Rexeitan cunha concentración no Parlamento a proposta de revisión do Plan Forestal do PP

Os colectivos convocantes apostan “Por un Monte Galego con Futuro”

Nacional -

Coincidindo co debate, no Parlamento de Galiza, da revisión do Plan Forestal proposta polo Partido Popular, numerosas persoas se concentraron convocadas pola fronte de organizacións Por un Monte Galego con Futuro, para manifestar o seu rexeitamento a un texto que terá graves consecuencias para o medio rural galego, desde a organización do territorio, até o modelo de xestión dos nosos montes, a nosa riqueza forestal ou no combate aos lumes forestais.

A fronte de organizacións denuncia a falta de consenso e participación social coa que se levou adiante esta proposta que consideran, tal e como veñen denunciando, “feita a medida para satisfacer os intereses económicos das empresas” deixando a ordenación dos usos do monte e das terras nas mans das empresas forestais e madeireiras e que pretende ademais que o único uso do monte, incluído o veciñal, sexa o produtivista e en réxime de monocultivo de eucalipto e algo de coníferas.

Respecto do monte veciñal en man común, denuncian que o plan forestal pretende dar o último paso cara a desaparición definitiva desta titularidade singular que é, ademais, un dos sinais de identidade do noso país. Deste xeito estes montes poderían entrar no tráfico comercial, venderse ou repartir “para que se poidan levar adiante proxectos forestais e megaforestais, mineiros ou de lecer das elites, como campos de golf”.

Ademais favorece o incremento da superficie dedicada ao eucalipto e ás coníferas o que provocará que sigamos tendo vagas de lume cando a climatoloxía o favoreza e adoece de falta de medidas de protección para a biodiversidade e os solos ou para controlar as especies invasoras.

Por todo isto as organizacións “Por un Monte Galego con Futuro” defenden un modelo completamente contrario, que aposte polo aproveitamento da biodiversidade, cunha masa forestal multifuncional no país, onde se poidan pechar os ciclos produtivos de toda a transformación da madeira e onde ese aproveitamento se faga co menor dano ao medio ambiente, xerando beneficios sociais, riqueza e favorecendo o asentamento de poboación.

Volver