Reino Unido: Por que son os beneficios, e non os salarios, os que provocan a crise do custo da vida?

Costas Lapavitsas - 07 Xun 2023

Ningún imposto sobre os beneficios extraordinarios nin ningunha subvención ás familias permitirá poñer fin á carreira actual polos beneficios en detrimento dos salarios. Fan falta grandes cambios estruturais

 O Banco de Inglaterra (BoE) acompañou o seu último aumento dos tipos de xuro británicos (4,5 %) –o duodécimo consecutivo– coa advertencia de que a taxa de inflación no Reino Unido ía seguir a ser máis elevada do previsto debido á alza de prezos dos produtos alimentarios (19,2%). O BoE incrementa os seus tipos desde decembro de 2021 para tratar de frear o forte aumento do custo da vida. Aínda que a taxa de inflación se reduciu notabelmente en abril, segue a ser, co 8,7 %, bastante máis elevada que o obxectivo do 2 % fixado polo Reino Unido.

 Alegáronse numerosas razóns para explicar a recente alza de prezos: os bancos centrais imprimiron demasiada moeda, as guerras noutros países fixeron que se disparen os prezos da enerxía. O goberno actual e o gobernador do Banco de Inglaterra afirman que os aumentos de salarios están na orixe da inflación. Porén, as miñas investigacións, realizadas xunto con James Meadway, do Progressive Economy Forum, e Doug Nicholls, da Confederación Xeral de Sindicatos, mostran que os aumentos de prezos no Reino Unido viñeron provocados máis probabelmente por uns beneficios elevados, salarios minguantes e unha produtividade baixa durante decenios.

Negociacións salariais

 Desde mediados até finais da década de 1970, os sindicatos puideron negociar os salarios mediante negociacións colectivas organizadas a escala nacional. Tratábase de sectores da clase traballadora, xeralmente representados por un sindicato, que negociaban os salarios e as condicións de traballo coa súa empresa. Naquela altura, a diferenza entre os ingresos das empresas e os da man de obra era claramente menor e Gran Bretaña era unha sociedade máis igualitaria en termos de renda.

 Desde aquela, un ataque concertado contra as negociacións colectivas a escala nacional debilitou notabelmente a capacidade dos e as traballadoras asalariadas para defender o valor dos seus salarios, adaptándoos polo menos ao ritmo da inflación. Ao mesmo tempo, as desigualdades de ingresos medraron rapidamente e é probábel que alcancen un nivel altísimo de aquí a 2027. As  investigacións amosan que existe unha relación inversamente proporcional entre o número de persoas organizadas en sindicatos e a súa capacidade para recorrer á negociación colectiva, por unha banda, e a concentración da riqueza en mans da clase máis rica, por outra.

 A clase traballadora empeza hoxe a decatarse diso, o que podería explicar o recente apoio ás accións de folga con que os sindicatos tentan manter o importe en termos reais dos salarios fronte a unha inflación persistente. Mais tamén é importante ser conscientes dos factores máis profundos, históricos e estratéxicos, que levaron a uns niveis de inflación relativamente elevados en Gran Bretaña. O Reino Unidos non poderá saír da crise actual do custo da vida se non aborda estes problemas.

Unha potencia industrial

 A primeira revolución industrial, que comezou no século XVIII, converteu este país nun dos principais produtores de bens manufacturados: o taller do mundo. O Reino Unidos foi unha gran potencia industrial durante máis dun século, creando too, desde paquebotes de cruceiro até algúns dos primeiros programas informáticos. Porén, na década de 1980, o thatcherismo laminou a industria produtiva e o desenvolvemento de competencias ao reducir sectores enteiros da economía, como a siderurxia, a construción de automóbiles e a produción de carbón. Ao mesmo tempo, o goberno suavizou a regulación financeira e suprimiu os controis dos fluxos de diñeiro que saían do país, reforzando así o imperio das finanzas.

 A economía británica desprendeuse por tanto dos seus centros industriais, como as Midlands, á vez que aumentou o poder político e económico dos bancos e as sociedades financeiras. Os beneficios deixaron de depender tanto da produción de bens. A industria manufactureira británica está en declive desde 1960, tanto en termos de emprego como de produción, como en relación con outros países similares. A falta de investimentos por parte das empresas durante decenios fixo que a economía do Reino Unido perda terreo fronte a países como os Estados Unidos, Francia e Alemaña, cousa que comportou un descenso da produtividade.

 Aquel golpe histórico ao sistema produtivo do Reino Unido fixo que, cando aumentou a demanda de bens tras a crise da Covid, a capacidade nacional de produción resultase insuficiente, polo que o país tivo que recorrer ás importacións para responder á demanda. Os custos dos produtos e servizos máis elementais que necesitamos –alimentos, enerxía e vivenda– disparáronse. Eses bens de primeira necesidade, que deberían representar unha parte relativamente baixa dos nosos gastos, tornáronse inalcanzábeis para millóns de persoas.

 Claro que o control de prezos podería contribuír a reducir esta inflación. Mais tamén fai falta abordar as fraquezas subxacentes que favorecen a inflación a longo prazo. Isto requirirá unha nova política industrial británica, así como uns plans de desenvolvemento das competencias da man de obra.

 A imposición de restricións aos bancos, os fondos de investimento e as grandes empresas en materia de traslado da produción e de diñeiro (fóra do país) contribuiría a reforzar o investimento interior. Novos enfoques do financiamento público a través de organizacións como o banco central reducirían así mesmo a dependencia con respecto á banca privada. No canto de entender que a súa misión se centra no beneficio e o control da inflación, por exemplo, o Banco de Inglaterra deberíase concentrar no apoio ao investimento orientando os fondos cara a sectores particulares, en especial a industria manufactureira.

 A liberalización extrema das forzas do mercado en Gran Bretaña na década de 1980 traduciuse na privatización e a venda sen precedentes dos bens públicos, unha desindustrialización masiva e unha desregulación do sector financeiro. No transcurso dos anos subseguintes produciuse a promulgación sistemática dunha lexislación antisindical e o desmantelamento da negociación colectiva, cousa que comportou unha presión constante  á baixa sobre os salarios, xa que os e as asalariadas tiñan menos medios para se opoñer aos patróns.

 O poder económico e político das empresas reforzouse. Por conseguinte, as grandes empresas puideron permitirse realizar beneficios extraordinarios, frecuentemente coa axuda adicional do goberno, especialmente en forma de vantaxes fiscais e subvencións. Os sindicatos acusaron recentemente as grandes empresas de beneficiarse da crise do custo da vida. Algúns supermercados comezaron a rebaixar os seus prezos en resposta a estas críticas.

 De todas as maneiras, ningún imposto sobre os beneficios extraordinarios nin ningunha subvención ás familias permitirá poñer fin á carreira actual polos beneficios en detrimento dos salarios. Fan falta grandes cambios estruturais. Pola contra, a combinación tóxica actual de escaseza de investimentos, produtividade baixa e inflación elevada ameaza con afundir o país no desastre.

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 1 de xuño de 2023]