Denuncian o uso das escolas infantís públicas para a campaña electoral do PP

Política Social remitiulle ás familias fotos das crianzas acompañadas dunha carta do presidente da Xunta
Nacional - 20 Xan 2020

O comité de empresa de Política Social da provincia de Pontevedra vén de posicionarse en contra do acontecido o pasado mes de decembro nas escolas infantís de todo o país dependentes do Consorcio e da Consellaría, ao entender que se trata dunha campaña política do PP e do Núñez Feijóo. Daquela, o departamento autonómico remitíralles aos pais e nais fotografías das crianzas acompañadas dunha carta do presidente da Xunta.

Dende a representación dos traballadores/as denuncian que a Consellaría de Política Social enviou a fotógrafos profesionais para que, previa autorización das familias, retratasen a cada unha das crianzas matriculadas nos centros de todo o país”sen ter en consideración as necesidades dos cativos/as e interrompendo o seu ritmo diario”. 

O persoal tivo que meter as fotos e as cartas en sobres, facendo de "axentes de propaganda"

A finalidade das imaxes, segundo a Consellaría, foi para agasallar as familias cunha felicitación de Nadal. “E este agasallo, por suposto, non viña só, senón acompañado dunha carta do señor Feijóo a cada familia”.

Ademais, aos centros de traballo chegaron indicacións precisas para que as traballadores/as ensobraran as fotos e maila carta, “facendo así que o persoal exercese de axente de propaganda”.

"Prácticas impresentábeis"

E isto sucede, segundo critican, mentres os centros de traballo non contan cos materiais necesarios (xoguetes, contos, etc) cos estándares de calidade pedagóxica actualizada; teñen eivas graves nas instalacións, incluso de seguridade para crianzas e persoal; e non se cobren as ausencias do persoal para cadrar a fin do exercicio”. “A pesar disto, a Consellaría aposta por facer campaña electoral para perpetuarse na desfeita”. 

Por todo isto, dende o comité de empresa, presidido pola CIG, rexeitan estas “prácticas impresentábeis”, así como a utilización do diñeiro público “para intereses partidistas”.