Redución da xornada, a excepción non fai a norma

Manuel Mera - 08 Set 2020

Non é o mesmo reducir xornada e salario a unha persoa que ten un contrato fixo, traballo a tempo completo e emprego nunha gran empresa ou no sector público, que facelo con aquela outra que está nunha situación de eventualidade, ten unha xornada reducida ou está forzada a facer horas extras, porque a obriga a empresa ou as necesita para manter a familia

 Nalgúns medios estase a especular coa proposta alemá do sindicato IG-Metall, xa posta en práctica nalgunhas empresas do sector do automóbil, de reducir a xornada laboral a catro días, coa baixa proporcional de salario, como unha solución ao aumento do desemprego por mor da pandemia. Tería como finalidade que esas persoas optasen, durante un período de dous anos, a unha xornada de 28 horas, para atender situacións familiares especiais e volver despois ás condicións anteriores. Polo tanto a alternativa alemá realiza unha redistribución do traballo e dos salarios abranguendo exclusivamente os ingresos da clase traballadora, xa que exclúe da proposta realizar un reparto máis xusto na participación no PIB nacional entre o traballo e o capital. Nos países da UE dende o inicio da crise de 2008 até hoxe as rendas do capital e mixtas non deixan de crecer, especialmente na súa franxa máis concentrada en detrimento dos ingresos do traballo.

 No caso galego chama a atención que a xornada laboral pactada en convenio no ano 2008 era de 1.755 horas anuais, mentres que no ano 2020 atinxía as 1.790. Ou sexa, que aumentou malia o medre da produtividade e dos ritmos de traballo. Asemade todos/as sabemos que en moitos sectores a xornada laboral prolongase dous ou máis horas diarias, que non se pagan ou se abonan parcialmente, outro tanto sucede coas cotizacións sociais. Polo que as reducións da xornada laboral en convenios, sen perda de salario, son unha excepción.

 Se analizamos a situación da participación no PIB na Galiza, temos que no ano 2017 os salarios da clase traballadora, incluídas cotizacións sociais, representaban o 43,8% do PIB (do 46,4% en 2008), mentres que as rendas do capital e mistas acadaban o 46.1%, os impostos á produción e exportación representaban un 10,1%. Dos ingresos salariais hai que restar as cotizacións sociais que representaban un 9,8% do PIB, o 34% restante é o salario neto, dos que hai que deducir uns impostos directos e indirectos cada vez máis sustentados nas clases populares; teñamos en consideración que a clase traballadora representa un 80% da poboación ocupada. Así mesmo, non se debe esquecer que como ingresos salariais nas estatísticas se suma o persoal directivo e con contratos específicos, que representan unha parte importante da masa salarial total, polo que proporcionalmente o retroceso salarial da clase traballadora é aínda maior.

 Respecto da proposta que están a facer o sindicalismo alemán non se deberían obviar as diferenzas, por exemplo que no Estado español existe unha enorme variedade de tipo de contratos e condicións laborais. Non é o mesmo reducir xornada e salario a unha persoa que ten un contrato fixo, traballo a tempo completo e emprego nunha gran empresa ou no sector público, que facelo con aquela outra que está nunha situación de eventualidade, ten unha xornada reducida ou está forzada a facer horas extras, porque a obriga a empresa ou as necesita para manter a familia. Evidentemente estas diferenzas tamén as hai en Alemaña, se cadra non tan grandes, porén os mini jobs non son casualidade e a uberización tamén forma parte da súa realidade. A redución da xornada laboral nalgunhas empresas do metal en Alemaña semella máis un avance en materia de conciliación da vida laboral e familiar que unha conquista en termos cualitativos para a clase traballadora, xa que o salario será proporcional á xornada. Pactouse tamén un aumento salarial no sector, que parecendo importante, un 4,3% , non se pode esquecer que se repartirá en 27 meses.

 Non hai dúbida de que, considerando o aumento da produtividade en moitos sectores, se podería reducir a xornada laboral, como sucedeu noutras etapas, e polo tanto crear emprego neto, claro que iso implica un cambio na correlación de forzas, especialmente no eido político e institucional, xa que a patronal nunca estivo disposta a ceder voluntariamente seus beneficios, por máis altos que sexan e aínda que implique favorecer o consumo. A concentración e centralización da riqueza e do poder é consubstancial co capitalismo (co capital).

 Por se non abondase coas características do modelo imperante, durante a globalización neoliberal a deslocalización de empresas e o aumento da man de obra de reserva (inmigración forzada) deron pulo a explotación e opresión, máxime cando se lle sumaron novos mecanismos de coacción no ámbito lexislativo: as reformas laborais do PSOE e PP, a Lei Mordaza e o artigo 315.3 do CP. Ou sexa, ademais de crear unhas situacións económicas e sociais adversas debilitouse dende o poder político-institucional o movemento obreiro. Mesmo así, alí onde as empresas xogaban un papel menos subordinado na escala de valor e o sindicalismo mantivo unha postura combativa conseguiuse manter conquistas e evitar a caída dos salarios, e mesmo acadar avances. Polo tanto a unidade, o sindicato, e a mobilización contan á hora de confrontar co capital, mesmo en situacións xerais tan regresivas como as actuais. Porque en toda tendencia xeral, en toda hexemonía, mesmo a máis regresiva, hai excepcións, puntos débiles. Trátase de estudalos e aproveitalos, e neste aspecto xoga un papel esencial o suxeito social e político transformador.

 Daquela que, neste contexto, cómpre manter a mobilización nas empresas e sectores, porque a loita a prol de mellorar as condicións laborais líbrase no esencial na base produtiva, que ademais é onde o sistema ten máis puntos débiles e contradicións (máxime neste intre de confrontación entre potencias, e no que está roto o equilibrio coa natureza). Agora ben, sería un erro que esta presión non se dese ao mesmo tempo coa maior intensidade posíbel sobre as institucións e partidos políticos. Para que así sexa é fundamental ocupar a rúa e estar presentes nos medios de comunicación, tanto para divulgar os conflitos como para dar o debate sobre as alternativas. Esta batalla é complementaria e central, porque, ademais de socializar a realidade e as propostas de transformación, permite modificar leis que reducen a capacidade de loita da clase traballadora (como as xa nomeadas), e forzar que se tomen medidas que implicarían avances na redistribución da riqueza, no camiño dunha sociedade máis xusta e igualitaria (redución da xornada laboral, contratos fixos, aumento do salario mínimo interprofesional, pensións e seguro de desemprego, reducir os impostos indirectos e aumentar aqueles sobre as sociedades e grandes fortunas, etc.).

 Illar o movemento obreiro ás paredes do centro de traballo, ou reducilo a loitas parciais e locais, mesmo que se gañen, implica a súa liquidación, por máis combativo que sexa, xa que perde toda capacidade transformadora da realidade económica e social. Así mesmo, a clase traballadora debe rachar con toda subordinación política, que non é o mesmo que formar parte e ter protagonismo nun proxecto político, se quere ser suxeito da ruptura e conseguir que esta se produza. A redución da xornada (co que implica de reparto do traballo e gañar en saúde), o aumento dos salarios, a mellora das condicións laborais, como conquistas que son para o conxunto do movemento obreiro, están ligadas a un cambio na correlación de forzas. A excepción non fai a norma, aínda que tamén pode abrir camiño.

 

[Vigo, 8 de setembro de 2020]

 

https://obloguedemera.wordpress.com/