Reformas estruturais regresivas en Brasil e Arxentina

Julio C. Gambina -

O gran desafío do estendido movemento popular que hoxe combate a hexemonía capitalista pasa por construír estratexias que restitúan un horizonte civilizatorio máis aló e en contra do réxime do capital

 O Senado brasileiro aprobou unha reaccionaria reforma das pensións, cunha maioría de votos que supera longamente o mínimo necesario e evidencia que a lóxica pro mercado transcende o partido no goberno. Agora pasa a lei para o debate na cámara de Deputados do Brasil, que poderá facer reformas que considerarán despois os senadores antes de transformala en lei. A situación xerou triunfalismo entre os grandes capitais do Brasil e o seu goberno, algo que tamén se celebra entre os empresarios máis poderosos con intereses na rexión, e obviamente polos gobernos da dereita, nomeadamente o arxentino, que incluíu no acordo co FMI a realización desas reformas estruturais, especialmente a das pensións e a laboral.

 Non deben sorprender, entón, declaracións de empresarios arxentinos demandando urxentes e profundas reformas laborais. Un dos principais dirixentes da Cámara da Construción da Arxentina, Julio Crivelli, o vicepresidente da organización empresarial sostivo que "necesitamos poder despedir sen causa a empregados en todas as industrias e comercios", responsabilizando a traballadoras e traballadores polos seus dereitos sociolaborais adquiridos dos problemas de produtividade da economía local. Isto pasa por eliminar as “indemnizacións”, causa principal, segundo a lóxica discursiva burguesa, da caída do emprego e o nivel de actividade económica.

 A argumentación empresarial apunta á inviabilidade da competencia das empresas locais coas estranxeiras segundo despréndese dos acordos de libre comercio ente a Unión Europea e o Mercosur. A demanda pasa pola diminución do custo laboral no conxunto do custo empresario. Non o fan polo elevadísimo custo financeiro, mecanismo de apropiación de plusvalor do sector financeiro; nin polo custo tributario vinculado ás necesidades de financamentos do Estado; nin polas elevadas tarifas dos servizos públicos privatizados. Como non poden contra a banca nin contra o Estado, nin coas privatizacións de servizos públicos, apuntan contra os traballadores e as traballadoras.

 Está claro que a demanda polos beneficios se resolve en contra do prezo da forza de traballo, ou sexa, o salario e os beneficios sociais. Outro empresario, do sector cafeteiro sinalou: "Queremos que haxa maior flexibilización. Que sexa máis doado despedir e contratar xente". A opinión do titular de Café Cabrales é coincidente co empresario da construción e ispe a demanda dos empresarios contra traballadoras e traballadores.

 De xeito coincidente coa demanda empresarial, o Estado actúa desde o goberno, en sintonía coas expresións do capital e por iso proliferan as opinións contra os sindicatos e os seus representantes. É certo que existen sindicalistas que buscan pontes de diálogo con empresarios e gobernantes, nunha lóxica de negociación (máis produto doutra época do desenvolvemento capitalista: o do reformismo keynesiano) e en contra dos traballadores e as traballadoras, polo que é de salientar a necesidade de consolidar un novo modelo de organización sindical, que sexa autónomo e independente de patróns e gobernos, tanto como dos partidos políticos que disputan o poder.

 É a mensaxe que inspirou en orixe a CTA, a Central de Traballadores e Traballadoras da Arxentina alá no seu nacemento nos 90 e que algúns sustentan na actualidade, do mesmo xeito que inspira as correntes clasistas na PIT-CNT e outras centrais sindicais en Nuestramérica, as que se articulan no Encuentro Sindical Nuestra América, ESNA.

Lóxicas civilizatorias en disputa

 Os empresarios mencionados, como outros hexemónicos na rexión, parten dunha lectura da loita de clases mundial que eles consideran que mudaron desde fins dos 80 e comezos dos 90, coa ruptura da bipolaridade e o triunfo do capitalismo, como parte dunha fortísima ofensiva do capital contra o traballo, a natureza e a sociedade.

 Manteñen unha concepción ideolóxica contra toda reforma do capitalismo e, abofé, contra calquera idea ou pensamento que sustente un proxecto en contra da orde do capital. Por iso, son fondamente contrarios a unha lóxica socialista, socialdemócrata ou socialcristiá, mesmo populista de esquerda. Consideran o keynesianismo ou o reformismo económico, xeneralizado no sistema mundial entre 1930/45 e 1980, como unha resposta acaída a tempos de crise capitalista e ofensiva das estratexias revolucionarias, especialmente desde a irrupción da revolución socialista en Rusia e a instalación da bipolaridade do sistema mundial en 1945.

 Para os tempos actuais considérano unha inadecuada proposta e antiga proposta, malia ser sustentada desde algúns ámbitos intelectuais e relixiosos, tal como xorde do último encontro entre o Papa Francisco e Joseph Stiglitz, premio de Economía do Banco de Suecia en 2001(1). Salientamos a referencia pola importancia dos personaxes, pero o pensamento neokeynesiano ou poskeynesiano inspira variadas propostas políticas críticas da corrente principal hexemónica inscrita no neoliberalismo explícito.

 A realidade do mundo capitalista desde 1989/91, vista desde a hexemonía económica, política e ideolóxica demanda a revogación de todos os dereitos entregados á reivindicación pola valorización da forza de traballo en contra do lucro e o interese do capital. É un chamado contra o chamado Estado benefactor e toda forma de minguar os efectos do funcionamento da orde capitalista, que algúns imaxinan posíbel e, por iso, inclúeno como propostas actuais.

 Por iso insistimos nos nosos escritos na ofensiva do capital contra o traballo desde a crise capitalista de mediados dos setenta e especialmente en despregamento acelerado desde os 90 do século pasado, un tempo de consolidación da lóxica neoliberal.

 Coa bipolaridade do sistema mundial, entre 1945 e 1989/91, a orde mundial mudou e non só funcionou a lóxica de civilización construída desde o imaxinario burgués pola expansión do réxime do capital, no seu momento de carácter reformista baixo políticas de corte keynesiano e diferentes modalidades ou versións do Estado benefactor. O socialismo foi entón tamén unha posibilidade, que hoxe recoñecemos errada nas súas manifestacións máis evidentes, pero que actuou na configuración dos imaxinarios sociais posíbeis da organización socioeconómica.

 A caída da experiencia no nome do socialismo no leste europeo xerou as condicións de posibilidade para a reinstalación dunha lóxica “única” en prol da restauración do sentido común capitalista. Isto é o que está hoxe en debate e anima o revanchismo empresarial contra os dereitos laborais, sociais e sindicais de traballadoras, traballadores e as súas familias, polo que o gran interrogante pasa por como restituír un imaxinario social máis aló e en contra da orde capitalista.

 É que a extensión de experiencias revolucionarias desde Rusia, en China, Cuba ou Vietnam, xunto con diversas loitas anticoloniais, facía visualizar contra mediados dos anos 70 as posibilidades de organizar unha nova orde económica mundial. O tema formulouse na ONU cara a 1973/4 e consagrouse como a demanda por unha “Nova Orde Económica Internacional” (NOEI), o que motivou unha violenta resposta, xeograficamente localizada desde Sudamérica coas ditaduras xenocidas, para dar nacemento á orde neoliberal, que mesmo cando non sexa nin nova, nin liberal, explica a lóxica e o sentido común do noso tempo.

 Por iso, o gran desafío do estendido movemento popular que hoxe combate a hexemonía capitalista pasa por construír estratexias que restitúan un horizonte civilizatorio máis aló e en contra do réxime do capital. Desde a nosa lóxica de pensamento aspiramos a introducir estes debates en tempos electorais en Sudamérica, próximos en Arxentina, Bolivia e Uruguai, onde a axenda do poder privilexia un debate favorábel ás reformas estruturais funcionais á lóxica ideolóxica do capital.

_____________________________________________________________________________

Nota:

[1] Francisco e Stiglitz coinciden en impulsar unha "economía social de mercado". TELAM, 13/05/2019; en: https://www.telam.com.ar/notas/201905/357468-francisco-y-stiglitz-coinciden-en-la-necesidad-de-impulsar-una-economia-social-de-mercado.html

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 16 de xullo de 2019]

Volver