Rematan os paros contra a precariedade en Amazon no Porriño con éxito de seguimento e participación

A FGAMT-CIG anuncia a súa de promover novas mobilizacións se a empresa non atende as “lexítimas demandas” do cadro de persoal
O Porriño - 18 Mar 2026

Hoxe tivo lugar a terceira e derradeira xornada de paros parciais convocados no centro loxístico de Amazon no Porriño para reclamar unha mellora das condicións laborais, e ao igual que no día de onte rexistrou un seguimento do 100% entre o persoal do almacén que pertence á compañía. Nos tres días de folga unicamente entraron a traballar tres persoas de empresa o luns, mentres que entre o persoal de ETT só dúas o luns e tres o martes e o mércores. Nas dúas primeiras xornadas celebráronse tamén concentracións diante das instalacións situadas no polígono da Granxa.

Para Carlos Martínez Lamosa, da FGAMT-CIG de Vigo estes datos amosan o “éxito” da convocatoria e a “implicación e capacidade de mobilización” dun cadro de persoal “que non está disposto a renunciar ás súas lexítimas demandas”. Por iso o responsábel sindical adianta a intención da central de promover novas mobilizacións se a empresa non abre unha vía de negociación para rematar coa precariedade mediante unha serie de melloras laborais. “ A xente teno moi claro a así o demostrou durante o conflito, secundando as folgas a participando activamente nas concentracións, incluso o persoal de ETT”.

En concreto, o comité de empresa (con 4 de 5 representantes da CIG) denuncia a excesiva carga de traballo e os incumprimentos en materia de prevención de riscos e saúde laboral, ao tempo que reclama o aumento das horas nos contratos a tempo parcial e fixos descontinuos, que a día de hoxe non superan as 24 horas semanais, un plus específico que remunere de xeito especial o traballo en domingo e unha bolsa de horas anual para asistencia a consulta médica.

Nula vontade de chegar a acordos

Mais dende a xornada de folga de 24 horas desenvolvida o pasado 23 de decembro a empresa amosou “nula vontade” de chegar a un acordo nas dúas xuntanzas celebradas até o de agora. “até o punto de que a dirección mesmo se nega a establecer unha bolsa de horas para ir a consulta médica a pesar de que tería un custe mínimo para unha transnacional que ano tras ano rexistra beneficios millonarios”.

Con todo, o problema fundamental radica na elevada sobrecarga laboral que padecen as persoas traballadoras, o que está a provocar constantes baixas por estrés e por lesións músculo esqueléticas. Ao mesmo tempo, o 70% do cadro de persoal -o que presta servizo no almacén- ten contrato a tempo parcial ou fixo descontinuo ou a través de ETT, o que provoca que os salarios oscilen entre os 900 e os 1000 euros. “Os únicos contratos a tempo completo son o das persoas supervisoras e os do persoal de oficinas”.