• 19-10-21_ReunioncontratasR_BNG_01.jpg
  • 19-10-21_ReunioncontratasR_BNG_03.jpg
  • 19-10-21_ReunioncontratasR_BNG_04.jpg

Representantes do persoal das contratas de R reuníronse co BNG para abordar a deslocalización dos servizos e do emprego

Este martes, 22 de outubro, hai manifestación ás 19 horas na Coruña

A Coruña -

Delegados e delegadas da CIG, CCOO, UGT e CGT nas diferentes contratas de R Cable e Telecomunicacións mantiveron un encontro este luns co BNG para informar do conflito aberto a causa do proceso de traslado de servizos e de emprego fóra de Galiza e para demandar o apoio da formación nacionalista ás súas reivindicacións. A xuntanza ten lugar na véspera da manifestación convocada na Coruña para este martes 22 de outubro, ás 19:00 horas, con saída da tenda de R da Rúa Compostela e remate diante da sede da empresa no Obelisco.

No encontro, que se produciu no edificio de sindicatos da Coruña, participaron representantes dos/as traballadores/as de todos os servizos afectados pola deslocalización (compañías que realizan operación e mantemento, de enxeñaría, de centros de chamadas, etc.), que expuxeron o nivel de afectación laboral que ten a decisión de Euskaltel (propietaria de R), amosaron  a súa preocupación polas consecuencias que terá na calidade do servizo prestado e tamén, dentro deste proceso de traslado, pola supresión da atención telefónica en galego.

Neste senso, reiteraron que hai máis de 1.200 empregos en risco na provincia da Coruña polo que insistiron en que a Xunta debe intervir de maneira urxente na defensa do emprego, do tecido produtivo e para garantir a calidade dos servizos de telecomunicacións. Así, unha das demandas que lanzan ao conxunto das Administracións é que se revisen os contratos ou licitacións de maneira que se teña en conta nas valoracións que o traballo auxiliar das compañías contratadas estea vinculado ao territorio e que se garanta a atención en galego nos servizos telefónicos á cidadanía.

Dende o BNG, Ana Pontón, Néstor Rego e Francisco Jorquera trasladaron o total apoio ás reivindicacións sociais e comprometéronse a seguir presionando institucionalmente para que o conselleiro de Traballo atenda, dunha vez, a solicitude de reunión presentada polos sindicatos, pois a Xunta non pode manterse como simple espectadora ante esta grave situación. A este respecto, coincidiron en valorar que, malia estar en xogo miles de empregos, a transcendencia social deste conflito parece menor que outras problemáticas laborais, precisamente porque R ten moi atomizadas as súas contratas, diluíndo así o impacto real desta deslocalización.

Volver