco millóns de palestinas e palestinos sobreviven en 64 campos de refuxiados en Xordania, Siria, O Líbano, Gaza e a Cisxordania, e constitúen o máis antigo continxente de persoas exiliadas no mundo. E que millón e medio de mulleres, homes e crianzas son vítimas de prácticas segregacionistas no interior do Estado de Israel.