Representantes dos comités de Meirama e auxiliares pasarán a noite pechados no Concello de Ordes

Demandan a Feijoo a creación dunha comisión e exixen ser recibidos polo conselleiro de Industria

Ordes -

Representantes dos comités de Meirama e de empresas auxiliares iniciaron esta mañá un peche no Concello de Ordes para manifestar a súa oposición á decisión de Naturgy de pechar a instalación e demandar do presidente da Xunta a creación dunha comisión para defender en Madrid unha posición galega conxunta. Ademais exixiron ser recibidos polo conselleiro de Industria para abordar a actual situación.

O presidente do comité de empresa de Meirama, Bautista Vega Tato denunciou, en rolda de prensa, a decisión de Naturgy de non investir en Meirama e condenar a vida da central a partir de xuño de 2020. “Entendemos que estamos nun centro que é rendíbel, que está producindo actualmente, porque malia agora mesmo non estar cobrando nin por dispoñibilidade, nin por capacidade, e de ter subido a tonelada de CO2, Meirama segue funcionando e este ano imos pasar do 50% da súa capacidade produtiva”.

Por iso insistiu en que “é un centro absolutamente produtivo e o único que lle vai impedir facelo é a non inversión nas dúas plantas de captación de contaminantes: a desulfuradora e a desnutrificadora”.

Alternativas

Vega Tato demandou tamén da compañía que explique que tecnoloxías vai instalar para que se manteñan todos os postos de traballo, tanto da principal como das auxiliares. “Polo que se nos dixo até o de agora, non hai garantía de ningún tipo de que eses postos de traballo se manteñan”, dixo.

Fronte a isto asegurou que este “é un enclave produtivo que non debería de perder Galiza e Naturgy, se toma a decisión de non investir nas plantas de captación de contaminantes, tería que investir, e nós así llo pedimos, noutro tipo de tecnoloxías que nos permitiran seguir producindo enerxía eléctrica e seguir mantendo os postos de traballo que hai actualmente”.

Creación dunha gran comisión

En representación dos comités, o presidente do de Meirama demandou do Presidente da Xunta que lidere unha gran comisión que se faga en Galiza coa presenza das organizacións políticas con representación parlamentaria, dos sindicatos representativos, dos colectivos afectados e do comité, para “buscar unha posición común e con ela ir a Madrid a pelexar co Ministerio de Medio Ambiente, porque entendemos que o carbón ten sitio nesta transición que se vaia facer cara outro tipo de tecnoloxías limpas coas que nós estamos de acordo”.

Unha comisión da que considerou que tería que saír unha posición conxunta de defensa das plantas de Galiza, tanto a das Pontes, onde se está a facer xa o investimento necesario, como a de Meirama.

Apoio a que se produza con enerxías limpas

En todo caso o comité tamén expresou o seu acordo “absolutamente” con que se vaia camiñando cara a produción de enerxía eléctrica con enerxías menos contaminantes. Cuestión que considerou imposíbel, neste intre, coas tecnoloxías que utiliza a planta e porque “dependemos de factores meteorolóxicos para cubrir as necesidades enerxéticas do país”. Por iso, avanzou que “o carbón segue tendo sitio dentro do mix enerxético”.

Desde o salón de plenos do concello de Ordes mandaron tamén “un recado” ao conselleiro de Industria. A este respecto, Bautista Vega lembrou que xa se celebrara, hai un tempo, unha xuntanza con el para abordar estas cuestións e que ao seu remata quedaran emprazados para unha seguinte reunión que nunca chegou a celebrarse. “Intentei poñerme en contacto con el en dúas ocasións pero, de momento, non devolveu a chamada”.

Por iso pediu ese encontro para buscar unha solución en común que interesa aos traballadores e a Galiza como nación.

En apoio dos comités estaban o secretario comarcal da CIG-Coruña, Xabier Filgueira, o secretario comarcal da CIG-Industria da Coruña, Eduardo Caamaño, ademais de representantes municipais de Ordes e o deputado do BNG no Parlamento galego, Mini Rivas.

Volver