Ruindades na crise sanitaria: Tecman–Electrorayma non lle paga ao persoal, en ERTE por forza maior, as horas que está de retén

O comité presentará denuncia na Inspección de Traballo
Ferrol - 08 Abr 2020

A pandemia da COVID19 está a evidenciar unha chea ruindades e abusos patronais levados a cabo coa escusa da crise sanitaria. O comité da UTE Tecman–Electrorayma (adxudicataria do contrato de mantemento integral de Navantia Fene-Ferrol) vén de denunciar que empresa non lle quere abonar aos traballadores e traballadoras o servizos de retén que están a prestar e que está recollido no convenio colectivo de aplicación.

A empresa presentou un ERTE por causas de forza maior con data de aplicación dende o pasado 16 de marzo, acolléndose así a unha medida "na que non existe negociación coa parte social e aforrándose os salarios e unha parte moi importante das cotizacións á Seguridade Social dos 57 traballadores e traballadoras que forman actualmente o cadro de persoal".

Na mesma comunicación do ERTE, a empresa formula un “calendario de reténs” que implicaría a entrada e saída dun número determinado de traballadores do expediente de regulación para prestar servizos mínimos de retén e adxunta un calendario destes. O cadro de persoal acepta a realización destes servizos mínimos de retén estando a disposición da empresa 24 horas ao día vía telefónica e persoándose no centro de traballo en canto son requiridos.

"A nosa sorpresa chega ao recibir as nóminas do mes de marzo e atopármonos con que a empresa non retribúe o servizo de retén prestado e que está recollido no convenio colectivo de aplicación. Despois de reclamar o pago deste servizo, a resposta da empresa foi que non hai nada máis que o salario diario", denuncia o comité.

Unha empresa con longo historial de incumprimentos

A representación do persoal lembra que non é a primeira vez que esta empresa incumpre o convenio, e que incluso foi convocada folga indefinida por non respectar, entre outras cuestións, o prezo das horas extraordinarias estipulado ou incluso asinando un acordo en mediación para aboar este servizo de retén e as gardas. "Recordaremos tamén que os traballadores da UTE Tecman–Electrorayma convocaron unha folga porque o xerente desta, o empresario José Ramón Franco, pretendía despedir a nove traballadores". Medida de presión que forzou a readmisión dos compañeiros despedidos.

A pesar do incumprimento por parte da dirección da UTE, engaden dende  o comité, o"s traballadores están atendendo o servizo de retén aos que se comprometeron voluntariamente e así non poñer en problemas nun servizo básico para Navantia como é o mantemento das súas instalacións, a pesar da dificultade que supón traballar nesta situación de alerta sanitaria, expoñendo a propia saúde".

Dende o comité (con maioría da CIG) anuncian que loitarán e reclamarán o pago desta remuneración, polo que xa puxeron esta situación en comunicación de Navantia e van presentar a correspondente denuncia na Inspección de Traballo.