Reiníciase a carreira profesional paralizada pola Xunta

Recoñécese o dereito para todo o persoal despois das sentenzas gañadas pola CIG
Nacional - 11 Out 2022

Xunta e os sindicatos asinantes poñen en marcha, despois de tela paralizado durante case dous ano, a carreira profesional e despois das sentenzas favorables, gañadas pola CIG, ao recoñecemento deste dereito para todo o persoal.

Os novos acordos de carreira, se ben teñen melloras gañadas pola CIG nos tribunais, seguen a ter fundamentalmente 3 eivas:

1) Non recoñecen o carácter retroactivo do grao I para o persoal interino e temporal.

A sentenza gañada contra a orde do grao I di textualmente que se recoñeza o dereito a este persoal a acceder ao mesmo. A Xunta, CCOO e UGT manteñen que se debe de recoñecer sen efectos retroactivos. Nós mantemos que si a sentenza recoñece ese dereito este se estende ata o 2019, ano no que comezou o grao I para o restante persoal.

A CIG solicitou no TSXG un acto de execución de sentenza ao entender que con este novo acordo non se ateñen á sentenza e polo tanto será este tribunal o que decidirá quen ten razón, se o persoal interino e temporal debe cobrar o grao I dende agora ou dende o 2019.

2) Manteñen a obriga de funcionarizarse para o persoal laboral fixo que queira acceder á carreira.

Outra das sentenzas gañadas anula as disposicións da orde de confección de nóminas onde se suspende o dereito á carreira ao persoal laboral fixo que non se queira funcionarizar e se lle esixe a devolución dos importes.

A Xunta non cumpre coa sentenza e mantén a exclusión, ademais de recorrer en casación ante o Tribunal Supremo. Haberá que esperar á sentenza deste recurso.

3) Non inician o recoñecemento do grao II no ano 2021 para os subgrupos C1, C2 e AP.

A Xunta, CCOO e UGT van asinar un novo acordo para pór en marcha o grao II pero con efectos de 2022.

Hai que lembrar que paralizaron a posta en marcha do acceso ao grao II, cando se tiña que regular no segundo semestre de 2020 e ter efectos dende o 1 de xaneiro de 2021.

A escusa que puxeron para non facelo é que a CIG presentara unha demanda. “Escusa de mal pagador, pois unha demanda non paraliza un procedemento, as sentenzas da CIG son de mediados do 2021, cando o grao II xa tiña que estar en marcha. E a maiores o discurso de que houbo un “parón xudicial” non cola cando nin había sentenzas, nin había medidas cautelares que paralizaran nada”, afirma a secretaria nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos.

Para a CIG non retomar os prazos iniciais e recoñecer o inicio en 2021 para os subgrupos C1, C2 e AP significa unha perda dereitos e dos importes do 33% do grao II do 2021 para estes subgrupos e non é tolerable.

Aínda así, di Burgos, “queremos facer unhas consideracións xa que nestes acordos hai unha serie de avances que son derivados das sentenzas gañadas pola CIG ou da negociación dos mesmos”.

1) Os tramos para acceder ao grao II se igualan para todos os subgrupos.

En tres anos se chega ao 100% do complemento de carreira. No anterior acordo para os subgrupos A1 e A2, o grao II se iniciaba en 2022 e se chegaba ao 100% en 4 anos. Nestes novos acordos se reduce a tres anos e se iguala ao resto dos subgrupos. Pero isto a costa de que o C1, C2 e AP non comecen a cobrar con efectos de 2021.

2) A carreira se estende ao persoal interino e temporal.

Obrigados polas sentenzas así o fan. Pero non recoñecen o efecto retroactivo.

Con todo, a CIG-Administración Autonómica sinala que “aínda que con avances produto das nosas accións, consideramos que a execución das sentenzas se fai de xeito torticeiro e que non se cumpre na súa integridade o sentenciado pola Xustiza”.

Por iso adianta que que “seguiremos negociando ata a Comisión de Persoal, pero de non mudar nos aspectos antes enumerados dende a CIG non poderemos darlle o noso visto e prace a esta nova carreira”.