Ve a luz Enxergar, revista de pensamento e análise da Fundación Moncho Reboiras

A publicación editarase semestralmente e distribuirase tanto en formato físico como dixital
Nacional - 22 Xul 2019

A Fundación Moncho Reboiras vén de editar o primeiro número de Enxergar, revista de pensamento e análise que abordará cuestións relacionadas co movemento obreiro e coa problemática social e nacional de Galiza. A publicación, que terá carácter semestral, sairá á rúa este 25 de Xullo, Día da Patria Galega, tanto en formato físico como dixital.

No número que inaugura a publicación, que sairá á rúa este 25 de Xullo, Día da Patria Galega, pódense atopar artigos de Antolín Alcántara (“Reformas laborais e empobrecemento da clase traballadora”); Suso Seixo (“25 aniversario da constitución da CIG”); Marga Corral (“Reflexións sobre feminismo e clase”); e Paulo Carril (“Nación e clase, na conmemoración do Día da Patria Galega”). 

A publicación incluirá contidos relacionados co movemento obreiro e coa problemática social e nacional de Galiza

Tamén inclúe un texto de Xoán Costa sobre o nacemento de Nós Diario e unha entrevista de Manuel Mera a Ricardo Antunes, profesor de Socioloxía do Traballo no IFCH/UNICAMP de São Paulo (Brasil).

Segundo explican dende a Fundación, a revista nace coa finalidade de fomentar o estudo, a investigación e a divulgación de todo o relacionado co movemento obreiro e coa problemática social e nacional de Galiza, obxectivos que figuran nos estatutos da propia Fundación e que centran a súa actividade. Con esta orientación editou nos últimos anos numerosos traballos en soportes variados: libros, cadernos, exposicións, vídeos, etc.

Dentro do obxectivo de fomentar o estudo e dar a coñecer a nosa realidade nacional a todos os galegos/as, nomeadamente aos cadros e delegados/as sindicais da CIG, o Padroado da Fundación acordou editar unha revista para divulgar estudos e investigacións sobre a situación laboral, económica, social, lingüística e histórica do noso país. As persoas encargadas de elaborar os contidos serán expertas, analistas e dirixentes sindicais, que achegarán as súas reflexións, experiencias e investigacións.

Transformar a realidade en beneficio das clases populares

Tal e como sinalan dende a Fundación Moncho Reboiras, a globalización neoliberal que foi impondo a escala mundial o capital transnacional, con máis intensidade nas últimas décadas, está a crear unhas condicións económicas, sociais e laborais moi negativas para a clase traballadora no seu conxunto, e de forma especial nas nacións colonizadas como é o caso de Galiza.

Para incidir nesta realidade e transformala en beneficio dos intereses das clases populares galegas, cómpre fomentar a análise e o estudo da nosa realidade nacional no momento actual, coñecer como está a ser afectada pola globalización neoliberal, cal é o papel de Galiza no Estado, na UE ou neste mundo multipolar no que estamos inmersos.

“Todo este coñecemento temos que divulgalo, poñelo ao servizo dos e das militantes das organizacións sociais e políticas actuantes no noso país, para que elaboren alternativas e coa súa práctica nos permita avanzar na conquista dunha sociedade galega máis xusta, igualitaria, democrática e soberana”, sosteñen.

Polo tanto, coa edición de Enxergar (visualizar, ver ao lonxe, ver máis alá) pretenden achegar o seu “gran de area” a este labor tan importante e ambicioso.

“Para nós será motivo dunha grande satisfacción se conseguimos que o esforzo que a Fundación Moncho Reboiras fai editando esta revista se ve recompensado coa lectura e o interese polo seu contido por parte de todos/as aqueles/as galegos/as preocupados/as polo futuro da nosa terra e das súas clases traballadoras”, rematan.