Representantes do sector de ambulancias acusan a patronal e Xunta de abocalos á folga indefinida

Anuncian manifestación nacional Santiago de Compostela o vindeiro mércores 20 de febreiro
Nacional - 13 Feb 2019

Representantes da CIG, CCOO e UGT, convocantes da folga no sector de transporte sanitario, denunciaron esta mañá, en rolda de prensa, que tanto a actitude da patronal, como a da Xunta de Galiza, que non atendeu á demanda de mediación, acabarán abocando ás traballadoras e traballadores de ambulancias a unha folga indefinida a partir do 20 de marzo. Antes diso teñen convocadas outras dúas quendas de folga, do 18 ao 24 de febreiro e do 4 ao 10 de marzo, ademais dunha manifestación nacional, o día 20 de febreiro, con saída ás 11:30 horas da Praza Roxa, até San Caetano.

Os representantes sindicais valoraron moi positivamente esta primeira quenda de folga, que tivo un seguimento, segundo explicou o responsábel do sector de Transporte da CIG, Xesús Pastoriza, do 100%, a pesar dos servizos mínimos abusivos decretados pola Xunta de Galiza “mesmo superiores aos que se decretaran na folga anterior”, matizou. Un seguimento que se podía constatar nos piquetes “nos que participaron todas as traballadoras e traballadores que non estaban nos servizos mínimos”, subliñou.

Xunta e patronal responsábeis e desaparecidas

Malia o éxito desta primeira quenda de folga, o representante da CIG denunciou que Xunta e patronal están desaparecidos. A patronal, porque xa rachara as negociacións na mesa ao ofertar unha rebaixa do convenio do 10%. A Xunta, porque non deu resposta algunha á petición de mediación que se lle fixo a semana pasada para que constituíra unha mesa tripartita na que se obrigara á patronal a sentar a negociar.

Por iso augurou que, de se manter esta actitude, non quedará máis remedio que ir, finalmente, a unha folga indefinida pola que xa pediron, primeiro, “desculpas e comprensión” ás usuarias e usuarios e, segundo, “que dirixan as súas miradas aos gobernantes e a unha patronal pirata”. Un cualificativo co que tamén se retratou a actitude da administración, que puxo taxis para substituír ambulancias en folga vulnerando a legalidade porque, “non son vehículos axeitados e é ilegal que se utilicen para trasladar doentes, nin un taxista ten a formación necesaria para desenvolver esta actividade”.

Os representantes sindicais lembraron que a problemática que padece o sector vén derivada dun concurso infradotado economicamente pola Xunta, no que as empresas, encabezadas por Ambuibérica, presentaron propostas aínda máis a baixa que foron aceptadas pola administración, a pesar de saber que era imposible garantir así, non só unhas condicións laborais dignas, senón mesmo un servizo de calidade.

Denunciaron que o convenio é, a esta altura, o mesmo que cando comezou o concurso e consideraron que non hai xustificación para que houbera propostas de descolgue. Segundo Pastoriza isto, e que o convenio estea caducado desde hai máis de tres anos, provoca que os salarios leven sen actualizar desde o ano 2015, cun incremento adicional de precariedade por mor dos contratos en prácticas que estas empresas están ofrecendo, con salarios nun 60% inferiores aos dos compañeiros e compañeiras do sector.

A isto engadiu que malia a media de idade das traballadoras e traballadores ser de entre 40-45 anos, neste sector hai un 13% de baixas, por problemas musculo-esqueléticos, cando a media en Galiza é dun 5%.

Presentación de demandas

Os representantes do sector lembraron que xa está presentada unha demanda polos servizos mínimos abusivos e anunciaron que prevén presentar tamén demanda polo uso de taxis para suplir as/os folguistas, vulnerando así o dereito fundamental á folga.