Representantes de CIG-Ensino e demais organizacións sindicais péchanse en Educación

Exixen a negociación dos horarios lectivos e permanecerán na consellaría até seren recibidos
Nacional - 30 Out 2019

Representantes da CIG-Ensino e demais organizacións sindicais veñen de iniciar un peche nas dependencias da consellaría de Educación en demanda de ser recibidos pola conselleira, logo de que esta non respondera á súa petición de negociar os horarios lectivos. As e os representantes sindicais teñen a intención de permanecer nas dependencias da Consellaría até ser recibidos pola súa titular.

A decisión de pecharse na consellaría adoptouse logo de que a titular de Educación non respondera á petición incluída na carta que lle foi remitida por parte de todas as organizacións sindicais o pasado 11 de outubro.

Na misiva solicitábase a apertura dunha negociación para recuperar o horario lectivo recortado por Feijóo con anterioridade ao RD 14/2012, que vén de ser derrogado polo goberno do Estado.

En concreto, demandábase a volta aos 18 períodos lectivos máximos en secundaria e aos 21 en primaria, un dereito que xa recuperaron nestes intres outras 7 comunidades autónomas.