Reforma Laboral: o «Evroremont» de Yolanda Díaz

Vidal Aragonés e Àngel Ferrero -

A derrogación da reforma laboral do 2012 fora a promesa estrela de Díaz, pero o tempo que se dedicou a falar dela é inversamente proporcional ao contido desta. Modificacións, atopamos moitas, pero substanciais como para reverter a realidade laboral existente, ningunha

 Coa desintegración da Unión Soviética, Rusia e os países da Comunidade de Estados Independentes (CEI) comezáronse a importar en grandes cantidades materiais de construción de Europa occidental para a reforma de casas, especialmente as das novas clases emerxentes, algúns representantes das que, como se sabe, conquistaran a súa nova posición social con métodos cuestionábeis, por norma xeral de forma proporcional aos seus ingresos. Estas reformas anunciábanse nas revistas e nas rúas co neoloxismo de evroremont. Que os materiais e procedementos de construción, e mesmo a estética, viñesen «de Europa» considerábase o "dernier cri". O termo non tardou en popularizarse e, co paso do tempo, evroremont deu en asociarse coa pretensión das novas clases medias rusas de se vincularen a todo o que fose «europeo» cun afán ridículo, o que levou, inevitabelmente, a que algúns espelidos empresarios da construción ofrecesen unha particular forma de evroremont que consistía en copiar os aspectos máis superficiais dunha estética «europea» para cubrir a antiga, e con frecuencia en declive, estrutura soviética. Noutras palabras: o equivalente ao estuco e o goteado, técnicas que se utilizaron para disimular as imperfeccións ou os materiais de construción inferiores dunha casa. A reforma laboral do goberno español de coalición é o evroremont de Yolanda Díaz.

 A derrogación da reforma laboral do 2012 foi a promesa estrela de Díaz. Tiña que demostrar que Unidas Podemos (UP) era capaz de forzar o PSOE a aprobar medidas sociais de mala gana -e validar, de rebote, as teses dos dirixentes de UP, que defenderan que era mellor entrar no goberno para poder presionar o PSOE desde de dentro- e, ao mesmo tempo, conectar a UP co que os partidarios de Díaz chamaron, co seu habitual uso chafalleiro da terminoloxía política, «laborismo», palabra coa que se refiren, de forma moi vaga, ao mundo do traballo e os seus representantes sindicais, limitándose emporiso a Comisións Obreiras (CCOO) e UGT sen recoñecer na práctica a existencia doutras opcións sindicais. Esta considerábase unha tarefa pendente, necesaria para apoiar o novo proxecto político de Díaz, aínda en construción. A derrogación da reforma laboral formaba tamén parte, como lembrará o lector, do acordo para prorrogar o estado de alarma de maio de 2020 entre o goberno e EH Bildu e Díaz chegou a comprometerse a render contas se non se aprobaba antes de decembro.

 Practicamente nada disto se cumpriu e o tempo que se dedicou a falar da reforma laboral que recentemente acaba de se aprobar é inversamente proporcional ao contido desta. Modificacións atopamos moitas, pero substanciais como para reverter a realidade laboral existente, ningunha.

Que non cambiou a "reforma laboral"?

 Un cambio de normativa laboral débese avaliar desde diferentes perspectivas: a significación regulatoria (o concreto), a realidade da normativa até ese momento (absolutamente condicionada pola contrarreforma laboral de 2012) e, para rematar, como manterá ou cambiará a realidade material e social da clase traballadora. Así pois, o primeiro que debemos ter en consideración é a realidade sociolaboral existente, marcada polos baixos salarios, as condicións laborais inestábeis, o despedimento fácil e de baixo custo e unha negociación colectiva que debilita os sindicatos e fortalece as patronais. Esta realidade posúe dúas explicacións desde o punto de vista normativo: un período de 30 anos, que vai desde 1980 a 2010, con pequenas contrarreformas laborais, e o significado da contrarreforma de 2012. O RD-L 32/2021 non derroga ningún dos contidos da contrarreforma laboral do Partido Popular (PP) e modifica só lixeiramente a ultraactividade e preferencia aplicativa do convenio. Mantéñense, xa que logo, intactas institucións esenciais do dereito do traballo como o despedimento e as modificacións substanciais das condicións de traballo. Faise necesario, xa que logo, unha análise máis atenta de todo aquilo que non derrogou o cambio normativo do goberno de coalición PSOE-UP.

 Respecto ao despedimento, mantéñense as causas, a redución de indemnización a 33 días ano topado a 24 meses (e non os históricos 45/24), a eliminación dos salarios de tramitación e a non necesidade de autorización administrativa para os despedimentos colectivos. Desta forma, despedir segue sendo doado e cun baixo custo para as empresas. Este é o principal factor da inestabilidade laboral e a través do cal se articula a precariedade laboral, que está levando a consolidar unha clase traballadora atomizada e debilitada.

 O RD-L 32/2021 tamén mantén intacta a regulación da contrarreforma laboral do PP respecto das modificacións substanciais de condicións (art. 41 do Estatuto dos Traballadores). Poderase continuar, xa que logo, modificando individual e colectivamente case todas as condicións de traballo. Respecto da negociación colectiva, os cambios son insignificantes. Por unha banda, non é certo que se derrogue a “non ultraactividade” dos convenios: modifícase introducindo que, transcorrido un ano desde a denuncia, haberá submisión aos procedementos de mediación regulados nos acordos interprofesionais e, unha vez esgotados estes, permite manter ultraactividade. Por outra banda, tampouco derroga a preferencia aplicativa do convenio de empresa respecto ao do sector. Elimina esta unicamente no que respecta ao salario, pero mantena en horario, distribución do tempo, réxime a quendas, clasificación, compensación de horas extras, etcétera. Non fai falta ser un gran asesor de empresas para ver como estas condicións que manteñen preferencia aplicativa tamén poden actuar indirectamente sobre o salario.

 A subcontratación foi unha das materias que máis se prometeu aos colectivos afectados que se limitaría. Pero nada diso pasou e non hai ningunha nova limitación ás subcontratas de obra e servizo, senón simples cambios de redactado. Pode ser positivo un novo réxime de aplicación de convenio: o convenio de sector da actividade desenvolvida, aínda que antes se aplica o convenio de empresa. Isto non só pode provocar moita litixiosidade para interpretar a norma, senón que esta xa dá unha alternativa precarizadora: asinar o convenio de empresa.

A cuestión da temporalidade

 Os altofalantes mediáticos de UP levan semanas construíndo sen xeito a súa defensa da «reforma» a partir sobre todo das modificacións introducidas na contratación temporal, unha das cuestións que Bruxelas esixía cambiar a España. Hai, sen dúbida, cuestións positivas, pero tamén negativas, de tal modo que habería que analizar con máis detalle o conxunto e, posteriormente, tirar conclusións.

 A modificación do histórico contrato eventual por circunstancias da produción é positiva en canto á súa limitación a seis meses (por convenio colectivo sectorial até un ano). As causas que o xustifican, iso si, son amplísimas. Por citar o texto da propia reforma, falamos dun "incremento ocasional e imprevisíbel e as oscilacións que, aínda tratándose da actividade normal da empresa, xeran un desaxuste temporal entre o emprego estábel dispoñíbel". Existe unha segunda causa, limitada a 90 días non continuos nun ano natural, destinada a “atender situacións ocasionais, previsíbeis”. Os 90 días poden parecer anecdóticos para un lector que non estea familiarizado coas relacións laborais, mais nos últimos anos entre o 75% e o 85% dos contratos temporais tiñan unha duración que non era superior aos 90 días. Estase, xa que logo, desregulando e facilitando a contratación temporal de até 90 días, que é a que máis se utiliza. Ademais, permítese pola subtitución das vacacións (o que até o de agora o Tribunal Supremo declarara non axustado a dereito). Aínda que se mellora a limitación respecto ao encadeamento destes contratos, a partir de agora de 18 meses a 24 (antes era de 24 a 30), a limitación foi escasamente efectiva nos últimos anos, máis aló dalgunha boa campaña da Inspección de Traballo.

 Todo isto nos leva a facer unha reflexión global sobre a temporalidade, a rotación e a inestabilidade. O RD-L 32/2021 pode rebaixar nalgúns puntos os niveis de contratación temporal, mais non a súa rotación e tampouco a inestabilidade laboral. O determinante para a estabilidade laboral son as garantías ante a extinción e o custo para a empresa, e isto mantense exactamente igual: fácil e barato. Non cambiará pola limitación a 18 meses de encadeamento ou a limitación no tempo do contrato eventual. Por unha banda, a patronal xa sabe que os traballadores e traballadores practicamente non demandan cando a súa antigüidade é inferior aos 18 meses. Para dicilo en expresión concreta: até o de agora a finalización dunha relación laboral dun ano, con contratos temporais na maioría de supostos, era tecnicamente un despedimento improcedente (por fraude de lei na contratación). Agora quizais despois dos 6 meses a relación xa é indefinida (por se ter limitado no tempo o histórico contrato eventual) e o empresario decidirá igual se despide ou non, porque os efectos serán iguais que cun contrato en fraude de lei: 33 días por ano, sen salarios de tramitación.

 Elimínase o histórico contrato de obra e servizo. No sector da construción, con todo, xérase un contrato formalmente indefinido para substituír o fixo de obra e que na práctica é temporal, ao poder extinguirse se non hai recolocación, cunha indemnización que será do 7% das retribucións. Peor aínda, o contrato de interinidade (substitución) precarízase un pouco máis: a prestación de servizo poderáse iniciar antes de que se produza a ausencia da persoa substituída, até uns 15 días antes. Isto na práctica supón para as grandes empresas ter case sempre a posibilidade de utilizalo: entre os supostos que o xustifican e os 15 días de marxe poderase utilizar moito máis que agora. O RD-L 32/2021 eliminou a prohibición de utilizar o contrato a tempo parcial nas modalidades históricas de “aprendizaxe e formación”. De igual xeito, as Empresas de Traballo Temporal (ETT) poderán xestionar contratos fixos-descontinuos, o que até o de agora non era legal segundo a sentenza do Tribunal Supremo 728/2020. Dar ás ETT a posibilidade de xestionaren contratos fixos descontinuos supón unha aposta de facto pola subcontratación e pola precariedade. Os novos contratos formativos e de prácticas teñen tanto elementos pro-traballador como pro-empresa, pero aínda así continuarán con toda seguridade sendo pouco utilizados, xa que na actualidade non chegan ao 1%.

O Estado asume o risco empresarial: traspaso de rendas do traballo a rendas do capital

 Respecto dos Expedientes de Regulación Temporal do Emprego (ERTE), redúcese o período de consultas de 15 a 7 días en empresas de menos de 50 traballadores e tamén se reduce de 7 a 5 días o prazo para constituír a Comisión representativa (de 15 a 10 se non existe representación unitaria). Durante a vixencia dos ERTE cun simple período de consultas de 5 días poderase prorrogar a medida. Ademais, diferéncianse os ERTE por forza maior e os ERTE con causa en saúde pública, co que parece que xa nos está concretando unha causa xustificativa fronte a futuras pandemias. Créase tamén o mecanismo REDE de Flexibilidade e Estabilización do Emprego, pendente de activar polo Consello de Ministros, con dúas realidades diferenciadas (unha cíclica e outra sectorial) e con máis sombras que luces. Sen prestación de desemprego, cal será a nova prestación? A este paso parece que se abandonan os históricos ERTE, que daban resposta a unha situación conxuntural e nos afastaban do despedimento, e se aposta por reducir o risco empresarial e asumilo con diñeiro público. Pouco sorprendentemente, a Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) manifestouse satisfeita con esta reforma.

«Vitoria parcial»?

 Despois dunha euforia inicial que non se correspondía nin moito menos coa realidade e que as primeiras críticas de avogados laboralistas, todo o chamado sindicalismo alternativo -cómpre dicir que nalgúns casos cada vez menos «alternativo» fronte a CCOO – UGT-, movementos sectoriais do mundo do traballo e o conxunto da esquerda non gobernamental deixaron rapidamente en evidencia, os xornalistas, comentaristas e tertulianos afíns a UP concentraron boa parte dos seus esforzos, sobre todo nas redes sociais, en dispersar o fracaso en forma de trampulladas lingüísticas -a «derrogación» deixou de selo para se converter nunha «reforma», e a «reforma» volveu ser despois, como por arte de encantamento, unha «derrogación», pero «politicamente, porque tecnicamente non se pode», en palabras da propia ministra de Traballo en declaracións á cadea SER- ou, ultimamente, ao presentar a reforma de Díaz como unha «vitoria parcial». Os devanditos xornalistas deberíannos explicar onde existe «vitoria parcial» na nova regulación do contrato a tempo parcial e no contrato de circunstancias para cubrir vacacións e até 90 días con causas previsíbeis, onde no contrato de substitución, nas ETT que poden realizar contratos fixos descontinuos e no contrato a tempo parcial, que se pode utilizar nos contratos formativos. Son elocuentes respecto diso os dardos envelenadísimos do economista liberal Juan Ramón Rallo ou do ex deputado socialista Jordi Sevilla, quen formou parte do equipo do PSOE para negociar un acordo de coalición en 2016.

 En efecto, como lamentaron xa varios observadores, o RD-L 32/2021 non é en certo xeito mellor que o seu predecesora, xa que ao non desfacer por completo a de antes -e aínda habería que retroceder máis aló, porque os problemas derivados do marco legal que afectan aos traballadores non empezaron coa do 2012-, dá carta de natureza aos aspectos máis lesivos da reforma do 2012 en tanto que estes quedan normalizados ao tratarse dunha reforma impulsada, realizada e defendida -presentada mesmo como unha «vitoria»- pola «esquerda», e tampouco non ofrece unha mellora substancial como por considerar que se proporciona aos traballadores unha base sólida desde a que defender os seus dereitos actuais e conquistar outros novos.

 En última instancia, esta forma de actuar valida a crítica da funcionalidade dun determinado centro-esquerda cando entra nas institucións, especialmente baixo circunstancias como as que se atopa UP, para levar a cabo reformas que a dereita non se atrevería a facer, como sinalou Jutta Ditfurth referíndose ao primeiro vermello-verde alemán: «Se a guerra contra Iugoslavia a declarou Helmut Kohl, as rúas de Alemañaa enchéronse de manifestantes pola paz». Quen se manifestará en contra da reforma laboral de Yolanda Díaz? Non, certamente, o partido de Yolanda Díaz, e tampouco CCOO e UGT, que son o seu principal e case exclusivo apoio sindical. Nos últimos días mesmo puidemos ver nas redes sociais a algúns militantes de UP recorrer a argumentos á desesperada («¡ternos votado, e con máis deputados teriamos unha mellor reforma laboral!») que unicamente logran reforzar a imaxe de fachenda moral da esquerda española cara aos seus potenciais votantes, esixíndolles o seu voto sen ofrecer ningunha garantía a cambio: vendo as súas accións institucionais e proxección pública até o momento, como podemos estar plenamente seguros de que con máis deputados levarían a cabo medidas máis atrevidas en defensa dos traballadores? E cando todo isto falla, sempre se pode sacar o comodín de Nadia Calviño.

 A elaboración teórica de UP e mesmo do PCE -elaboración teórica pobre- consistiu en quitar o po ao fetiche do «consenso» que con tanto coidado esculpiron os eurocomunistas da Transición española, e as súas extensións mediáticas celebraron en consecuencia que no acordo se incluía a CEOE, unha patronal que no Estado español nunca tivo en conta precisamente o benestar dos traballadores. As declaracións do presidente da CEOE, Antonio Garamendi, nunha entrevista en La Voz de Galicia sobre a reforma, deberían facer saltar todas as alarmas a calquera lector con sensibilidade social: «A esencia da reforma laboral do 2012 preservouse intacta e as empresas van manter unha marxe importante de flexibilidade», «Eu tomo como referencia a que se nos viña enriba. Había que ver o que propoñía o Goberno nos seus primeiros documentos.» A fascinación dos dirixentes de UP polo Papa Francisco enténdese agora perfectamente: o concepto reitor dos "comunistas" españois xa non é a loita de clases, senón o ecumenismo. En que país do mundo realmente existente se pode levar a cabo un cambio lexislativo -non digamos xa unha reforma laboral, e máis aínda unha que sexa favorábel aos traballadores- que guste a todos? Corre en paralelo ao papismo de Podemos a recentemente descuberta admiración pola Unión Europea neoliberal -a reforma, segundo Díaz, achéganos «a Europa en materia de estabilidade e seguridade no emprego»; por certo, a que «Europa» exactamente?- e o modelo alemán de formación e contratación, cuestionado mesmo no seu propio país. Pero estes e non outros son os materiais que esixe o evroremont de Unidas Podemos.

 Se as consecuencias legais se analizaron pouco, seguramente aínda se analizaron menos as consecuencias políticas da RD-L 32/2021. Se se produciu unha «reforma» -e máis aínda da forma en que esta se produciu- é porque o PSOE necesita que UP non caia por baixo dunha determinada porcentaxe de intención de voto se quere reeditar a coalición de goberno. A caída de Cidadáns (C's), vítima da súa propia estratexia de encirrar o nacionalismo español que capitalizou Vox, imposibilita unha coalición social-liberal como a que quería Pedro Sánchez en primeiro lugar, e unha Gran Coalición como a que propuxeron vellos prebostes socialistas como Felipe González cadra pouco coa realidade política española. O cálculo dos spin doctors de Ferraz consistía seguramente en que Díaz puidese presentar unha «vitoria» ante os seus, mentres o resto de actores políticos e económicos é moi consciente de que non se produciron cambios substanciais nas regras de xogo e que este lles segue sendo favorábel. O erro de cálculo foi non ter en conta outros factores, e parece que a manobra chega tarde e mal: abonda con prestar atención ás enquisas de intención de voto, onde UP se segue mantendo nunha marxe que vai do 9% ao 12% dependendo da sondaxe mentres Vox escalou lentamente posicións e está xa en torno ao 17-18%.

 A batalla polo relato, non dicindo a verdade -por incómoda que sexa-, pode servir por momentos para sumar deputados, pero no día a día das clases traballadoras o que realmente importa son as condicións materiais. O que hoxe pode ser asumido coa resignación do «fixeron o que puideron», ao día seguinte será causa de frustración ao ver como nosas condicións de traballo seguen sendo maioritariamente precarias, dentro dun contexto macroeconómico que, marcado pola inflación e a incerteza, as agrava aínda máis. Enfermados de cretinismo parlamentario, os dirixentes de UP, un partido que nunca contara cunha verdadeira rede social de apoio -as asociacións e institucións socialistas autónomas que eran a columna vertebral e o mundo da antiga socialdemocracia e o anarcosindicalismo, e que debían servir como escola e alternativa para desprazar ao vello mundo-, parecen renunciar a construír maiorías políticas e sociais máis aló das institucións, nas rúas e centros de traballo. Unha reforma laboral como a que facía falta para a clase traballadora non será con este Podemos.

 

[Artigo tirado do sitio web catalán Catarsi Magazine, do 13 de xaneiro de 2022]

Volver