Recollida de sinaturas en Ferrol en apoio á ILP promovida pola CIG para reverter ao sector público os aproveitamentos hidroeléctricos

Ferrol - 27 Xun 2019

A CIG de Ferrol está rematando nestes días a recollida dos pregos de sinaturas dentro da campaña para levar ao Parlamento a ILP de “Medidas para a nova xestión dos saltos e aproveitamentos hidroeléctricos no territorio de Galiza”, impulsada pola central sindical. A recollida está na súa fase final e os pregos de sinaturas recadados en toda Galiza serán entregados o vindeiro mes de xullo para a súa validación.

Membros da Unión Comarcal da CIG colocaron esta mañá unha mesa diante do edificio da Xunta en Ferrol para animar a cidadanía a apoiar esta iniciativa a través da que se reclama á Xunta de Galiza que recupere as concesións dos saltos e centrais hidroeléctricas, nas concas nas que ten competencias, para fins de utilidade pública e interese social e que pase a ser xestionado directamente, ou a través de empresas mixtas, o aproveitamento público destes recursos.

En Galiza hai 166 centrais hidráulicas

A CIG lembra que as concesións hidráulicas son públicas e teñen que ter un final no que, segundo di a Lei de Augas, “as instalacións teñen que estar en perfecto estado de uso para que as xestione a administración pública, ben directamente, a través dunha empresa pública galega de electricidade, que sería o noso obxectivo, ou a través da administración, con empresas mistas. Pero en calquera caso xestionadas pola administración pública galega”.

En Galiza hai 166 centrais hidráulicas: 121 das chamadas mini hidráulicas, de menor potencia, e outras 45 que son gran hidráulica, cunha produción, nun ano normal, de aproximadamente un 20% da total no conxunto do Estado e unha potencia instalada de 3.700 megavatios, que nos sitúa á cabeza.

O sector enerxético é estratéxico para Galiza e somos subministradores de enerxía eléctrica para o resto do Estado e malia os custos sociais e ambientais do seu espolio, os nosos recursos non están ao servizo nin do pobo galego, nin do desenvolvemento industrial. Por iso a CIG defende a necesidade de pór en marcha iniciativas como esta ILP para garantir que este sexa un auténtico servizo público que reverta no desenvolvemento económico e industrial do noso país, permita a creación de postos de traballo, combata a pobreza enerxética e axude a frear a sangría da emigración.