Recollida de sinaturas na Coruña para esixir unha atención adecuada á dependencia

A Coruña - 27 Xun 2019

O colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG da Coruña realizou unha recollida de sinaturas na mañá deste xoves no Obelisco, dentro da campaña que a central sindical está a desenvolver para esixir medidas que garantan unha atención adecuada á dependencia e ás persoas maiores.

Dende o colectivo da CIG subliñan que son necesarios cambios lexislativos e orzamentarios para cubrir as demandas existentes a través dunha rede pública de recursos, cun acceso equitativo, de xeito que todas as galegas e galegos vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo de xeito autónomo.

Lembran que hai máis de 1.500 persoas das que teñen solicitado o recoñecemento do grao de dependencia seguen agardando por unha resolución e que das máis de 67.000 que teñen recoñecido o grao e a prestación de servizos, preto de 12.000 seguen sen obter a prestación da que son beneficiarias.

Nesta liña, subliñan que segundo os datos recollidos polo IGE en 2017, máis de 29.000 persoas necesitaban e non recibían axuda a domicilio, mentres que superaban as 12.000 as que precisando atención en cetro de día non o a estaban a recibir. A isto engádese a escaseza de prazas en centros de día e residencias de maiores ou dependentes públicas.