Salario mínimo, produtividade e inflación

Manuel Mera - 16 Xan 2024

A inflación anual en Galiza foi do 3,7% a setembro de 2023, e o aumento salarial nos convenios asinados ou revisado no noso país até ese mes creceron como media o 3,89% (fronte a un 3,23% dos convenios estatais aplicados na nosa nación). O diferencial co aumento do SMI é cativo

 O pacto entre o Goberno central e máis CCOO e UGT fixou o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) en 1.134 euros en 14 pagas. Ou sexa, un aumento de 54 euros ao mes. Un 5% de suba (un café con leite por día). CCOO di que está ben, porén que é un tema máis ao que se debería engadir unha mellora nas subvencións por desemprego. Semella algo positivo, mais o que sucede na práctica é que, para alén das mesas de negociacións coa patronal e o Goberno central, a presión nas cuestións estruturais destas dúas centrais sindicais está ausente, e as melloras non compensan os pasos atrás. E non porque falte conflitividade laboral, que a hai a esgalla, cando menos en Galiza.

 Estas centrais sindicais converteron a negociación, non en parte da acción reivindicativa, senón no obxectivo principal e en moitos casos exclusivo (seica) para manter e avanzar nos dereitos laborais. Daquela que a patronal se sinta tan fortalecida e, fóra dalgún caso concreto (para que cada un escenifique seu rol na sociedade) estea tan predisposta a pactar entre cúpulas, para acordar salarios e condicións laborais na máis absoluta pasividade (como tantas veces ten denunciado a CIG). Á CEOE esta praxe sindical e partidaria dálle resultado, como se reflicte no reparto desigual do PIB.

 Respecto deste aumento do SMI, tan gabado polo Goberno central e mais por CCOO e UGT, hai que salientar, que se trata do salario bruto, e que segue estando por debaixo do 60% do salario medio, como reivindica a Carta Social Europea (1.253 euros en 14 meses). Estamos a falar de 119 euros máis ao mes, unha contía cativa para a patronal, porén que axudaría un chisquiño a máis de 2,5 millóns de traballadores e traballadoras no Estado español, que teñen que rañar acotío no peto.

 Desde a patronal e os partidos sistémicos faise moito fincapé en que os aumentos salariais deben estar ligados á produtividade, xa que en caso contrario se colocan en perigo os postos de traballo, xa que a empresa se vería obrigada a pechar ou reducir persoal. Pode ser así nalgún caso, mais o aumento do SMI nos últimos anos, sempre por riba da produtividade declarada, non alentou o desemprego senón que creceu o emprego e o PIB. Ademais, non se pode obviar que a produtividade está moi ligada hoxe á tecnificación, innovación, políticas de promoción e venda, etc. No sistema capitalista sempre hai empresas que fracasan, aínda con traballo en negro e salarios indignos.

 Por último, é ben destacar que cando se compara o aumento do SMI coa inflación cómpre termos en consideración que para calculala se utiliza unha familia tipo, cuns ingresos e gastos que non responden á inmensa maioría das familias afectadas polo salario mínimo. Nestas os gastos en alimentos, transporte, vivenda, enerxía... representan unha porcentaxe máis elevada do salario. Polo tanto a inflación que padecen é máis alta que a que se utiliza como referencia xeral. Uns datos. A inflación anual en Galiza foi do 3,7% a setembro de 2023, e o aumento salarial nos convenios asinados ou revisado no noso país até ese mes creceron como media o 3,89% (fronte a un 3,23% dos convenios estatais aplicados na nosa nación). O diferencial co aumento do SMI é cativo.

 A inflación deberíase medir por grandes grupos sociais (fíxose na Arxentina). Por exemplo, os alimentos subiron en termos anuais a setembro de 2023 un 10,5%. En meses posteriores a inflación foise moderando (será unha evolución consolidada ou só conxuntural, tendo en consideración o que sucede no Mar Vermello?). En todo caso, a diferenza en como afecta unha familia con ingresos baixos, e outra con altos, é unha realidade evidente, daquela que para reducir a súa incidencia durante esta crise o Goberno central subvencionase o consumo eléctrico, alimentos, transporte, etc. Mais a compensación foi só parcial, daquela o medre da precariedade social, da pobreza. Daquela que se aumente o 5% o SMI (tamén para recuperar imaxe o Goberno despois do debate no Congreso?). Un SMI do 60% do ingreso medio, as melloras laborais e dos servizos e prestacións públicas, son obxectivos políticos que complementan e serven de base estrutural á loita sindical.

 

[Galiza, 16 de xaneiro de 2024]