Reclámanlle á Xunta que faga tests para detectar Covid-19 entre persoal dos cárceres e internos/as asintomáticos/as

A área de Prisións da CIG-Administración remitiulle un escrito a Sanidade para que realice un cribado

Nacional -

Dende a área de Prisións da CIG-Administración reclámanlle á Xunta que realice tests de detección do Covid-19 entre o persoal e os usuarios/as asintomáticos/as, como xeito de evitar que o contaxio se poida estender nos centros penitenciarios galegos. A solicitude foille trasladada mediante un escrito remitido hoxe á Consellería de Sanidade.

Lembran que foi o propio presidente do Goberno galego o que anunciou que destinará os 100.000 tests remitidos dende o Goberno central a realizar un estudo á marxe das recomendacións do Ministerio de Sanidade, “que sinalan que deben de facerse en hospitais, residencias de maiores e prisións”. 

Vendo o que está a pasar nas residencias de maiores non entendemos que se obvie o que pode pasar nas prisións

Neste senso, sinalan que unicamente se están a facer probas ao persoal e aos internos/as que presentan síntomas de contaxio do novo coronavirus, “cando cremos que o perigo está nas persoas asintomáticas que sen sabelo están entrando a traballar ao interior das cadeas”.

Por iso entenden que non se están a dar casos de contaxio pola “profesionalidade e responsabilidade” de todos/as os traballadores/as de Institucións Penitenciarias, “pero a Xunta ten que tomar medidas que axuden a conter esta pandemia e que eviten que entre nos cárceres da nosa terra”.

Xa que, segundo indican, trátase de ámbitos pechados con persoas especialmente vulnerábeis, que nunha alta porcentaxe son inmunodeprimidas e presentan varias patoloxías, polo que se inclúen dentro dos grupos de risco. “Vendo o que está a pasar nas residencias de maiores non entendemos que por parte da Xunta se obvie o que pode pasar tamén nas prisións”.

Realizar un cribado

Con todo, recoñecen que os tests “non son a panacea”, pero permitirían realizar un cribado mediante o que detectar determinados casos de persoal asintomático “que lograríamos illar”. Lembran que outras comunidades autónomas si que están a facer estes cribados a base de tests entre o persoal que traballa nos seus cárceres.

Diante dito, remitíronlle un escrito á Consellería de Sanidade para que proceda a realizar os tests oportunos para levar a cabo o cribado, “reservándonos as accións que estimemos oportunas no caso de que a non realización dos tests provoque consecuencias que ninguén desexa”.

Volver