Reymogasa e Cyrgasa anuncian ERTEs tras a decisión de Alcoa de non reconstruír as cubas

A plataforma de auxiliares rexeita a medida e advirte que fará as accións necesarias na defensa dos empregos

Cervo -

A pasada semana a dirección de Alcoa comunicaba que a partir de agora non reconstruirá as cubas de electrólise cando cheguen ao final da súa vida útil. A consecuencia directa desta decisión é que as empresas Reymogasa e Cyrgasa veñen de anunciar a presentación de cadanseu ERTE que afectarán a 50 traballadores/as que se encargaban das tarefas de rebrascaxe das cubas.

Dende a plataforma coordinadora de auxiliares amosan o total desacordo con estas medidas, “cando hai apenas unhas semanas todo o cadro de persoal destas empresas, e do resto das auxiliares, fomos tratados como traballadores e traballadoras esenciais que non podíamos parar a nosa actividade laboral mentres o Estado español atravesaba a peor crise sanitaria do último século”.

Pola contra, critican, agora que o interese de Alcoa implica prescindir destes 50 traballadores/as “parece que xa non somos tan esenciais e nin o Goberno español nin a Xunta de Galiza se posicionan sobre se son importantes os nosos postos de traballo ou non o son”.

"Alcoa está despedindo"

O colectivo denuncia que a multinacional norteamericana se desentende totalmente deste persoal, deixando toda responsabilidade nas empresas auxiliares. “Nós queremos ser claros, Alcoa está despedindo persoal, as persoas que operan na factoría de San Cibrao fan traballo directo e exclusivo para esta multinacional e se prescinde de traballadores/as das auxiliares está a despedir obreiros/as”

A este respecto, o voceiro da plataforma, Kike Rocha, lembra que dende que o Estado español lle vendeu a factoría a Alcoa, esta eliminou máis de 600 postos do seu cadro de persoal, externalizándoos en empresas auxiliares e precarizándoos. “Mais agora que chega o primeiro golpe forte somos o persoal precarizado, o esquecido, o primeiro en verse no paro”.

Paralización das horas extras como medida de presión

Diante disto, como primeira medida de resposta, o pasado domingo anunciouse a paralización das horas extraordinarias, pero dende a coordinadora xa advertiron que as accións “serán máis, irán a máis e non vacilaremos en canto a defender os nosos postos de traballo se refire, porque non permitiremos que se confinen os nosos dereitos laborais nin se confine o futuro de toda unha comarca mentres unha multinacional sen escrúpulos destrúe a fabrica que os nosos avós construíron”.

Por iso, engade, apoiamos a petición do comité de Alcoa para que a multinacional dea marcha atrás e paralice de inmediato a medida anunciada.

Unha vez que as direccións de Reymogasa e Cyrgasa presenten a documentación dos ERTEs acordaranse as seguintes medidas a realizar.

Volver