Representantes da Área Pública da CIG trasladan a Rego a demanda de supresión da taxa de reposición

Abordaron co deputado do BNG cuestións dos Orzamentos do Estado que atinxen o emprego público
Nacional - 03 Nov 2020

Representantes da Área Pública da CIG -María Xosé Abuín, da CIG-Saúde, Suso Bermello, da CIG-Ensino e Xabier Picón, de CIG-Administración- reuníronse este luns co deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. Unha xuntanza na que trasladaron ao representante nacionalista a súa demanda de recuperación de dereitos e, nomeadamente, de supresión da taxa de reposición.

A Área Pública da CIG xa demandara a supresión desta taxa na Mesa Xeral das Administracións Públicas. Porén, tal e como lle explicaron ao deputado do BNG, o goberno propuxo que se manteña durante o 2021 con lixeiros cambios.

Así no caso de sectores prioritarios como educación, sanidade, universidade, xustiza, ou ciencia a taxa sería do 110%, co que só se poderían convocar 110 prazas de oposicións por cada 100 xubilacións. Esta mesma porcentaxe se aplicaría a concellos coa débeda amortizada. Noutros sectores (administración xeral) a taxa sería do 100% ou mesmo do 115% no caso das forzas e corpos de seguridade. 

Por iso incidiron especialmente nesta cuestión, xa que con esta limitación elimínase a capacidade das administracións autonómicas ou locais para crear emprego neto ou aprobar ofertas de emprego amplas que dean resposta á alta temporalidade.

Mantense a perda de poder adquisitivo

Os representantes da CIG manifestaron a Rego a súa percepción de que a capacidade para negociar do goberno español “está confinada” porque só se prevé unha suba salarial dun 0,9% para 2021, que nin sequera inclúe cláusula de garatía salarial e non servirá para recuperar a perda de poder adquisitivo que veñen acumulando desde 2010 e que a día de hoxe achégase xa ao 10%.

Ademais trasladaron a demanda de que esta suba retributiva do 0,9% imposta polo goberno español non teña carácter básico e que non se limite a posibilidade de aplicar outras subas retributivas pendentes nas diferentes administracións.

Neste sentido subliñaron que en Galiza está pendente a carreira profesional no SERGAS e na Administración Xeral da Xunta e o último prazo do mal chamado acordo retributivo de homologación do profesorado, o mesmo que ocorre en varios acordos das administracións locais galegas. “Se a suba do 0,9% se impón como un tope e non se dá cobertura legal á consecución dos obxectivos deses acordos ou carreiras pactadas, os incrementos pendentes serían eliminados”.