Sahara, un conflito esquecido

Iosu Perales - 26 Ago 2016

O obxectivo marroquí non é outro que provocar unha fatiga en Nacións Unidas, e mesmo na poboación saharauí, de maneira que cedan ante o que é agora a súa proposta final: conceder ao Sahara Occidental unha autonomía limitada como territorio indivisíbel do reino de Marrocos

 Durante os meses de verán vexo nos nosos concellos nenas e nenos saharauís. A eles sorríolles e ás familias que os acollen admíroas. Tamén me pregunto se non teríamos realmente esquecido o drama dun pobo que maioritariamente sobrevive en campamentos de refuxiados, en pleno deserto, onde son comúns a anemia, a deshidratación, a diabetes e as infeccións. Penso niso e váiseme o sorriso e vólveme a indignación. Hai tres feitos que permiten comprender a natureza deste conflito que dura xa máis de 40 anos e que enfronta o pobo saharauí co Reino de Marrocos.

 Un primeiro é que se trata basicamente dun problema de descolonización, inscrito na axenda da ONU desde 1963. O que quere dicir que este pobo ten un dereito inalienábel á autodeterminación e non pode ser adquirido o seu territorio mediante o uso da forza, razón pola cal nin a ONU nin ningún país do mundo recoñeceu a legalidade da anexión marroquí do Sahara Occidental. O segundo feito lembranos que a orixe do conflito está na invasión militar e anexión forzada por parte de Marrocos en 1975. Isto sucedeu por dúas razóns: a) España, como potencia colonial, prometeu ás saharauís un referendo de autodeterminación, promesa que traizoou asinando con Marrocos e Mauritania, o 14 de novembro de 1975, a entrega do territorio; b) A monarquía alauita, en situación de crise de lexitimidade interna, impulsou a ideoloxía expansionista do “Gran Marrocos” co obxectivo de construír un consenso nacional. O terceiro feito é que a Fronte Polisario, representante do pobo saharauí, se viu obrigada a organizar unha resistencia que durante 16 anos foi armada e posteriormente pacífica e diplomática. Resultado do cal a República Árabe Saharauí Democrática é recoñecida por máis de 80 estados e é membro fundador da Unión Africana.

 Uns datos para contextualizar o conflito. O Sahara Occidental foi territorio español colonizado entre 1884 e 1976. Entre os anos 1960 a 1970 a meirande parte das colonias africanas liberáronse e independizáronse, agás as portuguesas, os territorios administrados por Suráfrica e o Sahara Occidental que tiña nese momento o estatus de provincia española. A partir de 1965 a Asemblea Xeral da ONU adoptou diversas resolucións encamiñadas todas elas a impulsar o proceso de autodeterminación. Nelas recoñecíase o dereito inalienábel do pobo saharauí a decidir o seu futuro, incluída a independencia. Iso deu lugar a que en 1970 xurdise un movemento nacionalista que comezou a facer presión sobre as autoridades españolas para que cumprise coas decisións de Nacións Unidas. En 1973 fundouse a Fronte Popular de Liberación de Seguía El Hamra e Río de Ouro (Fronte Polisario).

 Os gobernos occidentais adoptaron reservas ante o Polisario á que consideraron como unha forza baixo influencia alxerina. Estado Unidos tampouco desexaba a creación dun estado débil, de carácter socialista, e comezou a traballar na idea de integrar o Sahara en Marrocos. Os cálculos xeoestratéxicos comezaban a pesar decisivamente no conflito. Para frear o movemento, España ofreceu un estatuto de autonomía que puxese a administración en mans de nativos pero reservando as decisións importantes para as autoridades españolas. O Polisario opúxose rotundamente e iniciou unha guerra de guerrillas contra as forzas militares ocupantes. Tras os acordos con Marrocos e Mauritania de 1975, en febreiro de 1976 saíron do Sahara as tropas españolas. A posición española era xa internacionalmente indefendíbel, nun contexto de crise terminal do franquismo. Ademais, para presionar máis eficazmente Marrocos puxo sobre a mesa as cidades de Ceuta e Melilla.

 Determinante para o desenlace da negociación foi a famosa “Marcha verde” ordenada polo rei Hasán II, que conduciu a 325.000 marroquís civís até o territorio saharauí, invadíndoo, tras cortar os muros de arame, facilitando a toma de posesión deste polos 25.000 militares que incluían semellante despregamento humano.

 Tras a ocupación pola forza, a primeira defensa xurídico-política de Marrocos foi a de argumentar que no momento da colonización por España, o Sahara era un territorio sen dono e que xa existían vínculos xurídicos entre devandito territorio e o reino de Marrocos e o conxunto mauritano. O asunto foi levado ao Tribunal de Xustiza da Haia que fallou en contra de Marrocos, sentenciando que antes de 1884 o territorio estaba habitado por poboacións que, aínda que nómades, estaban social e politicamente organizadas e colocadas baixo a autoridade de xefes competentes para representalas. Ademais fallou que non existía ningún vínculo de soberanía territorial entre o Sahara Occidental e Marrocos, nin tampouco co conxunto mauritano. A posición do Tribunal Internacional animou o Polisario a proclamar a República Árabe Saharauí Democrática (RASD) o 28 de febreiro de 1976.

 A guerra abriuse paso. Mauritania sufriu reveses a mans das tropas saharauís e retirouse do conflito. Pola súa banda, derrotada as teses de Marrocos ante o Tribunal Internacional, Hasán II ordenou a construción de até seis muros defensivos do territorio ocupado polo seu exército e colonizado por miles de homes e mulleres levados desde todos os recunchos do reino. Iniciouse entón a batalla que dura até hoxe, ao redor do referendo de autodeterminación e na que se desprega a segunda liña defensiva marroquí que consiste en avultar significativamente o número de persoas con dereito a voto. Mentres o Polisario e a ONU facían valer inicialmente o censo realizado polos españois en 1974, integrado por 75.000 persoas, tras a intervención da MINURSO (misión da ONU no Sahara Occidental), baixo a dirección de James Baker (enviado especial de Kofi Annan para o conflito) a ONU publicou a listaxe de votantes que contiña 82.249 persoas. Fronte a estas cifras Marrocos elaborou a súa censo de 240.000 persoas, nas que incluía os colonos colocados no territorio a partir do seu dominio do territorio a principios de 1976.

 A guerra de cifras continúa até hoxe e constitúe a causa dun bloqueo perpetuo. O obxectivo marroquí non é outro que provocar unha fatiga en Nacións Unidas, e mesmo na poboación saharauí, de maneira que cedan ante o que é agora a súa proposta final: conceder ao Sahara Occidental unha autonomía limitada como territorio indivisíbel do reino de Marrocos.

 Naturalmente o Polisario rexeitou a proposta marroquí, reclamando a autodeterminación e o dereito á independencia. Baker resentiuse do golpe e en 2003 propuxo un novo acordo que partía dun proceso previo de eleccións autonómicas, deixando o referendo de autodeterminación para catro ou cinco anos despois. A resposta do Polisario mostrou unha disposición a explorar esa vía, pero Marrocos lanzou unha negativa categórica: en primeiro lugar porque non podía caer no risco de que outras rexións do reino reclamasen algo parecido, por exemplo a sempre inqueda rexión do Rif. En segundo lugar porque logo de cinco anos a correlación de forzas no Sahara Occidental podería estar na súa contra. En terceiro lugar había unha terceira razón non oficial: e é que os colonos asentados no territorio a partir de 1976 podían preferir a independencia ante un horizonte económico máis atractivo.

 O certo é que o paso dos anos foron cansando a unhas Nacións Unidas sen eficacia. Deste xeito desde que o Consello de Seguridade recomendase que sexan as dúas partes as que negocien, o labor do organismo internacional foi cada vez máis irrelevante. Por suposto nun escenario de negociación entre saharauís e marroquís a vantaxe téñena estes últimos. O bloqueo continuará se a comunidade internacional non o remedia (é unha vergoña que a Unión Europea siga negociando acordos pesqueiros con Marrocos que afectan a augas saharauís). Marrocos sábeo e xoga co tempo, controlando o 85% do territorio saharauí, incluíndo as zonas economicamente máis produtivas, onde os dereitos humanos estás suspendidos por Mohamed VI, quen incrementou a represión sobre a poboación saharauí que quixo quedar na zona ocupada. Sería unha desfeita que a ONU, cansada da súa propia ineficacia, terminase aceptando as condicións marroquís. Iso desvelaría, de novo, que o mundo é un lugar gobernado por matóns.

 Hai que ser prudentes sobre os escenarios posíbeis. A volta á loita armada non é unha hipótese a desprezar, tendo en conta sobre todo o descontento da mocidade saharauí. Pero non é probábel. Desde logo, o feito de que a causa saharauí non mova unha cella dos gobernos occidentais, nin constitúa unha prioridade nas axendas políticas, é unha mala noticia. A única alternativa, moral e politicamente posíbel, reside na presión social que nun momento dado poida emerxer e que é pola que loita desde hai anos as múltiplas Asociacións de Amigos do Sahara repartidas por todo o Estado español e Europa. Esa presión debe manter que a solución xusta, pacífica e duradeira, non é outra que o libre exercicio do dereito de autodeterminación. Mediante o exercicio deste dereito Namibia, Timor Oriental e o Sur de Sudán foron admitidos como estados libres. É ao que aspira o pobo saharauí, ao que se lle roubou o territorio e o seu desenvolvemento como nación.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘América Latina en Movimiento’, do 22 de agosto de 2016]